Evolución da Literatura Galega: Prosa, Poesía e Sociolingüística

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,26 KB

Características da prosa

Pode chegar a desaparecer o argumento nunha obra.

  • Os personaxes deixan de ser os heroes centrais arredor dos cales xira o relato.
  • Prodúcense rupturas na presentación cronolóxica dos feitos.
  • O narrador deixa de ser omnisciente.
  • Emprégase o multiperspectivismo.
  • Renovación da linguaxe.
  • Incorporación de novos espazos.

A novela tamén sofre importantes modificacións dende o punto de vista estético e formal:

  • Desaparecen os seus límites e inclúense nela textos de diferentes tipos (anuncios, informes, textos xornalísticos, etc.).
  • Suprímense os capítulos.
  • Preséntanse varias historias combinadas (contrapunto).

Narrativa comercial

  • Xénero policial: É un dos xéneros máis cultivados. Crime en Compostela (1984), de Carlos G. Reigosa.
  • Ficción científica: Xénero iniciado na nosa literatura por Lois Diéguez en 1976 coa novela Galou Z-28.
  • Novela do oeste: Fórmula pouco empregada na nosa literatura. A morte de Frank González (1975), de Xosé Fernández Ferreiro; Os outros disparos de Billy (1991), de Carlos G. Reigosa.
  • Narrativa erótica: O máis claro expoñente é Anel de mel (1991), de Xulio López Valcárcel.

Narrativa autóctona

  • Narrativa realista: Pode centrar a acción no rural ou no urbano. O realismo pode aparecer baixo forma de crónica ou de crónica novelada (Trailer, de Fran Alonso).
  • Narrativa histórica: Tivo o seu momento de auxe na primeira metade da década dos oitenta e foi cultivada por autorías relevantes. Morte de rei (1996), de Darío Xohán Cabana.
  • Narrativa memorialista: Centrada na Guerra Civil e na posguerra. Scórpio (1987), de Ricardo Carvalho Calero.
  • Narrativa de aventuras: Morning star (1998), de Xosé Miranda.
  • Narrativa feminina ou “feminista”: Neste tipo de obras, a muller exerce un case total protagonismo. En Amor de tango (2007), Mª Xosé Queizán aborda o tema da homosexualidade.
  • Narrativa intimista: Fórmula empregada por Manuel Rivas en O lápis do carpinteiro (1998).
  • Narrativa artúrica: Recupéranse os mitos do “ciclo bretón” en Galván en Saor (1989), de Darío Xohán Cabana.
  • Narrativa de misterio: Tres historias para ler á noite (1992), de Paco Martín.
  • Narrativa humorística: O humor é unha característica coa que nace a nosa literatura. Nos tempos modernos aparece desde a ironía, a parodia ou o esperpento, e emprégase adoito para provocar o sorriso. Erros e Tánatos (1996), de Gonzalo Navaza.
  • Cunqueirismo: Nestas obras mestúranse o fantástico e o real, ao estilo de Cunqueiro. Historia dun paraugas azul (1991), de Xosé Miranda.

Poesía galega no século XXI

O peso e relevancia da escrita feminina (e feminista), en sintonía co período precedente.

A decidida aposta por unha obra comprometida, virada cara aos conflitos e loitas das complexas sociedades actuais (violencia machista, ecoloxismo, pacifismo), expresada con fórmulas que moi pouco teñen que ver co socialrealismo dos anos 60/70.

A forte presenza de enfoques e propostas de experimentación e de ruptura formal (rexeitamento dos esquemas compositivos tradicionais e da rima) e temática.

O intenso cultivo da “poesía da experiencia”, que aposta polas fórmulas e moldes tradicionais, aborda asuntos da cotidianeidade e o íntimo, rexeita o culturalismo e está caracterizada pola presenza dunha linguaxe máis próxima e accesible. Neste sentido, búscase trasladar unha mensaxe clara e directa, evitando os artificios literarios superfluos.

A procura de novas canles de edición e difusión alternativas para a poesía, co incremento da chamada “ciberliteratura” (poesía en redes sociais, revistas virtuais, performances músico-poéticas ou poético-teatrais) e a posta en marcha de selos editoriais como Apiario e Chan da Pólvora.

Trazos da xeración dos 90

  1. Renovado tratamento de temas eternos (amor, morte...) desde o eu lírico e cunha actitude básica que pode definirse como “intimismo da experiencia”. Predomina o ton vivencial.
  2. Uso esmerado da linguaxe, frecuentemente máis directa e coloquial, pero sen caer no descoido formal.
  3. Claro afán experimental.
  4. Recuperación da poesía comprometida, coa abordaxe de temas sociais e patrióticos desde sensibilidades alternativas.
  5. Relectura da tradición mítica e literaria en chave feminista.

Tendencias do século XXI:

  • A da “poesía da experiencia”, antirretórica e depurada, representada por poetas como Berta Dávila (Corpo baleiro) e Ismael Ramos (Lixeiro, premio de Poesía Xoven Miguel Hernández do Ministerio de Cultura en 2022).
  • A da poesía formalmente rupturista e de deconstrución da linguaxe, que segue as liñas abertas no inmediato pasado por Lois Pereiro, Xela Ariais ou Chus Pato. Esta liña estaría representada por poetas como Andrea Nunes Brións (Todas as mulleres que fun).
  • A da poesía “lúdico-irreverente”, que bebe de experiencias previas como a dos grupos Rompente e Ronseltz, que estaría representada polas creacións do dúo Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao, autoras de performances músico-poéticas como Onde estea un cubata que se quite un soneto e libros como Ninguén morreu de ler poesía).

Sociolingüística

Estatuto de Autonomía (1981). Recoñece o galego como lingua propia e recolle a obriga dos poderes públicos de cumprir coa cooficialidade, a promoción do galego e a non discriminación por cuestións lingüísticas.

Lei de normalización lingüística (1983). Desenvolvida polo Parlamento de Galiza, declara que os poderes públicos teñen a obriga de garantir o uso normal do galego e de facilitar o seu coñecemento. Tamén establece o dereito da cidadanía a usar o galego coa Administración pública, recoñece como única toponimia oficial a galega e regula o nacemento de medios de comunicación públicos en galego (RTVG).

Neste contexto, destaca como feito histórico a introdución da materia de Lingua e Literatura Galega no ensino primario e secundario, xa que, por primeira vez, a poboación galega comeza a ser alfabetizada na lingua propia. No que respecta á lexislación en materia lingüística no ensino, esta introdución realízase ao abeiro do Real Decreto 1981/1979, de 20 de xullo, polo que se regula a incorporación da lingua galega ao sistema educativo en Galicia. No curso 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO polo menos o 50% das materias sexan en galego. En 2010, un novo decreto reduce a presenza do galego no ensino ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular do ensino o inglés.

Neste contexto, a cultura galega e a literatura en particular acadaron un importante desenvolvemento, do que son mostra a creación de numerosas empresas editoriais, a profesionalización do mundo do teatro e o audiovisual, a aparición de periódicos, revistas e emisoras radiofónicas en galego, a presenza da nosa lingua no mundo da internet, tamén na música contemporánea e na publicidade, así como a súa utilización pública por parte de profesionais de distintos ámbitos, empresariado, artistas, deportistas, representantes políticos e líderes sociais, e tamén por entidades públicas e privadas.

Nos anos noventa, o galego accede ao mundo da informática.

Entradas relacionadas: