A Evolución da Literatura Galega: Poesía e Prosa desde 1936 ata o Século XXI

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 12,23 KB

A Poesía Galega entre 1936 e 1975: Xeración do 36, Promoción de Enlace e Festas Minervais

A Guerra Civil cortou as actividades políticas e culturais en galego (incluída a poesía). Tamén se asasinaron figuras como Ánxel Casal e se exiliaron outras como Castelao. O rexurdimento comeza con fitos como:

  • 1947: Publicación de Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño.
  • 1949: Celso Emilio Ferreiro dirixe a Colección Benito Soto.
  • 1950: Fúndase a Editorial Galaxia xunto coa revista Grial.

A Xeración do 36

Mozos na época da guerra, nados entre 1910 e 1920, pero formados no nacionalismo de preguerra. Con culturas e estilos diferentes, destacan: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, Luís Pimentel...

A Promoción de Enlace

Formados na cultura castelá, nados entre 1920 e 1930, cultivan unha poesía de temática existencial e angustiada. Non forman un grupo coherente, elaborando a súa obra individualmente nos anos máis negros da posguerra, marcados pola pobreza, a miseria e a falta de medios económicos para realizar estudos universitarios. Destacan: Manuel Cuña Novás, Luz Pozo Garza, Antón Tovar.

A Xeración das Festas Minervais

Autores nados entre 1930 e 1940, non coñecen a guerra e viven unhas circunstancias de maior apertura (viaxan por Europa). Teñen conciencia de grupo. Destacan: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín... Participaron nas Festas Minervais e fundaron o grupo Brais Pinto.

Tendencias da Poesía (1936-1975)

A poesía desta época divídese en tres grandes momentos:

  • Tendencias anteriores: Hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista...
  • Nos anos 50: Influencia do existencialismo e do absurdo, poesía de desarraigo e angustia. Coñecida como a Escola da Tebra ou 'poesía do neboeiro'.
  • Nos anos 60: Evolución cara á temática social e denuncia da falta de liberdade (corrente social-realista).

Celso Emilio Ferreiro

Escritor e político. A súa obra divídese en tres liñas principais:

  • Liña social: Solidaria cos oprimidos, denuncia os males sociais (emigración, inxustiza, antibelicismo). Longa noite de pedra (1962) é o referente da poesía comprometida, denuncia a orde social franquista e procura unha nova realidade.
  • Liña intimista: Inconformismo e desacougo existencial, identificación coa terra, fugacidade da vida. Moraima (1972), poema dedicado á súa muller.
  • Liña irónica: Erosiva e crítica, denuncia a mesquindade, humor sarcástico. A Taberna do galo.

Uxío Novoneyra

Poesía que transcende a escrita con elementos interpretativos non só literarios. Os conceptos básicos son: A Natureza, A Presenza das Cousas, o Devalar do Eu ('Todo ocorre, nada permanece'), o Fonosimbolismo (evocación de sensacións visuais, táctiles, anímicas, auditivas), O Tempo, A Soidade, O Silencio (uso de puntos suspensivos e signos de admiración). Comprometido coa política e a sociedade.

Obras destacadas: Os Eidos (1995), Os Eidos. Libro do Courel (1981).

Xosé Luís Méndez Ferrín

Poeta, novelista e ensaísta. Con pólvora e magnolias (1976) é un punto de inflexión na lírica galega. A súa obra posúe dous eixes:

  • A pólvora: Voz política combativa relacionada coa épica.
  • A magnolia: Simbolismo intimista e nostálxico relacionado coa lírica.

Utilizou a Técnica da Colaxe, con influencias do substrato medieval, simbolismo francés (s. XIX), recuperación do vangardismo, Xeración Beat, celtismo, etc. Outra obra destacada: O crepúsculo e as formigas (1961).

Manuel María

As liñas temáticas da súa obra son:

  • Existencialista: Iniciador da 'Escola das Tebras'.
  • Corrente Paisaxística: Capta os matices máis insignificantes.
  • Realismo Coloquial: Compromiso co home, a terra e as clases populares.
  • Temática Social-Realista: Sen esquecer o lirismo, a presenza do amor e a melancolía.

Obra destacada: Os soños na gaiola (1968).


A Prosa Galega de Finais do Século XX e Comezos do XXI

Temas, Autores e Tendencias Relevantes (Décadas dos 80 e 90)

Desde finais dos anos 70, coa chegada da democracia e a recuperación dos dereitos, maniféstanse moitos cambios en todos os eidos. No panorama narrativo aparece unha vasta amplitude temática e unha forte renovación técnica e formal. Na narrativa actual podemos destacar as seguintes coordenadas:

1ª Coordenada: Consolidación de Traxectorias

Formada por autores/as que comezaron a súa andaina na Nova Narrativa Galega (NNG) e que consolidan a súa traxectoria, como Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares, entre outros.

2ª Coordenada: A Narrativa dos Anos 80

As liñas principais son:

  • Memorialística / Intimista: Caracterízase por centrar a acción do relato nas memorias persoais do protagonista. Exemplo: Xavier Alcalá (A nosa cinza).
  • Novela Histórica: Predomina o ton alegórico e mestúranse tempos e espazos narrativos. Exemplos: Alfredo Conde (Xa vai o grifón no vento), Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia).
  • Novela Policial: Exemplo: Carlos R. Reigosa (Crime en Compostela).
  • Narrativa Fragmentaria / Experimental: Liña caracterizada polo afán en presentar fórmulas narrativas que basean a experimentación na fragmentación e desintegración do discurso. Exemplo: Suso de Toro (Polaroid).

3ª Coordenada: A Narrativa dos Anos 90

Nesta época consolídanse moitas das tendencias temático-estilísticas iniciadas nos anos anteriores. As liñas principais son:

  • Persistencia da Novela Histórica: Exemplos: Xosé Fernández Ferreiro (Agosto do 36), Manuel Rivas (O lapis do carpinteiro).
  • Continuidade da Temática Memorialística/Intimista: Exemplo: Anxo Rei Ballesteros (Loaira).
  • Consolidación da Novela Negra: Exemplos: Bieito Iglesias (Miss Ourense), Domingo Villar (Ollos de auga, A praia dos afogados).
  • A Novela de Autor ou Experimental: Destaca nestes anos o 'evidencialismo'. Exemplo: Gonzalo Navaza (Erros e Tánatos).
  • Narrativa Bravú: Mestura a dialéctica entre os xeitos da Galiza máis tradicional coas novas formas urbanas. Exemplos: Manuel Rivas (Un millón de vacas, Os comedores de patacas), Xurxo Souto (Contos do mar de Irlanda).
  • Aparición dunha Narrativa 'de Muller': Forte incorporación de narradoras. Exemplos: Rosa Aneiros (Resistencia), Teresa Moure (Herba moura).
  • Mestura de Xéneros: Mestura do mundo do xornalismo na prosa. Exemplo: Fran Alonso (Trailer).
  • O Auxe da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX): Exemplos: Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote), Agustín Fernández Paz (Cartas de inverno), Ledicia Costas (O corazón de Xúpiter, A balada dos unicornios).

É evidente o incremento significativo da produción prosística en lingua galega. A tendencia continúa a consolidarse, pois seguimos a presenciar como se suman novas voces, fanzines e traducións de obras publicadas en lingua galega a outras literaturas, á vez que se continúan a explorar novas posibilidades discursivas que aseguran un esperanzador futuro deste xénero nas vindeiras décadas do século XXI.


A Poesía Galega de Finais do Século XX e Comezos do XXI

Temas, Autores e Tendencias Relevantes (Décadas dos 80 e 90)

Desde finais dos anos 70, coa chegada da democracia e a recuperación dos dereitos, maniféstanse moitos cambios en todos os eidos. No panorama literario abundan as diversas tendencias, pero podemos destacar os seguintes puntos comúns:

  • Reflexión sobre a linguaxe poética.
  • Apertura temática.
  • Querenza polo experimentalismo e o cotián.
  • Incorporación de elementos procedentes doutras artes e presenza significativa de mulleres escritoras con perspectiva de xénero.

En 1976, coa publicación de Mesteres de Arcadio López Casanova e, sobre todo, Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín, dáse por finalizada a corrente social-realista. Rómpe co social-realismo e a denuncia social é levada a un novo plano estético con elementos renovadores formais e temáticos, dando paso ás novas correntes poéticas que callarán no que se coñece como a Poesía dos 80.

Características da Poesía dos 80

Os trazos temáticos e formais da Poesía dos 80 son:

  • Multiplicación temática e formal das súas obras.
  • Aparición de numerosas revistas culturais e de poesía (Nordés, Dorna...).
  • Innumerables certames e premios.
  • Aparición de colectivos poéticos.

Os trazos estilísticos inclúen: Culturalismo, Esteticismo, Experimentalismo, Europeísmo e Cosmopolitismo, e Apertura Temática.

Tendencias e Autores da Poesía dos 80

  • Culturalismo, esteticismo e intimismo: Exemplo: Ramiro Fonte (As cidades da nada).
  • A poesía da experiencia: Exemplo: Manuel Rivas (O pobo da noite).
  • Vangardismo e experimentalismo: Co grupo Rompente. Exemplo: Antón Reixa.
  • Poética da muller: Nova linguaxe de expresión feminina. Exemplos: Xela Arias (Tigres coma cabalos), Ana Romaní (Palabra de mar).

A Poesía a Partir dos Anos 90

A partir dos anos 90, a poesía:

  • Tende a ser máis auténtica e intenta chegar máis ao público.
  • Seguen aparecendo novos premios, coleccións e publicacións.
  • Aparecen novos temas (ecoloxismo, feminismo, vida urbana...).
  • Aumenta o experimentalismo (introducindo os novos medios dixitais).
Tendencias e Autores Destacados
  • Poesía de transición: Exemplo: Miro Villar.
  • Poética provocadora e contestataria: Discurso feminino e feminista. Exemplos: María Xosé Queizán (Metáfora da metáfora), Chus Pato (Urania), María Lado e Lucía Aldao.
  • Poesía do cotián: Exemplo: Fran Alonso (Tortilla para os obreiros).
  • Poética experimental: Grupos como Rompente e colectivo Ronseltz.

A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade.

Entradas relacionadas: