Evolución da Literatura Galega: Do Exilio á Contemporaneidade
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 27,93 KB
A LITERATURA DO EXILIO
A derrota do bando republicano na Guerra Civil empurrou ao exilio a moitas figuras senlleiras da cultura galega. Os países de América (Arxentina, Uruguai e México) serviron de refuxio, e a loita pola recuperación cultural e política de Galiza quedou confinada ao mundo da diáspora. **Bos Aires** convértese, nos anos 40, na súa capital cultural e espiritual. Foron múltiples as iniciativas levadas a cabo:
- Organización de toda clase de actos culturais.
- Fundación de editoriais.
- Xornais, revistas e programas radiofónicos.
- Compañías de teatro.
- Constitución de organismos e entidades para a promoción da nosa cultura.
- Presentación dunha denuncia diante da **Unesco** pola persecución do réxime franquista sobre a cultura e o idioma galegos.
A Poesía do Exilio
Luís Seoane
Estivo exiliado en Bos Aires e desenvolveu un importante labor editorial e xornalístico. A súa obra poética iníciase con Fardel do eisilado, un libro de poesía **socialrealista**, que procura reconstruír a memoria da emigración desde parámetros críticos. No libro titulado Na brétema, Sant-Iago, o tema central é a evocación da Galiza medieval, cunha reinterpretación do pasado con vontade de proxección sobre o presente. Conciencia e denuncia irrompen con máis forza en As cicatrices.
Lorenzo Varela
Iniciou a súa obra en galego con Catro poemas para catro gravados, nos que se celebran as figuras históricas de María Balteira, María Pita, o xefe irmandiño Roi Xordo e o bispo Adaúlfo. Coa publicación de Lonxe, mantén as características da anterior produción. Dúas temáticas dominan o poemario: unha **mítico-histórica** centrada na guerra civil e as súas consecuencias, e outra nucleada ao redor da **ausencia da Terra**, o exilio e a saudade que provoca ese estrañamento.
Outros autores
- **Eduardo Blanco-Amor** con Cancioneiro.
- **Emilio Pita** con Jacobusland.
A Narrativa do Exilio
Ramón de Valenzuela
Tratou o tema da guerra na súa novela Non agardei por ninguén, na cal o conflito podemos vivilo guiados por un narrador-protagonista, a través do cal podemos constatar o carácter plural das ideoloxías que conflúen no lado antifranquista: comunistas, agraristas, nacionalistas... No tratamento dos personaxes, os **guerrilleiros** teñen un protagonismo especial. En Era tempo de apandar cóntase a vida en Francia do narrador protagonista, a repatriación aos cárceres de Burgos e Ávila e mais o regreso a Trasdeza.
Silvio Santiago
Afincado en Caracas, despois de fuxir por Portugal publicou dúas obras importantes: Vilardevós e O silencio redimido. Na primeira destacan dúas temáticas: a súa aldea e a súa infancia. Na segunda, conta a traxedia vivida por moitas persoas galegas na guerra.
Outros narradores
- **Antón Alonso Ríos**: O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte, “Memorias dun fuxido” (na Galicia franquista, percorrido feito baixo un disfraz de esmolante portugués e posterior exilio).
O Ensaio
- **Castelao**: Con Sempre en Galiza, que é unha reflexión sobre a política da época, con trazos que definen a Galicia como unha nación e con políticas prácticas para acabar coas inxustizas históricas do noso país.
- **Luís Seoane**: Con artigos e estudos sobre a arte galega.
O Teatro do Exilio
Un dos xéneros que máis se desenvolveu no exilio americano.
Teatro popular
Apela ao corazón e o sentimento; pezas rurais, costumistas e con presenza do humor; elementos de crítica social. Autor: **Manuel Varela Buxán** con A xustiza dun muiñeiro.
Teatro culto
Apela á razón coa incorporación de elementos dramáticos propios das correntes máis modernas e vangardistas (**Castelao, Blanco-Amor, Seoane**). Destacan:
- Os vellos non deben de namorarse (**Castelao**).
- Farsas para títeres e Teatro pra xente (teatro popular e ruralista) de **Blanco-Amor**.
- En A soldadeira, **Luis Seoane** sitúa no pasado os problemas que se están a vivir no tempo presente. A acción transcorre durante a revolta dos irmandiños e Minia, a soldadeira, serve de enlace entre o pasado e o presente. Guía aos labregos do 36 polo mundo medieval, mentres realiza o seu traballo de mensaxeira entre os gremios artesanais de Compostela e as forzas labregas de Roi Xordo. Seoane escolle o mundo medieval por estar normalizado lingüística e culturalmente.
A POESÍA DE FINS DO XX E COMEZOS DO XXI
A chegada da democracia, coa oficialidade do noso idioma e a súa incorporación ao ensino, supuxo un pulo sen precedentes para a literatura galega: multiplícanse as empresas editoriais (**Ed. Xerais**, 1979), os premios (**O Facho, Martín Codax, Leliadoura**) e revistas literarias (**Nordés, Dorna**...); asemade, increméntase notablemente o número de publicacións. A principios dos 70, a **poesía social realista** esgótase e faise necesaria unha renovación estética onde teñan relevancia a linguaxe e os recursos formais. Tres son as obras publicadas en 1976 que marcarán un cambio de rumbo: Con pólvora e magnolias, de **Méndez Ferrín**; Mesteres, de **López Casanova**; e Seraogna, de **A. Pexegueiro**.
Poesía dos 80: Cambio de Rumbo
Os autores e autoras deste período reúnense en colectivos ou grupos poéticos que pretenden ser unha alternativa para a poesía dos novos tempos:
Grupos Poéticos
- **ROMPENTE**, en Vigo (**Méndez Ferrín, Antón Reixa, A.Pexegueiro**…). Caracterizábase polo protagonismo do **mundo urbano**, a simultaneidade con outras artes e unha linguaxe orixinal na que se mesturaban os máis diversos rexistros lingüísticos.
- **CRAVO FONDO**, en Santiago (Rábade Paredes, Ramiro Fonte, Helena Villar). Defenden unha poesía coidada na forma e implicada no proceso social.
- **ALÉN**, en Santiago (Salinas Portugal, Mato Fondo). Innovación lingüística.
- **DE AMOR E DESAMOR**, na Coruña (Lois Pereiro, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Manuel Rivas... entre outros). De amor e desamor é tamén o título dun poemario que inclúe composicións deles. A posta en escena é o recital de formato clásico.
Características da Poesía dos 80
- Culturalismo: inclúense referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas... Reivindícanse poetas como **Manuel Antonio e Pondal**.
- Experimentalismo: as e os autores céntranse na busca de novas formas rítmicas e retóricas e na investigación idiomática á procura dunha nova linguaxe poética de elaborado rexistro e nivel culto.
- Esteticismo: predomina a beleza construtiva sobre aspectos morais, sociais ou de calquera índole. Extrema preocupación polas cuestións formais.
- Europeísmo e cosmopolitismo: mirada ao exterior e interese por outros países e culturas. Redescubrimento do espírito das vangardas e a incorporación dos movementos artísticos modernos, cunha inclinación cara á lingua anglosaxona e portuguesa.
- Apertura temática: amplíanse os temas. Os universais como o paso do tempo, a morte, o amor son abordados dende perspectivas que van dende a intimista ata a metafísica ou existencial. Redescóbrese o erotismo e ofrécese unha nova visión da paisaxe e da natureza.
Xunto coa tendencia culturalista, convive unha liña máis **urbana e próxima á cultura pop**, na que entran autores como **Antón Reixa, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Xela Arias** ou o **Colectivo Ronseltz** (Unicornio de cenorias que cabalgan os sábados).
Poesía dos 90
Os 90 son un espazo plural no que conviven varias xeracións e diversas correntes estéticas e temáticas; con todo, mantéñense as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década anterior. Resulta significativa a incorporación dun numeroso grupo de xente nova, moi activa, que tivo por primeira vez formación de lingua galega no ensino (**Fran Alonso, Estevo Creus, Celso Fernández Sanmartín, Kiko Neves, Rafa Villar, Miro Villar**...). Unha maioría intégrase en grupos poéticos que non teñen en común máis que o gusto pola poesía, o desexo de divulgala e o compromiso coa lingua galega (**Batallón literario da Costa da Morte; Dolmen**…).
Outro feito fundamental é a incorporación da **muller na poesía** de fin de século, que se enceta nos anos 90 coa publicación da revista Festa da palabra silenciada, revista crítica, convertida en punto de encontro do **feminismo**. A longa lista de autoras inclúe: **Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Enma Couceiro, Marta Dacosta, Lupe Gómez, Olga Novo, María Lado ou Enma Pedreira**... entre outras moitas, que contribuirán á renovación do discurso poético dos 90.
Nesta década créanse novas editoriais (**Letras de Cal**) e multiplícanse os certames literarios. Hai unha especial preocupación por achegar a poesía á sociedade, rexeitando o formato clásico de recital e trasladándoo a ambientes lúdicos como pubs, cafeterías ou locais de concertos, o que fai que o poema se simplifique dende o punto de vista estilístico e simbólico. Combínase tamén con outras manifestacións artísticas: música, imaxe, artes plásticas, teatro... e paulatinamente a rede irase consolidando como medio de difusión da nova poesía.
Tendencias Temáticas dos 90
- Un **intimismo da experiencia** (cos temas clásicos: amor, vida, memoria da infancia, soidade, relacións familiares) que busca a expresividade coloquial, o verso libre, a linguaxe directa dos sentimentos (**Rafa Villar**, Casa ou sombra).
- A abordaxe de temas sociais e patrióticos desde sensibilidades alternativas (insubmisión, antimilitarismo, feminismo, ecoloxismo). **Marta Dacosta**, Setembro.
- A consolidación do **mundo urbano e da sociedade de consumo** como ámbitos poéticos (**Fran Alonso**, Tortillas para os obreiros e **Antón Reixa**, Viva Galicia beibe).
- O canto nostálxico e pesimista sobre a evolución do **rural galego**, visto como un mundo en extinción (**Emilio Araúxo**). Visión dun territorio mestizo onde convive o tradicional e o moderno (**Raúl Gómez Pato**, Chuvia, vapor e velocidade).
- O triunfo dunha poética construída desde a **perspectiva feminina** que cuestiona o amor, o sexo, os mitos femininos e o papel da muller na sociedade (**Yolanda Castaño**, O libro da egoísta).
- A reflexión **metapoética** (**Miro Villar**, Abecedario da desolación).
- Iníciase unha liña de poesía **posmodernista e política** (**Chus Pato**, M-Talá).
Século XXI
Pódense sinalar como notas definitorias da poesía actual:
- O peso e a relevancia da **escrita feminina e feminista** (**María Reimóndez**, Moda galega; **María do Cebreiro**, Nós, as inadaptadas; **Lupe Gómez**, Camuflaxes; **Olga Novo**, Feliz idade).
- A recuperación da **poesía comprometida** virada cara aos conflitos propios do novo milenio.
- A ruptura temática e formal con incesantes propostas **experimentais** (**Yolanda Castaño**, O puño e a letra, que consta de 40 poemas recollidos das súas obras anteriores e ilustrados por 40 artistas de cómic).
- A experimentación de novos soportes líricos con **xéneros mixtos** entre a poesía e o vídeo, ou a fotografía... **Antía Otero** (videopoemas).
- A creación de **Fran Alonso**, Poétic@, unha poesía dixital e transmedia.
- As **redes sociais** convertéronse nunha canle de difusión alternativa.
- A tendencia a facer da poesía un **espectáculo en vivo** (**LadoAldo** con Lucía Aldao e María Lado, “Onde estea un cubata que se quite un soneto”/”Con dez poemas por barba”).
- A poesía de tonalidade **satírico-irreverente**, que recolle a herdanza do Colectivo Ronseltz (**O Leo, Hai cu/Samuel R. Paris**, Inflamable).
- A poesía orientada a un público **infantil e xuvenil**, cunhas temáticas e linguaxes achegadas ás novas xeracións: **Fran Alonso** (*O meu gato é un poeta, Cidades, Street Poems*); **Carlos Negro** (*Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea*).
Concluíndo, a poesía dos 80 supuxo unha ruptura co **socialrealismo**, e comezou a explorar novas formas e novas temáticas que desenvolveron máis tarde os novos poetas dos 90, dando lugar a individualidades moi marcadas e onde a incorporación da muller á poesía proporcionou unha nova vertente feminina e feminista, xa anunciada no séc. XIX por Rosalía de Castro.
A PROSA DE FINS DO XX E COMEZOS DO XXI
A chegada da democracia contribuíu a crear unha situación favorable cara ao noso idioma e á súa cultura como non se coñecera anteriormente. Dese xeito, a narrativa das últimas décadas vai caracterizarse por un aumento de escritores novos e polo importante volume de obras publicadas, consecuencia da introdución do galego no ensino e nos medios de comunicación, da creación de novas editoriais (**Xerais, Sotelo Blanco**) e da proliferación de revistas literarias e de premios (**Blanco Amor**, Xerais), que terán un papel determinante para a consolidación e a difusión do xénero narrativo.
Narrativa dos 80
Os anos 80 significan a definitiva consagración da nosa narrativa como un verdadeiro **sistema literario**: publicación dun número importante de títulos, aparición de diferentes tendencias e liñas temáticas, existencia dun mercado lector, presenza de editoriais e premios que garanten a súa difusión, etc. As liñas ou tendencias narrativas amplíanse con respecto á literatura anterior.
Novela de (sub)xénero
Tamén chamada popular ou novela de “quiosco”, empézase a cultivar para captar e ampliar o número de lectores. Aborda temas e estilos que non formaban parte da nosa tradición literaria. Destaca:
- A novela **policial** (*Crime en Compostela*, **Carlos Reigosa**).
- A de **ciencia ficción** (**Ramón Caride**, Soños eléctricos).
- A novela **erótica** (**Xulio López Valcárcel**, Anel de mel).
- O **western** (*A morte de Frank González*, de **Xosé Fernández Ferreiro**).
Outras liñas narrativas
- A novela **memorialística ou intimista**, onde destaca **Xavier Alcalá** con A nosa cinza, que presenta as memorias dun neno burgués, que pretende ser o contrapunto das Memorias dun neno labrego de **Neira Vilas**, mais neste caso con elementos innovadores como o flash-back.
- A novela **histórica**, enfocada cara á recuperación dos nosos sinais de identidade máis peculiares, foi cultivada por algúns dos máis salientables narradores: O triángulo inscrito na circunferencia, O enxoval da noiva, de **Víctor Freixanes**, ou Xa vai o grifón no vento, de **Alfredo Conde**. Estes escritores reformulan o xénero introducindo elementos marabillosos e dotando as súas obras dunha dimensión alegórica.
- A narrativa **experimental** está representada por **Suso de Toro** que con Polaroid (1986), texto radical que marca a renovación do xénero pola fragmentación do discurso (desintegración da estrutura tradicional), pola subversión do papel do narrador, pola incorporación da realidade cotiá e pola apertura a linguaxes non literarias. Deste xeito pretende captar as contradicións e conflitos da sociedade moderna.
Unha das novidades deste período é a aparición de **voces femininas** que lle dan unha nova interpretación ao feito literario. É o caso de autoras como **María Xosé Queizán** (*Amantia, Amor de tango*) e **Margarida Ledo** (*Mamá-Fé*). Ademais, por riba das modas do momento, continuaron publicando escritores xa consolidados: **Méndez Ferrín** (*Arnoia, Arnoia, Amor de Artur*), **Carlos Casares** (*Ilustrísima, Os mortos daquel verán*) ou **Neira Vilas**.
Narrativa dos 90
A narrativa dos 90 caracterízase pola multiplicidade case inclasificable dos vieiros narrativos transitados. Asentaranse algunhas tendencias temático-estilísticas da etapa anterior: consolídase o **relato curto**, a novela policial e a novela histórica; aparece un amplo elenco de **narradoras**, o que crea unha xeración de gran valor literario coa súa particular visión da realidade, e xorden novos experimentos narrativos relacionados coas novas tecnoloxías (blogs).
Tendencias Cultivadas
- Persistencia da **novela histórica**, centrada na Antigüidade e no medievo, cuxos representantes foron **Darío Xohán Cabana** (*Galván en Saor, Morte de rei*), **Rábade Paredes** (*Branca de Loboso*). Pola súa banda, **Fernández Ferreiro** retrata a Guerra Civil (*Agosto do 36*), **Manuel Rivas** (*O lapis do carpinteiro*).
- Consolidación da **novela de xénero**: novela negra (**Aníbal Malvar**, Un home que xaceu aquí), novela de aventuras (**Xosé Miranda**, Morning Star).
- A **novela experimental**, con propostas narrativas arriscadas cun claro afán de ruptura estética: fragmentarismo, desacralización temática, humor corrosivo... Salientan novelistas como **Xurxo Borrazás** (*Criminal*).
- Influenciada pola cultura underground polas artes audiovisuais e os medios de comunicación destaca **Suso de Toro** con Tic-Tac.
- A narrativa **bravú** mestura temas urbanos e ruralistas, retratando o choque cultural producido en Galicia cando a sociedade tradicional adoptou as modas da sociedade de consumo. Destacan **Jaureguizar** (*Todo a cen*), **Xurxo Souto** (*A tralla e a arroutada*) e **Manuel Rivas**, un dos autores con maior proxección fóra de Galicia (xornalista, adaptacións cinematográficas). Unha constante na súa obra é a tensión entre **tradición e modernidade**, entre o rural e o urbano, nun estilo onde o lirismo e a ironía van unidos, como vemos en Un millón de vacas, Que me queres, amor?, Os comedores de patacas, En salvaxe compaña.
- Un dos fenómenos máis salientables é a consolidación da **literatura infanto-xuvenil**, ao que non foi alleo o sistema educativo. Entre os autores con obra recoñecida neste eido, figuran **Marilar Aleixandre** (*A expedición ao Pacífico*), **Agustín Fernández Paz** (*Cartas de inverno, Noite de voraces sombras*), **Xabier Docampo** (*Cando petan na porta pola noite*), **Fina Casalderrey** (*O misterio dos fillos de Lúa*), **Paco Martín** (*Das cousas de Ramón Lamote*).
Narrativa do Novo Milenio
Na narrativa do novo milenio consolídanse tendencias das décadas anteriores. Cómpre destacar tres nomes no xénero negro contemporáneo:
- **Arantza Portabales** (*Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas*).
- **Diego Ameixeiras** (*Baixo mínimos*).
- **Domingo Villar** (*A praia dos afogados e Ollos de auga*).
Especial relevancia está a ter a chamada **liña feminista**, cun notable número de escritoras que irrompen no panorama literario e un marcado protagonismo feminino. A denuncia dos roles patriarcais ou a abordaxe das relacións entre mulleres son algúns dos trazos comúns destas obras. Destacan **Teresa Moure** (*Herba moura* onde dá conta da vida das mulleres na historia); **Rosa Aneiros** (*Resistencia*), **Inma López Silva** (*Aqueles días en que eramos malas*), **María Reimóndez** (*O club da calceta*) ou **Anxos Sumai** (*Así nacen as baleas*).
O Ensaio (Fins do XX e XXI)
Canto ao **ENSAIO**, medrou significativamente ao introducirse tamén o galego no ámbito universitario. A oferta editorial medra (ensaio político, feminista, histórico, sociolingüístico...) polo que se pode dicir que a prosa galega presenta un panorama creativo e editorial plenamente normalizado, o que non se corresponde cun índice alto de poboación lectora fóra do ámbito educativo (un dos máis baixos da UE). Algunhas liñas significativas son:
- Economía e política: **Xosé Manuel Beiras**, O atraso económico de Galicia (1972).
- Sociolingüística: **Manuel Portas**, Lingua e sociedade na Galiza.
- Feminismo: **María Xosé Queizán**. Recuperemos as mans.
Por último, en canto aos medios de difusión, a literatura galega buscou novas vías no ámbito virtual; tanto no da recollida de textos e autores (**Biblioteca Virtual Galega**), como no da recensión e crítica (**Biosbardia, Caderno da Crítica, Trafegando Ronseis**), plataforma de creación ou difusión nas redes sociais das autoras/es.
TEATRO
O cambio de réxime vivido á morte de Franco conlevou unha mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a oferta. O mesmo sucede no teatro, no que se produce unha **revitalización** que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos continúa a ser “a irmá pobre” da literatura, gozando dunha posición inferior á poesía ou á narrativa, a pesar da oferta. A recuperación do teatro galego a partir da década dos 70 (**Mostras de Ribadavia**) vese fortalecida nas seguintes.
Ademais da consolidación de autores do **Grupo Abrente** como **Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño** (Letras Galegas 2013), auténticos “pais” do teatro actual, xorden outros novos que posibilitan a normalización da nova dramaturxia. Paralelamente, a produción escénica goza dunha boa saúde debido a factores que favorecen o seu desenvolvemento:
- A proliferación de festivais e certames de teatro.
- As publicacións e coleccións de teatro.
- Os premios literarios (que incentivan a creación).
- A aparición de compañías e grupos profesionais.
- A creación no 1984 do **teatro institucional** co **Centro Dramático Galego (CDG)**, dependente da Xunta, co obxectivo de desenvolver a actividade teatral de carácter profesional en Galicia.
- O nacemento do teatro infantil e xuvenil.
- A creación en Vigo da **Escola Superior de Arte Dramática (2005)**, primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe teatrais.
A Xeración dos 80
A finais dos 70 xorde o teatro profesional e as compañías teatrais estables como **Teatro de Ningures** (1987) ou **Ollomol**, etc., xa comentadas antes, e o **Centro Dramático Galego (1984)**, o primeiro grupo profesional institucional. O CDG fai tanto versións de clásicos (*O enfermo imaxinario* de Molière, *Calígula*), como produción propia (*O ano do cometa*). Conta asemade coa publicación propia Os libros do Centro Dramático Galego.
A xeración dos 80 é moi variada, de grande heteroxeneidade temática, xa que non se fai exclusivamente teatro comprometido coa sociedade e esta xa non ten o carácter belixerante de etapas anteriores. Os textos son moi líricos e simbólicos. Algunhas das tendencias e/ou trazos comúns –que xa se iniciaran co Grupo Abrente– e continuarán ata os nosos días son:
- O **metateatro** (o teatro dentro do teatro ou a interpretación da vida como unha representación teatral ao estilo do teatro de Shakespeare).
- O **culturalismo** (materializados en textos cun forte contido simbólico e lírico).
- O afastamento da realidade inmediata.
- O emprego da **ironía e o humor**, case sempre á beira do absurdo.
- Uns personaxes caracterizados polo **anonimato** (denominados El, Ela, Marido, Muller…).
Dramaturgos Culturais
- **Miguel Anxo Fernán-vello**, que escribe sobre temas relacionados coa condición humana (o amor, a soidade, etc.), en pezas como A tertulia das máscaras, Cuarteto para unha noite de Verao ou A casa dos afogados.
- **Inma Souto**, que crea pezas de marcado lirismo (*Era nova e sabía a malvaísco*).
Outros Dramaturgos
- **Xesús Pisón**, cunha obra moi persoal, cultiva tanto a sátira coma o drama (*O pauto, Venenos*) e procura novos camiños expresivo-formais en Teatro-minuto, ao desapareceren as didascalias e abreviarse os textos ao máximo.
- **Teresa Moure** (*Unha primavera para Aldara*).
A Xeración dos 90
En 1990 créase o **Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM)** (1989) e a Comisión de Teatro do Consello da Cultura Galega, o que fomenta o teatro, xa que establecen convenios anuais con distintas compañías teatrais, o que supón a estabilidade das axudas económicas. Desde 1991 o CDG adscríbese ao IGAEM.
Apreciamos nos novos autores unha maior **especialización no traballo teatral** e consecuencia disto é o auxe da figura do **autor-director-tradutor** (fronte a aqueles autores que só se achegaran á creación dramática por simple curiosidade artística). Agora os autores preocuparanse por crear obras de **fácil representación**, cunha menor carga simbólica e culturalista cás da xeración anterior. Outras carácterísticas son o predominio da **comedia** e o recurso á **intertextualidade** (elaboración de obras baseadas noutras creacións ou en argumentos xa existentes). O teatro faise máis **lúdico** e busca un maior achegamento ao público para contribuír á normalización do teatro.
Dramaturgos da Xeración dos 90
- Cultivadores da sátira e da comedia son **Cándido Pazó**, autodidacta do teatro, ligado a diversas compañías e que ten unha longa traxectoria como contacontos. Fixo adaptacións teatrais como Memorias dun neno labrego, baseada na novela de N.Vilas.
- **Quico Cadaval**, tamén contacontos, actor e brillante director que escribe Códice clandestino, baseado nas nosas cantigas medievais, ou Obra.
- O actor, autor e guionista **Raúl Dans** é tamén unha das figuras sobranceiras da década, con pezas de grande calidade dramática: Lugar, Matalobos (traxedia rural).
- Destacan tamén **Miguel Anxo Murado** con A grande noite de Fiz, mesmo o narrador **Suso de Toro** coa obra Unha rosa é unha rosa, **Manuel Núñez Singala** (*O achado do castro, Comedia bífida*).
O Novo Milenio
A nómina de autores e obras aumentaron considerablemente nos últimos anos. A principal característica segue a ser a **heteroxeneidade de temas**, con tendencia a un teatro máis **lúdico** con predominio da **ironía e a parodia** como forma de reflexionar sobre temas da actualidade. Tamén adquire relevancia o **teatro experimental** (no que se mesturan diversas técnicas –clown– e se poñen en escena representacións próximas á performance). **Teatro documental** (*Chévere: Hellen Keller, a muller marabilla?*)
En calquera caso, preténdeselle dar maior importancia á **representación fronte á creación literaria** coa intención de crear un **teatro-espectáculo** que atraia o interese do público.
Aínda que situado nun momento crucial da súa historia, o teatro galego non conseguiu –en conxunto– a estabilidade, desenvolvemento e difusión que os dramaturgos esperan. É evidente que o teatro galego atingiu signos de madureza e conseguiu moito na consolidación da dramaturxia na sociedade. Así e todo, pese aos avances aínda non se acadou a **normalización completa** no teatro galego. Quedan aínda moitas cousas por facer como: acostumar un público lector á recepción de obras teatrais, algo que debe comezar pola escola. Quizais hoxe en día o teatro se asemella aos outros xéneros literarios: prodúcese máis do que se consome e o espectador ten certa desorientación ante a oferta e ante a dispersión motivada polo carácter itinerante das compañías e dos circuítos teatrais que percorren.