A Evolución da Literatura Galega: Da Lírica Medieval ao Rexurdimento Político e Cultural

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,76 KB

A Lírica Medieval Galego-Portuguesa: Tipos de Cantigas de Amor

As Cantigas de Amor son composicións onde o trobador expresa os seus sentimentos. Dentro deste xénero, atopamos varias tipoloxías:

  • Bailadas

    Unha rapaza expresa a alegría que lle produce o namoramento e convida as compañeiras a bailar.

  • Barcarolas ou Mariñas

    Presentan o mar como elemento común (ambiental, de diálogo da rapaza coas ondas do mar, etc.).

  • Cantigas de Romaría

    Desenvólvense ao pé dunha ermida un día de romaría cando se produce, ou se desexa, o encontro entre a rapaza e o amigo.

  • Albas ou Alboradas

    Están localizadas nesa hora do amencer cando os amantes deben interromper o encontro amoroso.

As Cantigas de Escarnio e Maldicir: Sátira Social na Idade Media

Son poemas satíricos e burlescos onde os trobadores critican a sociedade medieval sen facer distinción de clase social ou de profesión. Así, a través da ironía, do sarcasmo ou da burla son criticados os infanzóns, as soldadeiras, as monxas, os cregos, e incluso os propios trobadores, o que converte estas cantigas, a ollos de hoxe, en extraordinarios testemuños desa sociedade.

Temas Recorrentes na Sátira

  • Sátira Social

    Faise burla de todas as clases sociais sen excepción. É moi recorrente a crítica aos chamados infanzóns, fidalgos de menor categoría que son satirizados por aparentaren ser de clase social alta a pesar de estar arruinados.

  • Sátira Política

    Ridiculízase a covardía dos nobres cristiáns na guerra contra os musulmáns, por exemplo. Non son moi abundantes.

  • Sátira Sexual

    Son escarnios contra monxas, cregos e soldadeiras por manteren relacións sexuais.

  • Sátira Literaria

    Búrlase dos principais tópicos das cantigas de amor e amosan unha forte crítica contra outros trobadores pola falta de pericia creativa.

  • Sátira Moral

    Critícanse determinados vicios da época, como a mentira ou a corrupción.

Lírica Relixiosa: As Cantigas de Santa María

Son un conxunto de 427 cantigas cuxo obxectivo é loar a Virxe María. Estas composicións son froito do traballo colectivo realizado baixo a dirección do rei Afonso X o Sabio, que tamén é o autor dun bo número delas.

Tipos de Cantigas de Santa María

  • Cantigas Líricas ou de Loor

    Son 66 textos de loanza á Virxe María escritos ao xeito das cantigas de amor e empregando tópicos propios destas. Parte delas servía de acompañamento ás celebracións eclesiásticas.

  • Cantigas Narrativas ou de Milagres

    Relatan un milagre da Virxe e teñen intención didáctica. Formalmente comezan cun conxunto breve de versos que resumen a ensinanza da cantiga e serven de refrán; despois aparece narrado o milagre e, finalmente, acaba coas loanzas á Virxe, moitas veces postas en boca dun pecador arrepentido.

O Rexurdimento: O Novo Pensamento e o Galeguismo (1840-1936)

A partir de 1840, como reacción ao proceso unificador do Estado, nace entre algúns intelectuais o Galeguismo, un movemento político, social e cultural que pretende recuperar a identidade galega e atribúirlle poder político. Este proceso tivo varias fases:

  1. O Provincialismo (1840-1868)

    A partir de 1833 Galicia quedou dividida nas catro provincias actuais fronte ás sete do Antigo Reino de Galicia. Esta división provocou unha insurrección militar en 1846 e o nacemento dun movemento político chamado Provincialismo, que reivindicaba Galicia como provincia única con unidade administrativa, social, cultural e económica.

  2. O Federalismo (1869-1881)

    Movemento ligado ás ideas republicanas que chegou a redactar un «Proxecto de Constitución para os Estados Galaicos». O seu desenvolvemento rematou coa restauración monárquica.

  3. O Rexionalismo (1881-1916)

    Houbo dúas liñas: a corrente liberal, de carácter progresista, que apoiou intelectualmente o Rexurdimento, liderada por Manuel Murguía; e a corrente tradicionalista, de carácter conservador, que tamén combatía o centralismo, liderada por Alfredo Brañas.

  4. O Nacionalismo

    É a evolución de todas as correntes anteriores que pulaban polo recoñecemento da identidade galega. Considerouse que naceu en 1916 coa constitución das Irmandades da Fala, que xa consideran a Galicia como unha nación con dereitos políticos. Conseguiron a aprobación do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, tan só 20 días antes do golpe de estado de Franco e do comezo da Guerra Civil.

Entradas relacionadas: