Evolución da Literatura Galega Contemporánea: Poesía, Narrativa e Teatro desde 1975
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 20,15 KB
A Poesía Galega desde 1975
A publicación, en 1976, de tres obras poéticas novidosas na temática e na forma, supón un cambio de época na poesía galega. Trátase de Con pólvora e magnolias, de X.L. Méndez Ferrín; Serafina, de Alfonso Pexegueiro; e Mesteres, de Arcadio López Casanova. Estes tres autores, que comezaron a escribir na época sociorrealista, son considerados os iniciadores do cambio poético en Galicia.
Diferentes antoloxías publicadas na época tratan de nomear os autores desta primeira xeración de poetas, aos que adoitan chamar os "Novísimos". As características que os definen como xeración son:
- Sen deixar de tratar temas sociais, evitan trasladar á poesía o compromiso político.
- Preocupación pola forma e a linguaxe, máis que pola temática.
- Intertextualidade coa literatura europea.
- Reivindicación do atlantismo (Galicia como pobo celta).
- Discurso poético rupturista (vangarda).
Nesta segunda metade da década dos 70 comezan a xurdir colectivos poéticos que dan un novo impulso á poesía. Moi rompedor foi o colectivo Rompente, que naceu en Vigo da man de nomes como Antón Reixa, Alberto Avendaño ou Alfonso Pexegueiro. Reixa será a figura máis destacada deste grupo, autor de obras tan transgresoras como As ladillas do travesti. Outros colectivos destacados foron, en Santiago de Compostela, Cravo Fondo (con Ramiro Fonte, Helena Villar, entre outros) e Alén (con Mato Fondo, etc.); en Madrid, a Revista Loia (con Manuel Rivas, etc.).
A Xeración dos 80
Despois do impulso poético e renovador desta xeración de Novísimos, será a xeración dos 80 a que recolla a novidade literaria. Unha xeración que consegue deixar de lado a poesía sociorrealista e que presenta unha diverxencia temática nas súas obras. Podemos resumir en seis as liñas temáticas máis presentes nesta xeración:
- A Terra como espazo onírico en íntima relación co eu lírico: Manuel Rivas.
- A poesía erótica, a sensualidade e o sexo, que aparece por primeira vez na nosa literatura a través da simboloxía: Claudio Rodríguez Fer.
- A morte presentida e contada nos poemas: Lois Pereiro.
- O pesimismo polo tempo pasado: Xavier Rodríguez.
- A autobiografía, intimismo ligado a acontecementos vitais: Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
- Culturalismo: mestura do discurso lírico con outras artes (música, cinema...) ou referencias á literatura universal: Manuel Forcadela.
A Xeración dos 90
Na década dos 80, unha nova xeración de autores e autoras noveles do ámbito universitario comezan a publicar poemas, mostrando un dominio da lingua e da tradición literaria anterior. Esta xeración pretende o achegamento da poesía ao público, concibindo a poesía para recitar en diferentes ambientes culturais e líricos.
Proliferan grupos poéticos tamén nesta xeración. De especial relevancia, por rupturista e novidoso, destaca o Colectivo Ronseltz, que cuestiona a estética poética culturalista da poesía dos 80 a través do poemario colectivo paródico Unicornio de cenorias que cabalgan os sábados. Outro colectivo poético destacado nos 90 é o Batallón Literario da Costa da Morte.
As liñas poéticas máis significativas desta xeración son:
- A poesía feminina-feminista: erotismo e sexualidade desde o punto de vista feminino, con autoras como Chus Pato e Yolanda Castaño.
- A poética do cotián: linguaxe directa, ton e linguaxe coloquial, poemas narrativos, con autores como Miro Villar e Fran Alonso.
- A poética do coñecemento e poética experimental: mestura de distintos niveis de lingua, tensión entre cultura urbana e agraria, con autores como Carlos Negro e Gonzalo Navaza.
A Xeración do Novo Milenio
As novas voces xurdidas no novo milenio veñen continuar coas últimas tendencias da poesía dos 90, introducindo temas actuais nos seus poemas (violencia de xénero, ecoloxismo), procurando novas canles para a súa obra (ciberliteratura ou ciberpoesía, performances na rúa); e amplían o concepto de poesía lúdica-irreverente, iniciada por Rompente ou Ronseltz. Algúns nomes destacados desta xeración son Berta Dávila, Ismael Ramos, Marta Lado, entre outros.
A Narrativa Galega a Partir de 1975
Podemos diferenciar catro etapas na prosa de finais do século XX e principios do XXI.
Fases da Prosa Galega Contemporánea
A Fase Embrionaria ou Narrativa Posfranquista (1976-1980)
Nesta etapa desenvólvese o proceso de adaptación da narrativa á nova situación social e cultural. Conviven autores consolidados como Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor, obras editadas na diáspora e o experimentalismo da Nova Narrativa Galega.
Carlos Casares publica en 1975 Xoguetes para un tempo prohibido; Os escuros soños de Clío, en 1979; e Ilustrísima, en 1980. Nestas obras mestura o conflito social con características propias da Nova Narrativa Galega. Serán as obras iniciáticas desta nova xeración, xunto coas de Méndez Ferrín e outros autores da Nova Narrativa.
A Década dos Oitenta
1980 foi un ano de aumento na publicación de narrativa, marcada polo auxe dos premios, o que leva os autores a escribir para buscar o mercado do gran público.
Nesta década obsérvase unha perspectiva modernizadora da narrativa e unha renovación temática moi ampla. As liñas temáticas salientables desta xeración son:
- Liña memorialista e intimista: realismo social, con autores como Xavier Alcalá (A nosa cinza).
- A novela histórica ou de ficción histórica: Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia); Alfredo Conde (Xa vai o griffón no vento).
- O relato policial: Carlos R. Reigosa (Crime en Compostela).
- A narrativa experimental: Suso de Toro, quen a través de obras como Caixón desastre ou Polaroid, introduce na literatura os problemas da sociedade da época (drogas, proletariado...), empregando unha linguaxe coloquial.
Destaca tamén a aparición dunha serie de voces femininas que lle dan unha nova reinterpretación ao feito literario: María Xosé Queizán (Amor de Tango) e Margarida Losa.
A Década dos Noventa
A década dos 90 perfílase como o período no que se establecerá definitivamente o xénero novelesco dentro das letras galegas. Conviven os xéneros iniciados nos 80 con outros novos, entre os que destacan:
- A novela negra: de tendencia filmográfica norteamericana adaptada ao modelo cultural galego. Autores como Xurxo Borrazás (Criminal).
- A ficción científica ou futurista: Ramón Caride (Soños eléctricos), Daniel Asorey (Nardeste).
- A narrativa de misterio ou terror: Xosé Miranda (Pel de lobo, A biblioteca da iguana), Agustín Fernández Paz (Historias para ler de noite).
- A novela policial e detectivesca: Manuel Forcadela (Fóra de xogo).
- A narrativa histórica: diferenciamos entre a narrativa que aborda a temática da Guerra Civil, como Manuel Rivas (A lingua das bolboretas) e X. Fdez. Ferreiro (Agosto do 36), e outras liñas temáticas como a presente en Un millón de vacas de Manuel Rivas.
- A literatura infantil e xuvenil: Agustín Fernández Paz (Cartas de inverno, Trece anos de Branca, Os corredores de sombra...), Fina Casalderrey ou Concha Blanco.
Os Comezos do Novo Século
Os comezos do novo século vanse caracterizar pola continuidade na diversidade de xéneros e pola ampliación de liñas temáticas, o que se combina cunha intensa actividade na rede, que os escritores empregan como plataforma de difusión da súa obra e como foro de debate cos seus lectores. Destacan sagas detectivescas coma as de Diego Ameixeras, Domingo Villar ou Xabier Quiroga; novela histórica, de Teresa Moure; a aparición de formas narrativas vinculadas aos blogs (Anxos Sumai); e a obra de Berta Dávila (saúde mental, a maternidade), entre outras.
Tamén temos varios autores e autoras que recibiron nestes últimos anos o Premio Nacional de Narrativa. Son Xesús Fraga, con Virtudes (e misterios) (2020), e Marilar Aleixandre con As malas mulleres (2021). Manuel Rivas recibiu o Premio Nacional das Letras Españolas 2024 pola súa traxectoria.
O Teatro Galego de Posguerra: 1940-1975
Introdución
- Durante a Ditadura franquista, houbo prohibición do uso do galego en actos públicos e de publicacións en galego, o que supuxo unha "longa noite de pedra" para a literatura galega.
- O teatro, concibido para ser representado, sufriu máis intensamente a censura franquista.
O Teatro no Exilio
- A comunidade galega en Buenos Aires favorece a publicación de obras en galego.
- Creación da Compañía de Teatro Maruja Villanueva, que pon en escena numerosas obras.
- En 1941, estréase en Buenos Aires Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.
- Autores destacados que crearon obras para representar no Teatro Maruja Villanueva:
- M. Varela Buxán: teatro costumista e cómico (ex: Taberna sen dono).
- E. Blanco Amor: mestura tradición con elementos vangardistas (ex: Farsas para títeres).
- Luís Seoane: aborda o pasado histórico de Galicia (ex: A soldadeira, con temática irmandiña).
A Xeración dos 50
- En 1950, fúndase a Editorial Galaxia e comezan as publicacións en galego (sempre baixo o ollo da censura).
- Teatro concibido para ser lido por unha minoría intelectual (aínda no franquismo, non había representacións, só coros folclóricos).
- Esta xeración inclúe nas súas obras personaxes da literatura universal.
- Autores máis representativos:
- Álvaro Cunqueiro: autor da obra máis significativa do momento, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, protagonizada por un personaxe de Shakespeare e con presenza da mitoloxía clásica.
- Xohana Torres: inclúe personaxes femininas como protagonistas das súas obras (ex: A outra banda do Iber).
- Manuel María: autor de pezas máis populares ás que chama Autos (ex: Auto do taberneiro).
- Ricardo Carvalho Calero (A sombra do Orfeu), Mariñas del Valle (A revolta), Daniel Cortezón (Os irmandiños) destacan tamén nesta xeración.
A Xeración do 65, Grupo Abrente ou Xeración de Ribadavia
- En 1965, comezan a xurdir as primeiras asociacións culturais que defenden o galego abertamente e nacen os primeiros partidos políticos galeguistas.
- Tamén en 1965, Manuel Lourenzo funda O Facho, o primeiro grupo de teatro independente de Galicia.
- Esta xeración escribe teatro para representar, coa finalidade de achegalo ao pobo.
- Nace o teatro independente: grupos teatrais que comezan a verse como un sector profesional.
- En 1973, dous fitos importantes:
- A Mostra de Teatro de Ribadavia, que verá nacer ao seu abeiro numerosos grupos de teatro independente ao longo de décadas.
- O Concurso de Teatro Abrente, que nace coa mostra, favorecerá que se escriban textos teatrais e que se publiquen numerosas obras seleccionadas.
Tres son os autores máis destacados desta xeración:
- Manuel Lourenzo: autor, director, actor, crítico teatral aínda en activo (fundador do grupo O Facho en 1965, e do Estudio de Teatro CasaHamlet en 1983, unha referencia na formación de actores e actrices). Autor dunha ampla obra que podemos enmarcar en varios ciclos, entre os que destacamos:
- Ciclo grecolatino: presenza da mitoloxía clásica (ex: Fedra / Electra).
- Ciclo da mitoloxía galega: Todos os fillos de Galaad.
- Ciclo das mulleres apaixoadas: A paixón de Blanda Moore.
- Ciclo experimental: Veladas indecentes.
- Euloxio Ruibal: teatro experimental con técnicas cinematográficas. Autor de numerosas obras, entre as que salientamos Zardigot, que ten como tema a Guerra Civil en Galicia e a violencia e opresión vivida; ou unha sátira cómica coma Azos de esguello.
- Roberto Vidal Bolaño: autor, actor, director, crítico teatral, promotor teatral, fundador de Teatro do Aquí. Escribiu unha extensa obra de diferentes temas, entre os que destacamos:
- Temática simbólica con raíces populares: Laudamuco, señor de ningures.
- Temática de tradición galega, con notable presenza do entroido: Ladaiñas pola morte do Meco.
- Temática existencialista onde dá unha visión pesimista da vida: Saxo tenor.
Conclusión
A posguerra comeza en Galicia cun silencio interior que ten o exilio como centro cultural e político, onde se mantén viva a nosa literatura ata os anos 50, en que comezan a aparecer os primeiros textos teatrais para ser lidos. Porén, a eclosión teatral comezará a partir do xurdimento da Mostra de Teatro de Ribadavia e do Grupo Abrente, que converterán esta vila ourensá no epicentro teatral galego e a esta xeración nos que sentaron as bases para a profesionalización do sector.
O Panorama Teatral Actual: Desde 1975 ata Hoxe
Introdución: O Inicio da Democracia
- 1975: Morte de Franco.
- 1978: Aprobación da Constitución española, co recoñecemento das linguas históricas (galego, éuscaro e catalán) como linguas cooficiais nos seus territorios.
- 1981: Aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial xunto co castelán.
A División Cronolóxica do Teatro Galego Actual
Dado que se trata dun amplo período temporal (cincuenta anos), podemos dividilo en catro fases ou etapas do seguinte xeito:
Primeira Fase (1978-1983): A Formación de Compañías Profesionais
Continúa a concepción nacida en Ribadavia e o teatro concíbese como unha profesión. Publicanse numerosas obras nos Cadernos da Escola Dramática Galega.
Segunda Fase (1984-1990): A Institucionalización do Sector Teatral
- En 1984, créase o CDG (Centro Dramático Galego), a única compañía pública institucional de Galicia.
- En 1989, créase o IGAEM, que será absorbido por AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).
- Coa axuda de financiamento institucional, créanse circuítos teatrais, premios e axudas para a formación de novas compañías que terán grande éxito (ex: Chévere, Matarile).
Terceira Fase (1991-2010): A Consolidación do Teatro Galego
- En 1996, nace a Rede Galega de Teatros e Auditorios, que descentraliza o teatro.
- Ábrense salas privadas a cargo de compañías teatrais (ex: Sala Nasa, de Chévere).
- Auxilio de mostras teatrais, certames, festivais, publicacións, traducións, etc.
- En 1997, créanse os Premios María Casares de Teatro Galego.
- En 2005, créase a ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) na Universidade de Vigo.
Cuarta Fase (2010-Hoxe): A Crise do Sistema Teatral e a Resiliencia
- En 2008, unha gran crise en España provoca recortes na cultura. A falta de financiamento para as institucións culturais (AGADIC, CDG) paraliza a súa actividade, o que fai que desaparezan moitas compañías.
- En 2020, a pandemia de COVID-19 remata de castigar un sector xa afectado pola imposibilidade de levar adiante representacións.
- Actualmente, rexurden AGADIC e o CDG, que van cobrando impulso, e comezan a emerxer outras compañías dedicadas ao teatro infantil.
Temáticas Recorrentes no Teatro Actual
Dada a cantidade de dramaturgos e tendencias teatrais desta época, citamos algunhas das liñas temáticas máis representativas:
- Teatro crítico, a través da ironía ou sátira.
- Neoruralismo.
- Culturalismo: reflexión teatral do teatro.
- Intertextualidade: recreación de obras da literatura universal ou adaptación de novelas galegas.
- Experimentalismo: mestura de diferentes artes no teatro (música, danza, etc.).
- Lúdico: teatro cómico e monólogos ou contadas.
As Xeracións de Dramaturgos
A Xeración dos 80
Caracterízase polo interese pola publicación de obras máis que pola representación das mesmas. Os textos déronse a coñecer nos Cadernos da Escola Dramática Galega.
Dunha ampla nómina de dramaturgos, salientamos dous:
- Xesús Pisón: obras de denuncia social ou crítica das relacións humanas (ex: Pauto, Venenos).
- João Guisán: o autor máis orixinal en canto á temática das obras (ex: Teatro para se comer ou Um cenário chamado Frederico).
A Xeración dos 90
Preocupación pola forma, pola linguaxe teatral, adaptación de textos narrativos ao teatro, busca de novas estéticas, etc.
Destacamos tres autores, aínda que son moitos os dramaturgos desta xeración:
- Cándido Pazó: pretende un contacto directo do teatro co público, emprega o humor para retratar a realidade social, adapta numerosas obras narrativas ao teatro, etc. (ex: Binomio de Newton, Niquiñaque).
- Raúl Dans: as liñas temáticas máis presentes son o mundo rural/urbano e a identidade do ser humano e o seu papel na sociedade (ex: Water-look, Matalobos).
- Quico Cadaval: actor, director, adaptador teatral, narrador, impulsor do movemento de radioteatro (ex: Códice clandestino, Noite de Reis).
O Novo Milenio
Busca de novas estratexias teatrais para chegar a un novo público, nomeadamente o auxe de compañías destinadas ao público infantil.
Destacamos nomes coma:
- Santiago Cortegoso (A filla de Woody Allen)
- Esther F. Carrodeguas (Voaxa e Carmín)
- Paula Carballeira (As alumnas)
- Afonso Becerra (Textículos dramáticos)