A Evolución da Lingua e Literatura Galega: Da Estandarización ás Vangardas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 32,1 KB

Sociolingüística

A Variedade Estándar do Galego

O proceso de construción da variante estándar do galego foi complexo e dilatado, influenciado por diferentes contextos históricos, sociais e políticos. A variante estándar ou normativa do galego é unha variedade lingüística que, lonxe de ser mellor ou peor que outras, goza dun maior prestixio social, especialmente en contextos formais e escritos. Este estándar foi unha necesidade social que xurdiu no século XIX, como parte do Rexurdimento galego, cando a lingua se afastara da escrita e do uso formal durante séculos. Antes diso, linguas próximas como o portugués, o castelán e o francés xa contaban con procesos de estandarización desde os séculos XV e XVI.

O proceso de normalización do galego pasou por varias etapas históricas:

  • A primeira etapa, no século XIX, foi caracterizada por un galego popularizante;
  • no primeiro terzo do XX, por un galego enxebrizante ou diferencialista;
  • entre 1936 e 1975, foi un galego protoestándar;
  • e desde 1975 ata o presente, foi establecido o galego estándar.

A aprobación do Estatuto de Autonomía de 1981, que recoñeceu o galego como lingua cooficial en Galicia, o cal intensificou a necesidade dunha normativa común. A normativa oficial foi finalmente aprobada en 1982 polas principais institucións lingüísticas galegas, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG). Estas normas foron posteriormente revisadas e actualizadas en 1995 e 2003.

Neste contexto, xurdiu unha polémica reintegracionista que propugnaba a achega do galego ao portugués de Lisboa, defendida pola Asociación Galega da Língua (AGAL). Esta postura defendía a aproximación ortográfica e gramatical entre ambas as linguas, mentres que a normativa oficial do galego mantén a súa identidade e autonomía, a pesar da súa raíz común co portugués. En resposta a esta polémica, tamén se xestaron posturas máis moderadas, como a "normativa de mínimos" proposta pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en 1980, que trataba de achegarse ao portugués na intervención léxica, pero sen buscar unha total uniformidade ortográfica.

A normativa vixente desde 2003, coñecida como "normativa de concordia", establece un equilibrio entre a normativa oficial e a de mínimos, e a maioría da sociedade galega adoptou esta variante estándar. A súa fixación baséase en tres criterios: fonolóxico (un grafema para cada fonema), etimolóxico (representación gráfica en función da orixe etimolóxica das palabras) e a tradición escrita (respecto á escritura tradicional galega en contraste co portugués). Finalmente, a selección dos trazos do galego estándar baseouse en criterios como a súa maior extensión xeográfica e demográfica, o seu uso na literatura e a súa harmonía coas linguas románicas, especialmente co portugués. As normas procuran unha lingua común, depurada de castelanismos, lusismos innecesarios e arcaísmos, favorecendo formas do galego antigo e a harmonización con trazos do portugués. En algúns casos, tamén se crearon neoloxismos, como "beirarrúa" ou "beiravía", para modernizar o vocabulario galego.

Interferencias Lingüísticas no Galego

1. Galego Popular e Dialectal (Século XIX)

Os autores do Rexurdimento, ao carecer dunha norma e descoñecer a literatura medieval, empregaron a lingua oral da súa zona, con ortografía castelá e un léxico cheo de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos. Nace a preocupación pola necesidade dunha norma común, aínda que as primeiras gramáticas e dicionarios foron pouco rigorosos e non houbo acordo unánime.

2. Galego Enxebrista ou Diferencialista (Etapa de Preguerra)

Durante este período, o movemento das Irmandades e o Grupo Nós quixeron diferenciar claramente o galego do castelán. Para isto, empregaron cultismos, arcaísmos e lusismos, ao tempo que evitaron os dialectalismos. As Normas para a unificación do idioma galego (1933) tentaron establecer unha estandarización, pero non se consolidaron.

3. Galego Protoestándar (1936-1980)

Nos anos 50, Editorial Galaxia estableceu unhas normas internas que guiaron aos escritores galegos. En 1970, a RAG e o ILG publicaron unhas Normas ortográficas para a unificación do idioma galego, que buscaban simplificar a ortografía e a gramática, corrixindo os excesos da etapa anterior.

4. Galego Estándar (1980 á Actualidade)

Tras o Estatuto de Autonomía de 1981, o galego converteuse en lingua cooficial. A partir de 1982, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, publicadas pola RAG e o ILG, foron aprobadas como oficiais. Existen controversias entre as persoas que defenden un maior achegamento ao portugués (reintegracionistas) e as que prefiren manter a norma estándar máis afastada. As modificacións das normas en 2003 buscaron un achegamento progresivo ao portugués, especialmente no léxico.

A norma estándar exclúe as desviacións e interferencias:

a) Desviacións da Norma

  • Dialectalismos: Variacións propias de zonas concretas (exemplo: "sapato" ou "ghato").
  • Vulgarismos: Deformacións coloquiais ou informais (exemplo: "apalpar", "verdá").
  • Hipergaleguismos: Deformacións influenciadas pola intención de diferenciar o galego do castelán (exemplo: "convinte", "gasolina").
  • Arcaísmos: Palabras ou formas en desuso (exemplo: "ren", "vegada").

b) Interferencias

  • Castelanismos Léxicos: Son os préstamos de termos casteláns ao galego, como dios, pueblo ou escoba. Existen tres graos de interferencia:
    • Primeiro grao: Preferencia polo termo semellante ao castelán (ex: empregar lágrima en vez de bágoa).
    • Segundo grao: Restrición do significado do galego, mentres o castelanismo se usa de forma máis ampla (ex: escoba e vasoira, sendo esta usada só para as máis rústicas, de xesta).
    • Terceiro grao: Substitución total do galego polo castelán (ex: Dios en lugar de Deus).
  • Castelanismos Semánticos: Ocorre cando un termo castelán cobre varios significados que no galego se separan en palabras diferentes. Exemplo: sueño en castelán corresponde a sono e soño en galego (1 palabra con mesmo significado: 2 palabras con significados diferentes).
  • Castelanismos Fónicos: Son influencias no son, como a confusión entre vogais abertas e pechadas ou a alteración na pronunciación das consoantes nasais (ex: unha pronunciado como una).
  • Castelanismos Morfosintácticos: Refírese a cambios na gramática, como erros no xénero (ex: a mel en vez de o mel) ou na conxugación verbal (ex: conduxo en vez de conduciu).

Estranxeirismos, Cultismos e Latinismos

O estranxeirismo é a introdución dunha palabra ou expresión dunha lingua estranxeira, podendo ser un calco (tradución literal) ou un préstamo adaptado. Algúns estranxeirismos integráronse na lingua, como “taxi” ou “bomba”. Os cultismos son préstamos procedentes de linguas prestixiosas (latín ou grego), adaptados eruditamente, como “agorafobia” ou “democracia”. Finalmente, o latinismo é unha expresión latina que non sufriu adaptación, como “grosso modo”.

A Diversidade Dialectal do Galego

1. Delimitación Xeográfica do Galego

A xeografía lingüística do galego esténdese máis alá das fronteiras de Galicia, chegando a zonas de Asturias, León e Zamora. As principais características que definen estas áreas son a ausencia de ditongación de vogais tónicas e a desaparición do -N- latino en posición intervocálica. No sur, a fronteira co portugués marca diferenzas como a falta de vogais nasalizadas e a distinción en sonoridade das sibilantes.

A variación interna do galego tamén se debe a factores temporais, sociais e situacionais, que afectan aos diferentes niveis e rexistros da lingua.

2. Variedades Dialectais do Galego

O galego presenta diferenzas dialectais en función da zona xeográfica, que se clasifican en catro aspectos: fonética, morfoloxía, sintaxe e léxico.

2.1. Fonética

  • Gheada: O "g" pronúnciase como unha aspirada /h/ (ex. "amigho" por "amigo").
  • Seseo: O son /θ/ (como en "facer") pronúnciase como /s/ (ex. "faser").
  • Variación nas vogais dos grupos latinos, como en "muito" ou "truita" no occidente fronte a "noite" no galego oriental.

2.2. Morfoloxía

  • Perda do -N- intervocálico en plurais (ex. "cans" ou "ladrois").
  • Diferentes formas para as terminacións latinas, como -án ou -ao para os plurais masculinos e femininos.
  • Tres paradigmas para os demostrativos: "este", "iste" e "isto", dependendo da zona.

2.3. Sistema Verbal

  • Variacións na terminación verbal, como -des, -is ou -s en diferentes zonas.
  • Diferenzas no pretérito de indicativo: "colleches" fronte a "colliche(s)" ou "colliu".

2.4. Sintaxe

  • Cheísmo: Emprego do pronome "che" como obxecto directo/indirecto no occidente da Coruña.
  • Teísmo: Uso do pronome "te" no Baixo Miño e outras zonas.

2.5. Léxico

  • Diferenzas no uso de verbos como "mirar" e "cheirar". Por exemplo, "mirar" pode significar "ver" no centro e sur de Pontevedra, mentres que "cheirar" pode ter connotación negativa nalgúns lugares, en contraposición a "ulir".

Bloques e Áreas Dialectais do Galego

O galego podemos dividilo en tres áreas dialectais claramente diferenciadas segundo os seus trazos. Á súa vez estas áreas poden ser subdivididas. Tomando como exemplos algúns trazos característicos, diremos:

1. Bloque Occidental

Comprende as zonas occidentais da Coruña e Pontevedra.

  • Gheada: Existencia de gheada (ghato, amigho).
  • Seseo: Seseo implosivo (lus, des). Hai seseo explosivo nas zonas máis costeiras (faser).
  • Terminación AN(S) para os dous xéneros en formas como: O irmán/ a irmán.
  • Plural -NS: cans, avións.
  • Pronome suxeito TI.
  • Vocal temática analóxica -E- en formas como colleches, vendestes en vez de vendistes.
  • Realización no ditongo UI do grupo latino -ULT-: muito, truita, luita (parte sur).
  • Cheísmo (na área de Fisterra): Utilízase o che para todo: Vinche pola noite.
  • Teísmo (na área límite con Portugal): Utilízase o te para todo: Colleute iso.
  • Alteración do timbre vocálico etimolóxico (metafonía): sogro/sogra.
  • Formas verbais con -N- analóxico na 1ª persoa: cantein/cantín.
  • Formas foches, fostes con vocal O no radical en vez de fuches.

2. Bloque Central

Formado por toda a Galicia Central: falares do nordeste e interior da Coruña, interior de Pontevedra e as provincias de Lugo e Ourense, excepto a súa parte oriental.

  • Ausencia de gheada.
  • Ausencia de Seseo, excepto o implosivo (lus, des) nalgunhas zonas da Coruña e seseo explosivo na bisbarra de Santiago (faser).
  • Terminación AO(S) para o masculino e Á para o feminino en formas como: O irmao/ a irmá.
  • Plural -S para os nomes acabados en N: cas, aviós.
  • Pronome suxeito TU.
  • Vocal temática analóxica -I- en formas como colliches, partiches.
  • Realización no ditongo OI do grupo latino -ULT-: moito, troita, loita.
  • Sufixo de número persoal -des na 2ª persoa do plural (cantades); nalgunhas zonas orientais podemos atopar a terminación -is (cantais, cantabais).

3. Bloque Oriental

Constituído polo galego exterior (occidente de Asturias, León e Zamora) e ademais, o falado ao leste de Lugo e Ourense.

  • Ausencia de gheada.
  • Ausencia de Seseo.
  • Terminación IN en vez de iño: camín, vecín (Excepto na parte sur deste bloque).
  • Formas como caxa, baxar... en vez de caixa, baixar.
  • Plural -IS para os nomes acabados en N: cais, avióis.
  • Plural -IS para os nomes acabados en L: sois, animais. En Asturias en LES: animales.
  • Pronome suxeito TU.
  • Formas verbais incrementadas co -n (cantein).
  • Realización no ditongo OI/ UI/ U do grupo latino -ULT-: moito, truita, luta.
  • Conservación do ditongo -ua- en cua, gua: cuatro, guardar.
  • Sufixo -is na 2ª persoa do plural (cantais, cantabais) e -i para o imperativo: cantai.

A Poesía das Irmandades da Fala

Nos primeiros anos do século XX, autores como Leiras Pulpeiro e Lugrís Freire continuaron a tradición poética do Rexurdimento. No entanto, o agrarismo e o nacionalismo, promovidos polas Irmandades da Fala, impulsaron a renovación literaria e a adopción das correntes contemporáneas. Ao redor das Irmandades reuníronse escritores como López Abente, Victoriano Taibo e Crecente Vega, destacando especialmente Noriega Varela e Ramón Cabanillas. Estes dous, sobre todo Cabanillas, actuaron como ponte entre a literatura do século XIX e as vangardas.

1. Antonio Noriega Varela

Coñecido como "o poeta da montaña", publicou un único libro de poemas, inicialmente titulado Montañesas (1904) e posteriormente Do ermo (desde 1920), que foi reelaborando ao longo do tempo. A súa poesía presenta dúas vertentes:

  • Poesía costumista e ruralista: Influída polos poetas do século XIX, céntrase na paisaxe, as tradicións e a ruda vida campesiña, empregando unha métrica popular.
  • Poesía máis culta e refinada: Inspirada nos clásicos latinos, Rubén Darío e os saudosistas portugueses, presenta unha linguaxe e estrutura máis elaboradas, incluíndo 21 sonetos. Nesta liña, adopta unha perspectiva impresionista e unha actitude franciscanista, destacando a beleza das "humildes cousas que ninguén olla", como a raiola, as flores do toxo ou as fontes.

2. Ramón Cabanillas

É unha síntese entre modernidade e tradición, combinando a herdanza do Rexurdimento coa influencia dos movementos estéticos do final do século XIX e comezos do XX. Inspírase en Rosalía, Pondal e Curros, incorporando elementos modernistas, sobre todo no aspecto formal: versatilidade métrica, exotismo, musicalidade e preciosismo verbal. Porén, a súa orientación ética e concienciadora afástao da estética modernista de “a arte pola arte”. A súa obra divídese en catro etapas: pregaleguista, galeguista, mítica e de posguerra, e abrangue dúas modalidades principais:

Poesía Lírica

  • Poesía intimista: Inclúe temas amorosos, a emoción ante a paisaxe e a evocación do pasado. A rosa de cen follas (1927) é a súa obra máis representativa, con homenaxe a Rosalía e á poesía romántica. Tamén cultivou unha poesía relixiosa.
  • Poesía cívica: Influída polo agrarismo e as Irmandades da Fala, denuncia o caciquismo e exalta a aldea e os labregos. Destaca Da terra asoballada (1917), con poemas convertidos en símbolos populares, como “Acción gallega”.
  • Poesía costumista: Retrata tipos e costumes rurais con crítica e humor. Presente en No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

Poesía Narrativa

A súa obra cume é Na noite estrelecida (1926), onde adapta o mito artúrico a Galicia. O Santo Graal simboliza a identidade galega e os cabaleiros representan os intelectuais galeguistas. A obra combina épica e modernismo cunha mensaxe nacionalista e de esperanza.

Tamén destacan O bendito San Amaro (1925) e Samos (1958), este último é un poema épico-didáctico de temática relixiosa.

As Vangardas na Poesía Galega

No primeiro terzo do século XX xorde en Europa a vangarda, un movemento artístico que rompe coa tradición e defende a liberdade creativa. Aparecen diversos "ismos" como futurismo, cubismo ou surrealismo, caracterizados por orixinalidade, experimentalismo e rexeitamento do pasado. En Galicia, a Xeración de 1925 achegouse a estas correntes, mesturando tradición e modernidade. No manifesto MÁIS ALÁ! (1922), Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro apostan por unha literatura galega moderna e monolingüe, afastada do ruralismo.

A poesía vangardista galega divídese en dúas tendencias:

  • Ismos que seguen liñas poéticas xa existentes: hilozoísmo e neotrobadorismo.
  • Tendencia rupturista: creacionismo e surrealismo.

A vangarda galega presenta varias correntes poéticas:

1. Hilozoísmo ou Imaxinismo

Mistura a tradición literaria paisaxística de autores como Rosalía, Noriega e Cabanillas, cun enfoque vangardista. Caracterízase pola personificación da natureza, a sucesión de imaxes plásticas, o uso de elementos visuais e auditivos, a predominancia de cores vivas e rechamantes, e unha métrica sinxela. O principal representante deste movemento é Luís Amado Carballo, coas súas obras Proel (1927) e O galo (1928).

2. Neotrobadorismo

Nace pola difusión da poesía medieval galego-portuguesa, especialmente a partir de 1928. Imitan a cantiga de amigo e de amor, caracterizándose pola perfección formal e o uso de recursos das cantigas galegas (paralelismo, refrán, leixaprén), pero cunha linguaxe e imaxes propias do século XX. Os autores máis representativos son Fermín Bouza Brey (Nao senlleira, 1933) e Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira, 1933).

3. Creacionismo

Este movemento é un fito único na literatura galega, sendo o único movemento vangardista plenamente orixinal e universalista. Rompe coa imitación realista, xa que o poeta busca crear unha realidade autónoma. O creacionismo caracterízase pola superposición de imaxes, a exclusión da musicalidade e da rima, e unha linguaxe innovadora e arriscada. En Galicia, este movemento foi exclusivamente representado por Manuel Antonio (1900-1930), considerado "o poeta do mar e da noite". A súa obra De catro a catro (1928), subtitulada Follas sen data dun diario de abordo, é unha das máis innovadoras da poesía galega de todos os tempos. O poemario está composto por 19 poemas escritos en 1926 e 1927, cando Manuel Antonio viaxaba no pailebote Constantino Candeira. A obra describe a viaxe como unha “viaxe oximórica”, onde o viaxeiro se perde na soidade do mar, sen ribeiras nin horizontes, creando unha atmosfera de soidade existencial. A súa orixinalidade é tripla: lingüística (uso de tecnicismos, estranxeirismos e cultismos), temática (o mar visto desde o propio mar) e formal (innovadora disposición tipográfica, ausencia de ritmo e rima). Esta obra marca un claro rompemento coa tradición lírica galega e introducirá unha visión inédita do mar na literatura galega.

4. Surrealismo

O surrealismo na poesía galega chega de man de Álvaro Cunqueiro coa súa obra Poemas do si e do non (1933), na que se presenta un surrealismo sentimental, centrado nunha historia de amor, deixando de lado o automatismo poético e a carga dramática típica do surrealismo internacional. Tamén fixeron importantes achegas á poesía vangardista galega autores como Luís Pimentel, Manuel Luís Acuña, Blanco Amor, Carvalho Calero e Xulio Sigüenza.

De catro a catro de Manuel Antonio: Características e Temas

De catro a catro de Manuel Antonio é unha obra profundamente vangardista e poética, que se estrutura en torno a temas como a soidade, a rutina do tempo e a visión do mar e da noite.

1. Título e Subtítulo

1.1. Título

"De catro a catro" reflicte unha idea circular e repetitiva, relacionada co horario da garda mariña, que implica un ciclo continuo de traballo e descanso que se repite sen cesar, creando unha sensación de inmobilidade.

1.2. Subtítulo

"Follas sen data dun diario de abordo" suxire un caderno de navegación (bitácora) onde se escriben follas soltas e sen data, xiro que dá a cada poema unha sensación de intemporalidade. As "follas" refírense á literatura e ao acto de escribir, e non son simplemente relatos de vida mariñeira, senón que cada poema é unha sucesión de imaxes vangardistas que o poeta debe interpretar.

2. Trazos Vangardistas

  • 2.1. Verso Libre

    Rompe coa musicalidade e a rima tradicionais, substituíndo estas por recursos rítmicos como a aliteración.

  • 2.2. Tipografía Innovadora

    Influenciado polo cubismo, o autor elimina os signos de puntuación, usa chaves, xoga coas sangrías e espazos en branco, creando unha experiencia de lectura visual e conceptual.

  • 2.3. Anulación da Secuencia Narrativa

    O poema non segue unha narrativa lineal senón que presenta unha superposición de visións, onde a lóxica se desvanece, e o poema se enche de imaxes innovadoras, arbitrarias e sorprendentes.

  • 2.4. Lingua Renovada

    A súa linguaxe presenta neoloxismos, tecnicismos mariñeiros, estranxeirismos e cultismos, á vez que se afasta dos ruralismos ou enxebrismos da literatura anterior. Este uso da linguaxe reflicte tamén a súa cosmopolita vangarda e as súas viaxes.

3. Temas Principais

  • 3.1. O Tempo

    O tempo preséntase como non lineal, con sensación de detemento e repetición. O autor capta o instante e a simultaneidade, onde se reflicte unha monotonía existencial na vida marítima, que se fusiona co tempo cósmico e estático do mar.

  • 3.2. Silencio e Soidade

    O silencio da viaxe invita á reflexión existencial, ao paso á interioridade e á identificación coa natureza. A soidade é unha constante, reflectindo un mundo interno de dúbidas e preguntas existenciais.

  • 3.3. Visión da Vida

    A visión da vida é pesimista e decepcionante, presentada como un proceso de naufraxio existencial, onde as horas monótonas conducen ao fracaso e á perda de sentido.

  • 3.4. O Mar e a Noite

    O mar aparece como un espazo simbólico, non só como escenario físico, senón tamén como metáfora de soidade, morte e viaxe interior. A noite é o momento do naufraxio cósmico, simbolizando tamén a ausencia de luz e a desorientación.

4. Símbolos

  • 4.1. Barco

    O eu lírico, o suxeito poético, que viaxa sen rumbo fixo.

  • 4.2. Leme

    O rumbo da existencia.

  • 4.3. Proa e Foulas

    O futuro e a aventura, que se presentan de forma incerta.

  • 4.4. Popa e Roncel

    O pasado, a saudade e a memoria.

5. Estrutura

A obra estrutúrase como unha viaxe iniciática en tres partes:

  • 5.1. Abandono do Coñecido

    No primeiro poema, o suxeito abandona a beiramar, invitando ao lector a unirse á súa viaxe.

  • 5.2. Aventura ou Travesía Interior

    A través de 17 poemas, o suxeito experimenta a monotonía do mar e a súa contemplación estática.

  • 5.3. Regreso Renovado

    O suxeito regresa ao terreo coñecido, pero xa cambiado pola experiencia interior vivida no mar, como se reflicte no poema final “Adeus”.

O título e a estrutura circular da obra resaltan a idea do naufraxio existencial, onde a viaxe e o movemento se alternan coa estaticidade e a falta de rumbo, ofrecendo unha reflexión profunda sobre a condición humana e a súa relación co tempo e o espazo.

A Poesía Galega entre 1936 e 1975: Tendencias e Autores

Na segunda metade da década de 1940, a poesía galega experimenta un renacer, aínda que a súa presenza xa se deixara sentir na outra beira do Atlántico con autores como Luis Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela. Estes poetas foron precedentes do socialrealismo que se desenvolvería en Galicia na década de 1960. Durante esa época, tamén xorden as primeiras revistas poéticas bilingües (como Alba e Posío) e coleccións poéticas que marcarán a evolución do movemento, como a de Benito Soto ou Xistral.

A recuperación da poesía galega iníciase co poemario Cómaros verdes de Aquilino Iglesias Alvariño en 1947, que introduce o neotrobadorismo. Nesa década tamén aparecen libros que seguen liñas poéticas do comezo do século XX, como o neotrobadorismo, hilozoísmo, popularismo e ruralismo, que son empregados por autores como os irmáns Álvarez Blázquez e Casado Nieto.

A lírica galega nestas décadas presenta un panorama moi variado, cunha convivencia de diversas xeracións, tendencias e estilos. A poesía das décadas seguintes estará marcada por tres promocións poéticas principais:

1. A Xeración do 36

  • Naceu entre 1910-1920.
  • Viviu e sufriu a Guerra Civil e as súas consecuencias.
  • Serve como ponte entre a literatura de preguerra e as novas promocións.
  • As súas tendencias son diversas: neotrobadorismo, paisaxismo, poesía cívica e intimismo.

1.1. Aquilino Iglesias Alvariño

  • Cómaros verdes (1947): Este poemario marca o inicio da poesía galega da posguerra, integrando correntes como o hilozoísmo, clasicismo, ruralismo paisaxista e neotrobadorismo.
  • De día a día (1960): Diario poético onde predominan sentimentos de soidade e aflicción polo paso do tempo.

1.2. Xosé Mª Díaz Castro

  • Nimbos: O seu único libro, caracterizado por unha poesía transcendental que explora temas profundos como o amor, a natureza, o tempo e a morte. O poema "Penélope" equipara Galicia coa muller de Ulises, representando a espera eterna. A obra destaca tamén polo tema relixioso, pouco común na poesía galega.

1.3. Celso Emilio Ferreiro

A súa poesía abrangue tres rexistros: cívico, intimista e satírico.

  • O soño sulagado: A súa primeira obra importante, onde se tratan temas como o paso do tempo, o sentido da vida e a nostalxia da terra natal, anticipando a temática social.
  • Longa noite de pedra: Peza fundamental para comprender a poesía da posguerra. Marca o inicio da poesía social, sendo moi popular e converténdose nunha metáfora dos anos da ditadura. Defende a liberdade, o antimilitarismo e a loita contra a opresión.
  • Viaxe ao país dos ananos: Reflexión sobre a súa emigración a Venezuela e o descubrimento da vida dos emigrantes. A obra ten un ton irónico e sarcástico.
  • Onde o mundo se chama Celanova: Última obra publicada, de carácter intimista, onde lembra a súa vila natal e a súa muller Moraima, a quen dedica poemas amorosos.

1.4. Luís Pimentel

A pesar de ser un autor da xeración das vangardas previas á guerra civil, a súa reticencia a publicar fai que a súa obra sexa limitada e tardía.

  • Triscos: Oito poemas publicados na colección Benito Soto.
  • Sombra do aire na herba: Obra póstuma que o consolida como un autor relevante.

2. A Promoción de Enlace

  • Nacidos entre 1920 e 1930.
  • Eran moi novos cando estalou a Guerra Civil, polo que a súa formación cultural estivo marcada polo illamento respecto á tradición galega.
  • A súa formación foi autodidacta, e ao principio foron escritores bilingües.
  • A súa poesía combina o compromiso social e a angustia existencial.

2.1. Antón Tovar

  • Reflexiona de maneira pesimista e desacougante sobre o sentido da vida e da morte, especialmente nas súas primeiras obras Arredores e Non.
  • Nas súas últimas obras, como Berros en voz baixa, amosa unha maior preocupación polo compromiso social.

2.2. Luz Pozo Garza

  • O seu traballo divídese en dúas grandes liñas temáticas: intimista e de compromiso social.
  • O amor é o tema central en obras como O paxaro na boca e Códice calixtino.
  • Outros temas importantes na súa poesía son o compromiso con Galicia, a reflexión sobre a poesía e o diálogo coa obra e a figura de Rosalía de Castro. Dedicou a Rosalía tanto un discurso na Real Academia Galega como o poemario Vida secreta de Rosalía.

2.3. Manuel Cuña Novás

  • A súa obra principal é Fabulario novo, que se considera un antecedente da Escola da Tebra.

3. A Promoción das Festas Minervais

  • Nacidos entre 1930-1940, polo que non coñeceron a guerra.
  • Comezaron a ser coñecidos nos certames literarios celebrados en Santiago nos anos 50, como nas Festas Minervais e no suplemento cultural do xornal La Noche.
  • A súa produción pasa por dúas etapas principais:
    • A Escola da Tebra: poesía de visión angustiosa da vida, que trata temas como a morte, a soidade e a desesperanza.
    • O Socialrealismo: trata temas como a opresión, a guerra e o sentimento de Galicia.
  • O cambio entre ambas as etapas vén marcado pola publicación de Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro.
  • Algúns autores desta xeración formaron parte do Grupo Brais Pinto, un grupo de estudantes galegos en Madrid que fundaron unha editorial con este nome, caracterizado por un forte activismo político e cultural.

3.1. Xosé Luís Méndez Ferrín

  • Voce na néboa: Poemario cargado de angustia e pesimismo, con preocupación existencial e relixiosa, seguindo a liña da Escola da Tebra.
  • Con pólvora e magnolias (1976): Obra central na literatura galega que marca a renovación na poesía galega e rompe co socialrealismo. O título reflicte a mestura de poesía política e revolucionaria (a pólvora) e poesía amorosa (as magnolias). A súa poética destaca pola súa forza e singularidade.

3.2. Manuel María

  • Autor prolífico con máis de 50 obras.
  • Muiñeiro de brétemas (1950): Inicia a Escola da Tebra.
  • Documentos persoais (1958): Poemario de poesía social que denuncia a situación de Galicia e chama á loita pola terra.
  • Terra cha: Poesía paisaxística sobre a súa terra natal.
  • Tamén destacou na poesía infantil con Os soños na gaiola.

3.3. Bernardino Graña

  • Escritor pertencente ao Grupo Brais Pinto.
  • En Profecía do mar e Non vexo Vigo nin Cangas, ofrece unha visión social e humanizada do mundo mariñeiro, empregando un léxico rico en termos mariñeiros e con forte conciencia ecolóxica.

3.4. Uxío Novoneyra

  • A súa obra está centrada na paisaxe da montaña lucense (O Caurel), mostrando unha profunda identificación coa terra.
  • A poesía paisaxística é predominante en Os eidos (1955) e Os eidos 2 (1974).
  • Tamén cultivou poesía social e de denuncia, así como poesía amorosa.
  • Utiliza recursos como o fonosimbolismo para evocar sons da natureza e as emocións que provocan.

3.5. Xohana Torres

  • Estacións no mar: A súa obra de madurez, onde combina o intimismo con temas patrióticos.

3.6. Avilés de Taramancos

  • A súa poesía pode dividirse en dúas etapas: antes e despois da súa emigración a América.
  • Ao seu regreso, publicou O tempo no espello (compilación da súa obra anterior) e Torres no ar, que é un canto á natureza da súa terra natal e das selvas colombianas.
  • Tamén aparecen temas como a saudade e a preocupación pola memoria e as orixes. A figura de Ulises é recorrente, representando a esperanza de volver ao seu lugar de orixe.

Entradas relacionadas: