Evolución e Características da Arte Barroca en Europa: Pintura e Arquitectura

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en español con un tamaño de 6,08 KB

A Pintura Barroca en Europa

O Barroco xorde en Italia como evolución do Renacemento e desenvólvese principalmente no século XVII, nun contexto de crise política, económica, social e de grandes cambios científicos e filosóficos. A arte barroca serve á Contrarreforma católica, ás monarquías absolutas como símbolo de poder e á burguesía como afirmación social.

A Orixe e o Clasicismo

A obra fundacional do Barroco pictórico é a bóveda da Galería Farnese de Annibale Carracci, de carácter clasicista, equilibrando naturalismo e decoro mediante alegorías de inspiración pagana.

O Tenebrismo de Caravaggio

Máis rupturista é Caravaggio, creador do tenebrismo, caracterizado polo forte claroscuro e a teatralidade. Destacan as obras das capelas Contarelli e Cerasi, onde a luz funciona como elemento expresivo e dramático.

A Sensibilidade de Artemisia Gentileschi

Na súa órbita sitúase Artemisia Gentileschi, cuxa obra aborda temas bíblicos e mitolóxicos desde unha sensibilidade marcada pola súa experiencia como muller, cuestionando a idea dunha “mirada feminina” única.

Transición e Ilusionismo

En transición cara ao rococó destaca Giovanni Battista Gaulli, famoso polos frescos ilusionistas da igrexa do Gesú en Roma.

A Pintura en Flandres e Holanda

Fóra de Italia sobresae Flandres con Rubens, pintor do poder político, de estilo dinámico, colorista e sensual, ao servizo das cortes europeas.

En contraste, a pintura holandesa, representada por Rembrandt, é descritiva máis que retórica, centrada na observación da realidade e demandada por unha burguesía urbana. Rembrandt destacou no retrato colectivo, na pintura relixiosa humanizada e na mitoloxía, cun estilo persoal afastado do éxito comercial.

Conclusión da Pintura

A pintura barroca é diversa e reflicte a pluralidade europea. Mentres Italia e Flandres empregan unha arte retórica e persuasiva, Holanda aposta por unha representación máis obxectiva da realidade. O Barroco combina aparencia, teatralidade e reflexión persoal.


A Arquitectura Barroca en Europa (Séculos XVII–XVIII)

Nace en Italia como unha evolución do Renacemento e desenvólvese entre os séculos XVII e XVIII, sendo o século XVII o máis representativo. Xorde nun contexto de crise e transformacións profundas: guerras de relixión, dificultades económicas das monarquías, ascenso da burguesía, e avances científicos e filosóficos. Neste marco, a Contrarreforma católica e as monarquías absolutas empregan a arte barroca como medio de propaganda, poder e afirmación ideolóxica.

Urbanismo e Estética do Poder

O absolutismo favorece a creación de grandes capitais e cortes, o que impulsa o urbanismo barroco:

  • Embelecemento das cidades.
  • Deseño de prazas monumentais.
  • Desenvolvemento dos xardíns como complemento dos palacios.

O Barroco caracterízase pola teatralidade, a aparencia e a retórica visual.

Características Arquitectónicas

Na arquitectura destacan:

  • As plantas ovaladas.
  • As fachadas dinámicas con elementos que avanzan e retroceden (frontóns e cornixas partidas).
  • O uso expresivo da luz e da sombra.
  • O efecto sorpresa e a riqueza decorativa, especialmente nos interiores con retablos dourados.

O Barroco en Italia: O Centro de Roma

Roma convértese no gran centro do Barroco, impulsada polos Papas do século XVII.

Carlo Maderno

Encárgase da remodelación de San Pedro do Vaticano, prolongando a nave para crear unha planta de cruz latina e deseñando unha fachada monumental organizada en dous niveis, con columnas xigantes, frontón e balaustrada con esculturas.

Gian Lorenzo Bernini

Realiza o baldaquino de San Pedro, con columnas salomónicas de orde xigante, integrándose coa arquitectura clásica. A súa obra máis importante é a praza de San Pedro, un gran espazo teatral formado por columnatas que simbolizan o abrazo da Igrexa aos fieis. Tamén destaca San Andrés do Quirinal, con planta elíptica e fachada dinámica.

Francesco Borromini

De formación matemática, representa o contrapunto a Bernini. A súa obra San Carlo das Catro Fontes destaca pola fachada ondulante, na que alterna elementos saíntes e cóncavos, creando intensos xogos de luz e sombra e unha gran sensación de movemento.

O Barroco Francés: O Palacio de Versalles

O Barroco francés está marcado polo absolutismo de Luís XIV e pola construción do Palacio de Versalles, símbolo do poder real. O conxunto constrúese en tres fases:

  1. As dúas primeiras son obra de Luís Le Vau, quen envolve o antigo palacio nunha estrutura en forma de U, mantendo o patio de mármore como eixo central.
  2. A ampliación definitiva corre a cargo de Jules-Hardouin Mansart, que constrúe as grandes ás laterais e a famosa Galería dos Espellos, ademais do Gran Trianon.
  3. Os xardíns, deseñados por André Le Nôtre, ocupan unhas 800 hectáreas e están organizados de maneira racional e xeométrica, con estanques, fontes e esculturas que identifican a Luís XIV co deus Apolo, o Rei Sol.

Conclusión da Arquitectura

A arquitectura barroca europea é unha expresión do poder da Igrexa católica e das monarquías absolutas. A través do movemento, a teatralidade e a emoción, busca impresionar e envolver ao espectador.

Entradas relacionadas: