A Ética Kantiana: Razón Práctica e o Imperativo Moral
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,51 KB
A Teoría Moral Kantiana: Que Debo Facer?
A Razón como Guía Moral
Na investigación sobre as posibilidades do noso coñecemento teórico, Kant descobre que só é posible coñecer algo porque a mente posúe unhas estruturas anteriores a calquera experiencia (a priori). Na investigación respecto do que debemos facer, no campo da ética, Kant tentará mostrarnos que a base da moralidade, a lei que nos di como actuar (imperativo), está tamén na nosa mente a priori. A razón que produce ciencia acerca do mundo (uso teórico) é a mesma que delibera respecto da mellor norma a seguir nas nosas accións; o único que cambia é o uso da razón, que vai ser agora práctico. Trátase de orientar ao home, de decidir non como son as cousas, senón como deberían ser. Alma, mundo e Deus non son obxectos empíricos do coñecemento, pero si poden ser ideais, conforme ós cales organicemos o noso comportamento.
O Racionalismo formulara unha ética baseada na aplicación da razón, dun xeito dedutivo, como se fose froito dunha dedución a partir de principios inmutables. O Empirismo, pola súa parte, desde o escepticismo producido pola investigación sobre as fontes do coñecemento, formula unha ética práctica, fundada na emotividade e nos sentimentos. Entre estas dúas posicións, Kant representa unha terceira vía. Os principios morais deben ter o seu fundamento na razón (práctica), pero só no que respecta á súa estrutura; en canto á súa aplicación, isto depende da experiencia e, polo tanto, non é universalizable.
Unha Ética Formal
A ética que nos propón Kant é unha ética formal e non unha ética material. A ética formal móstranos como debe ser a forma das nosas accións para que poidan ser consideradas morais. As éticas materiais basean a moralidade ou inmoralidade das accións na finalidade que perseguen. Kant afirma que as éticas materiais non poden considerarse universais, nin obrigatorias, porque a finalidade é sempre continxente (pode producirse ou non). Se baseamos as nosas accións nos fins que pretendemos conseguir, formúlansenos dous problemas fundamentais:
- Non sempre podemos conseguir ese fin, e na práctica poden xurdir moitas circunstancias que, pese ás nosas boas intencións, alteren o resultado da acción.
- Non todos estamos de acordo acerca de que fins son os que se perseguen. É certo que todos os homes buscan a felicidade, pero non todos a atopan do mesmo xeito, e o que a un lle produce felicidade, pode que a outro non.
A lei moral debe ser unha lei universal, logo debe explicarnos como obrar en calquera circunstancia, calquera tempo e calquera lugar sen estar suxeita a condición ningunha; logo ten que ser unha lei moral que me subministre unha forma, non un contido. A lei moral expresa o deber de executar a acción que se manda, pero ese deber non pode fundamentarse en ningún desexo persoal, nin sequera colectivo, porque entón nunca sería unha lei universal. Tampouco pode estar baseado nos resultados das accións, pois estes non dependen da nosa vontade, senón das circunstancias. Kant afirma que a lei moral ten que ser válida por si mesma, sen acudir para fundala a ningún elemento estraño á lei mesma.