Estandarización Lingüística do Galego: Etapas e Influencias
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,25 KB
O proceso a través do cal se elabora unha variedade de lingua uniformada, que sirva de vehículo para a comunicación formal, denomínase estandarización lingüística ou normativización. Os primeiros pasos para a elaboración dunha normativa son a fixación dunha ortografía, a escolla dunha variedade estándar e a realización de dicionarios e gramáticas. A nosa lingua non emprendeu esa tarefa ata o s. XIX, cos autores do Rexurdimento.
Etapas da Normativización
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
- Galego popularizante (ata fins do s. XIX): Utilizan o galego oral no seu rexistro popular cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- Galego enxebrizante (ata 1936): Os autores inclínanse por un modelo que marque distancias co castelán, pero acaban caendo en hipergaleguismos, arcaismos e lusismos.
- Galego protoestándar (ata fins dos 70): Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto e caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica. Será cando a RAG elabora as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Esta normativa será declarada oficial pola Xunta de Galicia en 1982.
- Galego estándar (ata a actualidade): As investigacións e estudos universitarios axudaron a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores.
En canto á selección da variedade estándar, elixiuse unha variedade supradialectal combinando trazos dos diferentes falares, tendo en conta: a maior extensión xeográfica, o número de falantes, o grao de uso na literatura ou a harmonía coas demais linguas románicas.
As normas foron actualizadas e revisadas en 1995 e 2003.
Interferencias e Desviacións da Norma
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico. No caso da lingua galega e a castelá aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:
- No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5.
- No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos, confusión dos pronomes TE/CHE, etc.
- No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
- No plano léxico: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), substitución da forma galega pola castelá (*tenedor por garfo...).
As desviacións da norma son voces que non se axustan á normativa. Exemplos:
- Hipergaleguismos: a falsa “galeguización” de formas que coinciden en ambos idiomas (primaveira).
- Vulgarismos: vacilación vocálica ou consonántica en palabras (amoto, espranza…).
- Préstamos e interferencias: incorporación de termos procedentes doutras linguas, sexan necesarios ou non.
- Lusismos: recórrese a termos do portugués para substituír formas galegas.
- Castelanismos: a influencia do castelán sobre o léxico.