O estándar do galego: Normativa, controversias e variedades lingüísticas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 9,96 KB
Reflexión sobre a normativa estándar do galego
O texto reflexiona sobre a necesidade e a pertinencia da normativa estándar do galego. O autor manifesta unha actitude un tanto contraditoria a respecto dela porque, se ben recoñece que é imprescindíbel como criterio de corrección ("As normas son necesarias porque nos axudan a saber o que está ben e o que está mal"), acaba por manifestar o seu malestar pola intromisión que, ao seu entender, supón a súa implantación na liberdade dos cidadáns a expresarse libremente ("Pero que as autoridades (...) metan o nariz desa maneira en algo tan persoal e tan básico para as persoas é algo que non podo nin poderei nunca comprender").
Ademais, critica a normativa do galego porque considera que elimina palabras que están arraigadas na sociedade e que gozan de tradición escrita e ofrece no seu lugar outras formas inventadas ou arcaicas e afirma que, por este motivo, hai un rexeitamento social xeneralizado dela.
A tese que mantén o autor, ademais de resultar contraditoria, porque non se pode afirmar ao mesmo tempo que as normativas son necesarias e que atentan contra a liberdade dos falantes (toda normativa, sexa da natureza que sexa, impón uns límites ao establecer cales son os comportamentos correctos e incorrectos), está sustentada en argumentos falsos. Por un lado, afirma que a normativa propón palabras inventadas ou que xa non teñen uso na actualidade. Todas as formas que recolle o galego estándar están sustentadas na fala real de hoxe en día. Ese é un dos criterios seguidos polos organismos que o elaboraron, que figura de maneira explícita nun dos puntos do seu prólogo. Aínda que algunhas delas non sexan as maioritarias ou non coincidan coas propias do falante que as empregan, sempre teñen unha existencia real, como o caso de polbo, o exemplo que emprega o autor para criticar este aspecto. Este vocábulo existe no galego espontáneo de moitos falantes, sobre todo nas zonas costeiras meridionais e si o empregan de maneira natural, a pesar do que insinúa o autor, os mariñeiros orixinarios dese territorio. Sucede que moitas veces os falantes pouco informados tenden a considerar que son inventadas aquelas formas que non coñecen ou que non son propias da súa área lingüística.
Por outro lado, o labor de recuperación de formas hoxe en día minoritarias non ten outro obxectivo que eliminar outras espurias, introducidas normalmente desde o castelán, que substituíron as autóctonas. Esta tarefa de restauración do léxico patrimonial en detrimento dos barbarismos é imprescindíbel e común ás normativas estándar de todos os idiomas, mais resulta particularmente necesaria para o galego, que sufriu unha secular e masiva invasión de castelanismos.
O autor emprega para expresarse un tipo de lingua non estándar, propia do denominado galego espontáneo, modalidade empregada polos galegofalantes que aprenderon a lingua por transmisión xeracional e que, en boa medida, non asumen o modelo normativo por descoñecemento e/ou por un rexeitamento consciente, ao consideralo un tipo de lingua artificial e mesmo inventado. A maior parte destes falantes non tiveron contacto co galego no sistema educativo.
As características desta variedade de lingua que se poden observar no texto son as seguintes:
- Emprego de voces dialectais (ex: nariz, cando)
- Emprego de vulgarismos (ex: entre, ninguén, calamidade)
- Emprego de castelanismos (ex: empreguen, calquera, establezan)
- Presenza de alternancias de código (ex: "en plan ordeno y mando")
Notas sobre progresión textual e correccións
Progresión textual
O texto presenta unha progresión xeral de temas derivados, na que o hipertema é "as linguas máis importantes do mundo" e os temas subordinados son "o chinés mandarín", "o español" e "o inglés". No desenvolvemento de cada un destes temas subordinados ofrécese unha progresión constante de maneira estrita.
Correccións textuais ('Caídas')
- "Unha auténtica animalada": unha cifra extraordinaria / unha cantidade asombrosa...
- "E mesmo vos falan castelán, se vos fixades, moitísimas persoas en Ianquilandia": E mesmo falan en castelán / e mesmo se expresan en castelán (sen o pronome de solidariedade en calquera caso) moitas persoas / un gran número de persoas / unha importante porcentaxe de falantes dos Estados Unidos.
Modelos lingüísticos do galego actual
Normativa reintegracionista
O texto está escrito nunha normativa reintegracionista. O reintegracionismo propón unha ortografía próxima ao portugués, ao considerar que galego e portugués continúan sendo, hoxe en día, unha única lingua. Ao mesmo tempo, recupera grafías que foron propias do galego nunha etapa anterior á súa castelanización ortográfica.
Así, podemos ver no texto as seguintes características (entre outras):
- Emprego de s en lugar de z (ex: diferença)
- -m en posición final en lugar de -n (ex: mandarim)
- Dígrafos lh e nh en lugar de ll e ñ (ex: milhois, conhecimento)
- Emprego de j e g diante de e, i en lugar de x (ex: objetivo, geral)
- Acentuación semellante á portuguesa, con til agudo, grave e circunflexo (ex: língua, autêntica)
- Existencia de ss (ex: expressar-te)
- Emprego de guións para separar as formas pronominais enclíticas (ex: move-se)
- Escrita do grupo qua en lugar de cua ou ca (ex: quatrocentas)
Normativa oficial (Estándar)
O criterio fundamental á hora de elaborar a normativa oficial foi, segundo se declara no prólogo da mesma (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego), conseguir un modelo de lingua unificado para os usos cultos que parta da fala real.
Dado que a realidade lingüística está moi castelanizada e ofrece variantes diferentes ao longo do seu territorio lingüístico, pretende eliminar todas (esencialmente os castelanismos) e escoller entre as diferentes formas da fala, aquelas opcións máis axeitadas coas que se identifique a maioría dos falantes para que poida ser asumida pola totalidade dos galegos para deste xeito conseguir unha proposta supradialectal.
Para orientarse á hora de realizar as necesarias escollas, é preciso ter en conta a tradición galega e priorizar aquelas solucións máis tradicionais fronte ás innovadoras, e ter en conta as formas propias doutras linguas emparentadas co galego, especialmente o portugués, idioma co que o galego presenta unha unidade histórica. Tamén pretende acabar cos erros lingüísticos provocados por un afán diferencialista do castelán, como hipergaleguismos, vulgarismos e arcaísmos.
Variedades reais: Galego espontáneo e Neogalego
Ademais deste galego estándar, recollido na normativa, podemos sinalar na actualidade a existencia de dous modelos reais de lingua, o espontáneo e o neogalego, que, aínda que posúen características ben diferenciadas, poden aparecer mesturados nun mesmo falante. Ambos están marcados pola influencia do castelán.
Galego espontáneo
É a modalidade empregada polos galegofalantes que aprenderon a lingua por transmisión xeracional e que non asumen o modelo normativo por descoñecemento e/ou por un rexeitamento consciente, ao consideralo un tipo de lingua artificial e mesmo inventado. A maior parte destes falantes non tiveron contacto co galego no sistema educativo.
As características lingüísticas desta modalidade son as seguintes:
- Riqueza dialectal, tanto no nivel léxico como no fonolóxico e no morfosintáctico (gheada, seseo, formas gramaticais non normativas nas conxugacións e no uso de pronomes, emprego de palabras propias da zona).
- Abundancia de vulgarismos (ex: lerma, xionllo, acetar...).
- Profusión no emprego de castelanismos léxicos (ex: lueves, noviembre, tenedor, ochenta, pulpo...).
- Alternancias de código en situacións lingüísticas precisas (ex: e entón chegou a outra e ai!, ¡qué bien vestidita que te venía!...).
Neogalego
É a denominación da variedade empregada polos neofalantes, ou sexa, os falantes que, partindo do castelán como lingua inicial, teñen unha adquisición tardía do galego, a partir do sistema educativo ou da lectura e os medios de comunicación. A pesar de mostraren unha boa predisposición cara á aceptación da normativa e o emprego efectivo do galego, mostran con frecuencia carencias lingüísticas relevantes.
As súas características principais son as seguintes:
- Nivel fónico castelanizado (perda de distinción entre as vogais medias, pronuncia despalatalizada do x, pronuncia alveolar do n ante vogal, liñas melódicas propias da entoación castelá).
- Rexeitamento de vulgarismos e de dialectalismos.
- Vitalidade de formas recuperadas a través do proceso de estandarización (ex: pobo, deus, tesoiras) fronte aos castelanismos propios da lingua espontánea.
- Interferencias morfosintácticas do castelán (no xénero das palabras, na colocación dos pronomes).
- Deficiente uso do sistema verbal (descoñecemento do infinitivo conxugado, emprego de tempos compostos ou uso incorrecto de perífrases verbais).
- Interferencias léxicas e fraseolóxicas do castelán (calcos do castelán ou frases feitas traducidas directamente do castelán).