Esplendor Cultural e Literario na Idade Media Galega: Afonso X e a Prosa Medieval
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,37 KB
O Esplendor Cultural na Corte de Afonso X
A corte de Afonso X foi un gran foco de cultura e traballo, onde especialistas compilaban o saber da época a través de traducións de textos gregos, latinos, hebreos e árabes. As obras abranguían dereito, ciencias, xogos, entretemento e historia. Afonso X foi o máis destacado e fecundo poeta en lingua galega da Idade Media. Aínda sendo o promotor do castelán como lingua de Estado e cultura, escribiu as Cantigas de Santa María, o que se explica polo prestixio que o galego tiña naquela época como lingua das composicións líricas.
As Cantigas de Santa María
As Cantigas de Santa María son 427 cantigas (da segunda metade do século XIII) que enxalzan a figura da Virxe e relatan milagres que se lle atribúen, con notación musical e miniaturas. A autoría atribúese aos trobadores da corte do rei Afonso X o Sabio, incluído el mesmo.
Fontes e Motivacións
- Fontes para a súa elaboración: coleccións de milagres da Virxe escritas en latín e noutras linguas romances, milagres relacionados con algún santuario, lendas orais sobre feitos marabillosos da Virxe, sucesos presentados como episodios persoais do rei ou dos seus familiares.
- Motivos da súa composición: políticos (para prestixiar a corte castelá como centro cultural, para reforzar a ideoloxía cristiá fronte aos árabes e xudeus e para restarlle influencia e poder á Igrexa de Compostela desviando os peregrinos aos santuarios marianos) e relixiosos (devoción do rei á Virxe e afán por espallar a devoción mariana).
Clasificación das Cantigas
- Líricas ou de loor: louvanza da Virxe. É como nas cantigas de amor: trobador-vasalo, Virxe-señor.
- Narrativas ou de milagres (a maioría): a Virxe realiza un milagre (cantiga narrativa cunha ensinanza final). Case sempre teñen o mesmo esquema: introdución, presentación do protagonista en perigo ou loitando contra a tentación, intervención sobrenatural da Virxe e ensinanza moralizante e loanza final da Virxe.
Cancioneiros
Existen catro códices elaborados na corte do rei Afonso:
- O códice de Toledo, gardado na Biblioteca Nacional de Madrid.
- Dous códices conservados na Biblioteca do Escorial.
- Un depositado na Biblioteca Nacional de Florencia.
A Prosa Medieval Galega
A prosa medieval galega é escasa, tardía e menos orixinal cá lírica, consistindo principalmente en versións ou traducións de obras escritas noutras linguas. Os primeiros textos literarios en prosa datan de fins do século XIII e comezos do XIV.
Existe abundante documentación non literaria: textos xurídicos (traducións ao galego de obras redactadas na corte de Afonso X, escritos notariais, regulamentos, foros particulares…) e textos técnicos ou científicos (o Tratado de Albeitaría, tradución ao galego dunha obra latina sobre a cría e enfermidades dos cabalos, é unha das poucas mostras de léxico científico do galego medieval que conservamos). Isto evidencia a normalidade coa que se empregaba o galego en todas as funcións sociais.
Causas da Escaseza de Textos Literarios en Prosa
- O galego funcionaba como lingua asociada ao xénero lírico.
- A prosa servía de ferramenta para o poder político: os reis promovían crónicas dos seus reinados (así o fixeron os reis de Castela e Portugal) e, ao quedar Galicia dentro da órbita da coroa de Castela, o galego non chegou a constituírse en lingua de Estado.
- Desaparición de textos prosísticos en galego debido ás revoltas medievais (que destruíron fortalezas e castelos) ou ao abandono e malas condicións de moitos arquivos.
Tipos de Prosa Medieval
Prosa Haxiográfica
Obras en prosa centradas na narración dos milagres ou prodixios realizados por un santo.
- Miragres de Santiago (fins s.XIV-comezos do XV) é unha tradución parcial dunha obra anterior escrita en latín (unha das súas versións máis completas, datada no s.XII, consérvase na catedral de Compostela e coñécese co nome de “Códice Calixtino”). Contén sermóns, rezos, milagres realizados polo Apóstolo, a historia da translación dos seus restos ata Compostela, relatos da conquista de España por Carlomagno, unha guía para os peregrinos dende Francia e unha descrición da cidade de Santiago e da súa catedral.
Prosa Historiográfica
Relatos históricos e crónicas (con elementos lendarios e fantásticos) promovidos desde as cortes e con carácter propagandístico. Os máis importantes: Crónica Xeral Galega e Crónica de Santa María de Iria.
Prosa de Ficción
Asuntos relacionados con dous ciclos:
Ciclo Artúrico ou Materia de Bretaña
Fazañas do rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda na procura do Santo Grial (orixe: lendas célticas + temas do amor cortés + cristianismo). A maior parte das obras deste ciclo son versións ou traducións de textos franceses e desenvolven tres lendas:
- A lenda do Grial (ou Graal): primeiro, caldeiro máxico dos druídas celtas e despois, cáliz empregado por Xesús na Derradeira Cea. Tres obras recollen esta lenda: Libro de Xosé de Arimatea (narra a orixe e significado da copa sagrada e o seu traslado dende Xerusalén a Bretaña), Demanda do Santo Graal (aventuras dos cabaleiros da Táboa Redonda na súa procura) e Libro de Merlín (encantamentos e profecías do mago anunciando novos tempos).
- A lenda de Artur: gran rei esperado polo seu pobo para conquistar un futuro glorioso.
- A lenda de Tristán e Iseo (Isolda): os amores tráxicos dos amantes máis famosos da Idade Media.
Ciclo Clásico ou Troiano
Lendas sobre a guerra e destrución de Troia polos gregos e o destino dalgúns heroes que participaron nesa guerra. Conservamos dúas traducións ao galego: Crónica Troiana e Historia Troiana.
Teatro Medieval Galego
Non se conserva ningún texto dramático medieval escrito en galego, pero si se supón que puido existir porque hai indicios de celebracións ligadas á liturxia e noticias que falan de recitados por parte dos xograres con acompañamento musical e de danza que fan pensar nun espectáculo de perfil teatral.