A Escultura do Renacemento ao Manierismo: Mestres, Estilos e Obras Inmortais

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,85 KB

O sentimento clásico na escultura aparece en Europa antes que na arquitectura, xa na época do Gótico. Pero será en Italia onde teña máis transcendencia. Se durante o Trecento (século XIV) as capitais da escultura foron as cidades toscanas de Siena ou Pisa, durante o Quattrocento o centro artístico trasladarase a Florencia, na mesma rexión.

A Escultura Renacentista: O Nacemento dunha Nova Estética

A escultura renacentista independízase da arquitectura e interésase pola beleza formal, baseada na proporción e na harmonía. Os escultores dominan a representación do corpo humano; reaparece o espido e xeneralízase o canon de nove cabezas, pero non é fixo: durante o Quattrocento conserva unha elegancia aínda gótica; no Cinquecento evoluciona cara a unha simplicidade monumental. As esculturas dótanse de movemento a través do contraposto e da tensión do movemento en potencia.

Temática e Función

Os temas principais responden a un contido tanto relixioso coma profano e multiplícanse os retratos, tanto reais como heroicos (de corpo enteiro, busto, ecuestres). Responden a unha función relixiosa, política ou cívica.

Mestres do Quattrocento (Século XV)

Lorenzo Ghiberti (1378-1455)

En 1401 convocouse un concurso para realizar as dúas portas que faltaban do Baptisterio de Florencia, que gañou un novo Lorenzo Ghiberti. Na chamada Porta do Paraíso desenvolve unha concepción pictórica do relevo, conseguindo complexos efectos de profundidade cun suave modelado.

Donatello (1386-1466)

Donatello é o escultor máis importante do Quattrocento. Discípulo de Ghiberti e amigo de Brunelleschi, a súa obra inquieta e chea de buscas incesantes diríxese sempre á representación do home cheo de vida.

  • Na súa estatua de San Xurxo reflicte o potente brío da mocidade desafiante.
  • En Padua levanta a estatua ecuestre do condottiero Gattamelata, que é unha verdadeira análise psicolóxica do guerreiro.
  • O seu David en bronce é o primeiro espido masculino desde a antigüidade clásica, e hai que interpretalo como un monumento público, alegoría da vitoria da intelixencia sobre a forza bruta.

Miguel Anxo: O Xigante do Cinquecento (Século XVI)

Pódese dicir que toda a escultura do século XVI, e moi especialmente a da súa primeira metade, está dominada pola inxente obra de Miguel Anxo, un dos maiores xenios da Historia.

Primeiras Obras e Roma

En Florencia, e baixo o mecenado dos Medici, realiza as súas primeiras obras de inspiración clásica. Marcha a Roma onde esculpe a fermosísima Piedade do Vaticano. Pero a obra máis significativa deste momento é o seu David. Esta estatua de mármore de máis de cinco metros de alto é impresionante na súa grandiosidade; a postura é helénica, pero nas mans dobradas e no xesto terrible comunícanos a tensión espiritual que ardía no corazón do artista.

O Mausoleo de Xulio II e Outras Obras

A obra que máis interesou a Miguel Anxo foi o mausoleo que o papa Xulio II lle encargou en vida. Non puido terminalo. O mesmo papa distraeuno con outros encargos e do gran proxecto só esculpiu o Moisés e outras figuras, entre elas os escravos. Máis tarde, en Florencia, realiza a Sancristía Nova de San Lourenzo, coas tumbas de Lourenzo e Giuliano de Medici, que anticipan o Manierismo.

Últimos Anos e a Piedade Rondanini

Nos últimos anos da súa vida a súa espiritualidade lévao a verdadeiros arrebatos relixiosos e síntese atraído polo tema da Piedade, que xa traballara na súa mocidade. A Piedade Rondanini, inconclusa, amosa a terrible soidade dramática da Nai e do Fillo, indisolublemente unidos.

Características da Escultura de Miguel Anxo

  • A grandiosidade das figuras.
  • As súas faccións, que reflicten caracteres apaixonados.
  • As súas anatomías, dotadas dunha gran tensión vital e dun dinamismo contido.
  • Unha xestualidade, expresiva ata o dramatismo, que os seus contemporáneos chamaron “terribilitá”.

O Manierismo na Escultura

No Manierismo rómpese co ideal clásico. Un trazo definitorio da escultura manierista é a multiplicidade de puntos de vista e a preferencia pola forma serpentinata: figuras contorsionadas que se retorcen sobre si mesmas e debuxan unha ascensión helicoidal. A tensión e o desgarramento propios do estilo aparecen na escultura do Perseo de Benvenuto Cellini. Outro artista destacado foi o flamengo Giambologna, con obras como Mercurio e O rapto das Sabinas.

Entradas relacionadas: