Epistemoloxía e Filosofía da Ciencia: O Coñecemento, a Linguaxe e a Verdade
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 11,63 KB
O Proceso do Coñecemento
O coñecemento da realidade non estaba mediatizado polo suxeito, que se limitaba a recibir pasivamente a información que proporcionaban os sentidos. Foi na Modernidade cando se introduciu a idea de que o coñecemento era resultado da actividade do suxeito.
Posturas na Modernidade: A Razón e os Sentidos
A aproximación moderna á idea de coñecemento parte da súa comprensión como un proceso no que interveñen dous elementos: un suxeito, que coñece, e un obxecto, que é coñecido. No pensamento moderno, o Empirismo e o Racionalismo propuxeron dúas explicacións diferentes á cuestión de como coñecemos:
- Para o Empirismo: O coñecemento comeza e termina coa experiencia, a partir da información que proporcionan os sentidos. David Hume distingue entre dous tipos de percepcións: as impresións, que son inmediatas á observación do obxecto, e as ideas simples, ou copias das impresións. As ideas máis complexas e abstractas fórmanse a partir da asociación das máis simples, segundo unhas leis determinadas.
- O Racionalismo: Foi a tradición filosófica dominante durante os séculos XVII e XVIII. Todos os racionalistas comparten a confianza na razón como o instrumento dos seres humanos para descubrir os procesos que ocorren na realidade. Os sentidos teñen un papel secundario. Por iso, Descartes desconfía da información sensorial, e busca as ideas innatas (coas que nacen todos os suxeitos) e nas que se funda o verdadeiro coñecemento.
- Para Kant: Os sentidos proporcionan o material do coñecemento, pero é a razón humana a que o organiza dunha forma determinada, común para todos. O suxeito coñece a realidade participando activamente no proceso, de tal modo que impón as súas estruturas mentais ao mundo. Polo tanto, no coñecemento interveñen a razón e os sentidos.
Coñecemento e Linguaxe
A linguaxe foi considerada clasicamente o vehículo do coñecemento, a forma na que este se presenta. O problema consiste en establecer se o coñecemento ha de ter forma lingüística ou, polo contrario, se é posible o coñecemento sen linguaxe.
Linguaxe Animal e Linguaxe Humana
- Sinalábase tradicionalmente que a diferenza fundamental entre a linguaxe animal e a humana consistía en que a linguaxe animal era innata e a humana, aprendida.
- A linguaxe animal caracterízase polo seu carácter mímico, mentres que a linguaxe humana é un sistema articulado.
- A linguaxe simbólica humana é absolutamente irredutible a outros medios de comunicación animal; a linguaxe humana é abstracta e simbólica.
Características da Linguaxe Humana
Cando falamos da linguaxe humana, estamos referíndonos a unha serie de capacidades adquiridas ao longo do proceso evolutivo:
- A capacidade de emitir sons cun contido simbólico, isto é, palabras cun significado.
- A capacidade de combinar as palabras, construíndo frases con distinto significado.
- O obxectivo fundamental da linguaxe é a comunicación e entender o que din as palabras, descifrar a mensaxe descubrindo o seu significado.
O Pensamento é Anterior á Linguaxe
A medida que os procesos cognitivos se fan máis complexos e abstractos, a linguaxe aparece como o instrumento necesario sen o cal non se poderían pensar certas realidades. O primeiro en manter esta hipótese foi Aristóteles cando establece que o pensamento é unha actividade independente e previa á linguaxe. No século XX, o principal defensor desta tese é Jean Piaget. Este propón, nas etapas da maduración infantil, que primeiro se adquiren unha serie de habilidades mentais e despois reflíctense na linguaxe. Polo tanto, habería formas de pensamento non lingüísticas que precederían á adquisición da linguaxe.
A Linguaxe é Anterior ao Pensamento
O pensamento non sería máis ca o reflexo da linguaxe. Non existe un mundo que se perciba obxectivamente, dun modo puro. Todo o que se lle aparece a un falante, se é comprensible, éo a través das categorías da súa linguaxe, mediante as cales clasifica e asimila a experiencia. Sapir advertiu que os falantes de diversas linguas tenden a prestar atención a aspectos distintos da realidade. As consecuencias desta tese son varias; a máis destacada é que aboca a un relativismo lingüístico, segundo o cal cada lingua tería unha forma peculiar e intraducible de entender o mundo.
As Complexas Relacións entre Pensamento e Linguaxe
- Desde unha perspectiva empirista: Destacan as teorías que consideran decisivos os factores externos provenientes do contorno e do medio social. Desde esta posición, hai pensamento no momento que hai linguaxe. Para Skinner, o pensamento non é máis ca linguaxe subvocal, de maneira que aprender unha linguaxe significa interiorizar as condutas lingüísticas do contorno.
- Nunha liña racionalista: Encontramos a interpretación de Chomsky. Nesta teoría, admítese a existencia de universais lingüísticos innatos e unhas estruturas básicas coas que nacen todos os futuros falantes. Todo falante nace cunha gramática interiorizada, cuns principios de organización e regulación subxacentes e comúns a todas as linguas.
Teorías da Verdade e a Ciencia
Teorías da Verdade
- Verdade como Correspondencia: Parte de dous supostos previos: por un lado, existe unha realidade independente do pensamento e, por outro, pódese chegar a coñecela. Esta postura foi mantida por Aristóteles e San Tomé de Aquino. Na actualidade, esta teoría foi reformulada por Russell, quen mantiña a existencia dun isomorfismo entre realidade e pensamento.
- Verdade como Coherencia: Foi mantida por Spinoza, Leibniz ou Hegel. Unha proposición é verdadeira cando non entra en contradición co resto de proposicións que conforman unha teoría.
- Verdade como Desvelamento: Propón que a verdade se encontra na realidade en xeral, e a misión do suxeito é descubrila. Esta proposta xorde con Parménides, pero Heidegger desenvólvea máis.
- Verdade como Consenso: A verdade é o produto entre varios suxeitos dunha comunidade de individuos en relación activa a través dun discurso común, segundo Durkheim.
- Verdade Pragmática: Afirma que é verdadeiro aquilo que se mostra eficaz na práctica, segundo Peirce.
- Verdade como Perspectiva: A verdade ten un carácter existencial. Aparece no diálogo e é froito dun acordo dos suxeitos. Esta teoría é procedente de Nietzsche e respaldada por Ortega y Gasset e Gadamer.
A Ciencia: Trazos Característicos
Os trazos característicos da ciencia son a contrastación coa realidade e a precisión na formulación, a ser posible matemática.
Os Diferentes Tipos de Ciencias
- As Ciencias Formais: A lóxica e as matemáticas, fundamentalmente, non se refiren a obxectos observables polos sentidos e non ofrecen, polo tanto, información sobre o mundo. Son, precisamente por iso, universais e necesarias. Encontran a súa consistencia na propia coherencia da razón que as constitúen.
- As Ciencias Empíricas: A física, a bioloxía, etc., parten da observación dos feitos e polo tanto proporcionan información sobre o mundo. Polo mesmo, non son universais nin necesarias; son xeneralizacións da experiencia.
- As Ciencias Sociais: A historia, a psicoloxía, a economía, etc., son un grupo particular dentro das ciencias empíricas. O seu obxecto de estudo son os feitos humanos, caracterizados pola intencionalidade, algo que non é observable. Ademais, en case todas estas ciencias, un mesmo é á vez observador e obxecto observado. Polo tanto, son ciencias cunha capacidade de xeneralización e de predición menor e unha neutralidade e unha obxectividade relativas.
Nalgunhas destas ciencias non se busca tanto unha explicación canto unha comprensión. A explicación busca as causas dos fenómenos mentres que a comprensión intenta captar o seu sentido. A Hermenéutica é o método proposto con esta finalidade comprensiva.
O Método Científico ou Hipotético-Dedutivo
É un procedemento indutivo, unha xeneralización da experiencia. Chámase hipotético porque comeza formulando hipóteses ou conxecturas sobre os acontecementos e dedutivo porque para poder comprobar esas hipóteses necesita deducir delas uns enunciados máis simples que poidan ser contrastados.
Elementos do Método Científico
- A investigación científica adoita comezar coa observación dos feitos.
- A partir das observacións formúlase unha hipótese posible que servirá de guía de investigación.
- Mediante a lóxica e as matemáticas dedúcense consecuencias contrastables.
- A contrastación realízase, xeralmente, mediante un experimento.
- É preciso criticar a contrastación.
- A hipótese confirmada elévase á categoría de lei.
- As leis articúlanse nunha teoría.
Os Límites da Ciencia
- Principio de Falsabilidade: Un enunciado é científico se pode ser falsado pola experiencia. É unha postura contraria a todo dogmatismo.
- Unha nova teoría non é só un resultado de novas contrastacións. É tamén unha revolución ou cambio da comunidade científica.
- A investigación científica ha de ser libre e responsable. Non sempre é así. A ética da responsabilidade insiste no compromiso coa verdade, a prioridade social dos programas e as esixencias ecolóxicas.
A Ciencia Antiga vs. A Ciencia Nova
A ciencia antiga observaba e contemplaba as calidades do mundo. A ciencia nova mide e extrae leis para dominalo.
A Teoría Cuántica e o Fin do Determinismo
Heisenberg formula este carácter indeterminista do mundo subatómico no chamado Principio de Indeterminación: "Non se pode medir á vez a velocidade e a posición dunha partícula". É dicir, pódese predicir, ben a velocidade, ben a posición dunha partícula, pero non ambas á vez. Este descubrimento supón o fin do determinismo.
A Revolución Dixital e a Tecnociencia
A investigación teórica nunca foi separada da técnica. Pero hoxe en día a relación é tan estreita que non se daría unha sen a outra. Así, creamos o termo Tecnociencia para indicar esta dependencia recíproca.
Esta tecnoloxía abre un novo universo: o espazo cibernético, semellante a unha gran "retícula neuronal", unha tupida rede de conexións libres onde a mente humana entra e sae cando e onde quere. Esta profunda transformación deu lugar a unha visión globalizada do mundo e sobre todo a unha situación de comunicación total.