Emoción Expresada e Contorno Social na Saúde Mental
Enviado por Chuletator online y clasificado en Formación y Orientación Laboral
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,07 KB
Expresión Emocional Familiar e Saúde Mental
Os estudos sobre taxas de recaídas no ano posterior ao ingreso hospitalario de pacientes esquizofrénicos atoparon que o prognóstico gardaba relación coas características das interaccións sociais entre o paciente e os seus familiares. Estas investigacións cristalizan no concepto de Emoción Expresada (EE).
O Concepto de Emoción Expresada (EE)
O concepto de Emoción Expresada designa aspectos da conduta emocional que existe dentro da familia respecto ao membro enfermo. Consta de 5 compoñentes:
Criticismo
Comentarios críticos realizados polo familiar acerca do comportamento do paciente. Afirmacións claras de desaprobación ou resentimento. Comentarios de rexeitamento.
Hostilidade
É un tipo máis extremo de comentario crítico, que implica unha impresión negativa xeneralizada ou un rexeitamento manifesto do paciente como persoa.
Sobreimplicación
Reflicte unha resposta emocional desproporcionada do familiar. Conduta moi sobreprotectora cara ao paciente ou os intentos por parte do familiar de exercer un control excesivo sobre a conduta do paciente. Actitudes de autosacrificio e sobreprotección.
Calor
Manifestacións de empatía, comprensión, afecto e interese cara ao paciente.
Comentarios Positivos
Expresións de aprobación, valoración ou aprecio do paciente e da súa conduta.
Unha familia cunha elevada EE é aquela que presenta hostilidade, comentarios críticos e sobreimplicación emocional, actitudes que xeran un clima de tensión e estrés que favorece as recaídas. Polo tanto, a alta EE é un factor de risco. Unha familia baixa en EE é aquela que se caracteriza pola tolerancia, respecto, por ter unha actitude cálida de apoio, realista cara ao paciente. Predominan actitudes de calor e comentarios positivos. En consecuencia, proporciona protección ante as recaídas.
O Contorno Social e o Benestar
Os Traballadores Sociais (TS) reclamamos como ámbito da nosa propia competencia o anaco de mundo onde as persoas entran en conflito co seu medio ou están en situación de necesidade social. O seu punto de mira son as interaccións entre o individuo e o seu contorno social, unha realidade obxectiva e unha realidade subxectiva, que teñen entre si unha interacción constante, para elevar a calidade desa relación. É o mundo do contorno cotián.
O contorno dos individuos, o escenario onde desenvolven as súas vidas, vén constituído por dous elementos centrais: os recursos materiais e o entramado de relacións, necesarias para o desenvolvemento satisfactorio da vida. Precisamente as condicións de vida e as dificultades co contorno relacional das persoas enfermas foi o que motivou a inclusión dos traballadores sociais nos servizos de saúde mental na primeira década do século pasado.
O camiño polo que transita o proceso da saúde á enfermidade, e tamén da enfermidade á recuperación da saúde, pasa polas condicións sociais da existencia. Estas condicións están no núcleo mesmo do que hoxe se considera saúde. O trastorno mental representa o fracaso da relación do suxeito co seu medio. Ten serias consecuencias nos seus vínculos sociais e, con frecuencia, na súa capacidade de autocoidado e de dar resposta ás súas necesidades máis básicas. Afecta centralmente o funcionamento subxectivo, a dinámica familiar, o lazo social e a integración comunitaria.
A rede social redúcese progresivamente ata atopar persoas que viven colgadas da súa propia soidade e indixencia, non sentindo necesidade de pedir axuda ou estando incapacitados para pedila. O déficit de relacións interpersoais e o illamento é un dos maiores problemas do paciente psicótico. A ruptura das relacións coa familia e amigos, a falta de traballo, de lugares de lecer e de participación nas actividades comunitarias réstanlle a necesaria retroalimentación sobre si mesmo e a realidade, deixándoos ao albur do seu mundo mental incomprensible.