Eduardo Pondal: Vida, Obra e o Legado do Bardo Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,73 KB

Eduardo Pondal (1835-1917)

Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835 - A Coruña, 1917) naceu nunha familia fidalga. A paisaxe da comarca de Bergantiños será o marco espacial do seu mundo mítico. Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela e participou nas actividades do Liceo de la Juventud. En 1860 remata a carreira de Medicina e marcha a Ferrol para exercer a profesión, que abandona para retornar á casa natal e dedicarse por completo á literatura.

Vive longas tempadas na Coruña e é amigo dos galeguistas Murguía e Carré. Asiste ás tertulias da Cova Céltica, grupo formado por intelectuais interesados por Galicia e a súa cultura, e defensores da orixe celta do noso pobo. Alí é considerado un bardo (poeta e guía espiritual das sociedades celtas).

Obras literarias

  • A campana de Anllóns: a súa primeira obra, incluída no Álbum de la Caridad (1862).
  • Queixumes dos pinos (1886): a súa obra cumio.
  • Os Eoas: longo poema épico sobre o descubrimento de América por Colón, que permaneceu inédito ata 1992.

Queixumes dos pinos

Consta de 91 poemas. No primeiro, o bo bergantiñán, de camiño para Ponteceso, escoita os queixumes dos piñeiros. A continuación, aparece a tradución deses queixumes en boca do bardo, revelador das mensaxes do cosmos.

Poesía cívico-patriótica

Como Rosalía, pretendía a exaltación de Galicia. A súa poesía está en estreita relación coa dos historiadores galegos da época, que concedían grande importancia ás raíces celtas de Galicia. Converteuse no poeta do celtismo e recreará unha mitoloxía celta, na que cobra especial protagonismo Breogán.

Pondal vese a si mesmo como un bardo que guía ao pobo sometido e pretende facelo coñecedor do seu heroico pasado celta. Nos seus versos opóñense dous períodos: un positivo, referido ao pasado celta ou a un futuro de gloria e esplendor, e outro negativo, representado polo presente.

Poesía lírica

Os temas principais son a natureza e a muller:

  • A natureza: aparece en estado puro, é atemporal e sen presenza humana (cervos, raposos e corvos).
  • A muller: vista desde unha dobre perspectiva:
    • Ao xeito romántico: muller idealizada que inspira sentimentos platónicos.
    • Perspectiva popular: presa do home e obxecto para a paixón.

A lingua de Pondal

Pretendeu converter o galego nunha lingua literaria culta. Para iso, seleccionaba coidadosamente o seu léxico, baseándose na sonoridade das palabras e incorporando abundantes cultismos, fundamentalmente gregos.

Entradas relacionadas: