Eduardo Pondal: Biografía e Obra do Bardo Galego

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Religión

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,66 KB

Eduardo Pondal: Biografía e Obra

O Bardo do Rexurdimento

Eduardo Pondal é outro dos grandes autores do Rexurdimento. Coa súa obra Queixumes dos pinos funda na literatura galega a escola formalista, encadrada na liña idealista que a fins do século XIX reacciona contra a estética dominante do realismo. Neste sentido, Pondal recrea literariamente o pasado histórico de Galicia e elabora un mundo poético de ton épico, poboado de personaxes dotados dunha forte carga simbólica (guerreiros, bardos, ilotas...). Pondal atopará no celtismo o fundamento ideolóxico que xustifique o feito diferencial galego e porá a súa arte ao servizo da causa galeguista. Tentará devolverlles aos galegos o orgullo de selo para, deste xeito, poder vivir o presente como dignos herdeiros daquela raza celta.

Vida

Naceu na vila de Ponteceso o ano 1835 e morreu na cidade da Coruña en 1917. De orixe fidalga, mantívose solteiro toda a súa vida e viviu de rendas mercé á fortuna que o seu pai fixera en América. Comezou a carreira de Medicina pero abandonou o exercicio da profesión, residiría na Coruña e esporadicamente na súa vila natal. Participou nas actividades do Liceo de la Juventud. Participou con outros intelectuais rexionalistas que defendían a orixe celta da nación galega, no cenáculo coruñés coñecido como A Cova Céltica.

Obra

Pódense distinguir dúas etapas na produción de Pondal:

  • 1ª etapa (1854-1868): Predominio da tendencia romántica. A esta etapa, na que cultivou en galego e castelán, pertencen dous textos escritos na nosa lingua: unha primeira versión da súa época Os Eoas e o poema A campana de Anllóns.
  • 2ª etapa (1877-1886): Corresponde á época do rexionalismo (dos intensos e frutíferos faladoiros da Cova Céltica). Esta é a época do bardismo pondaliano. O autor asume o papel de bardo do pobo galego e sente como propio o compromiso de difundir, mediante o seu canto poético, a ideoloxía galeguista baseada no recentemente creado mito do celtismo. Pertencen a esta etapa dous títulos: Rumores de los pinos, versión inicial e bilingüe da seguinte obra, e Queixumes dos pinos, a súa verdadeira obra mestra.

Os Eoas

Na primeira versión deste longo poema épico, Eduardo Pondal reflicte o pensamento dos anos mozos, próximo ao segundo provincialismo. Posteriormente, xa como integrante da Cova Céltica, volverá sobre o texto para adaptalo á ideoloxía rexionalista. Os Eoas é unha obra memorable por diversas razóns, entre as que destacan:

  • Na historia da literatura galega, supón unha importantísima proba de forza para a consolidación do galego como vehículo de cultura.
  • Na historia do galeguismo a conformación dunha epopea nacional que respondese ás expectativas do rexionalismo.

A obra ficou inédita, agás un primeiro esbozo publicado no ano 1858, e foi editada integramente por primeira vez no ano 1992.

Queixumes dos Pinos (1886)

É a súa obra máis importante. Con ela conságrase como o bardo do pobo galego que ten a responsabilidade de mostrar o camiño da redención á adormecida grea de Breogán. É unha obra que supón o avance na estética pondaliana cara ao simbolismo idealizante, a través dun esixente e continuado traballo de recreación poética. En Queixumes dos pinos atópanse dúas veas poéticas fundamentais:

  • A cívica, cunha notable fidelidade ideolóxica. Xira arredor do celtismo, do bardismo.
  • A lírica, moito menos ideoloxizada. Trata sobre todo da muller (como obxecto de pracer ou como idealización da beleza) e da natureza (especialmente a paisaxe de Bergantiños).

Un dos aspectos máis polémicos na obra de Pondal é o tratamento violento e degradante que se dispensa á muller nalgúns dos seus poemas.

Características do Estilo de Pondal

  1. Emprego de versos de variada medida e combinacións estróficas tiradas, en xeral, da tradición clásica. Versificación sistemática e pouco flexible.
  2. Interpretación simbólica da natureza (a árbore, as aves, o vento...) en clave heroica.
  3. Humanización da paisaxe galega, particularmente da Terra de Bergantiños. Moitos dos seus personaxes son designados polos topónimos desta comarca.
  4. Utilización recorrente da dicotomía forza-febleza, probablemente o trazo máis salientable do estilo de Pondal:
    • Forza: masculino, duro, férreo, enérxico, audaz, ceibe.
    • Febleza: feminino, brando, doce, pusilánime, infame, escravo.
  5. Frecuente emprego de epítetos que substitúen a certos substantivos de forte carga simbólica: os rumorosos = os pinos; as vagabundas = as andoriñas; o sublime = o bardo.

As Fontes Literarias de Pondal

Diversas son as influencias que se poden detectar na obra de Pondal: desde a tradición popular ata a Biblia ou as lendas medievais irlandesas recollidas no Libro das invasións, pasando por múltiples fontes literarias cultas. Destas últimas cabe nomear:

  • Literatura clásica greco-latina: Recolle algúns personaxes e un certo ton poético solemne e elevado aire bucólico dalgúns dos seus poemas.
  • Renacemento: Influencia da literatura italiana e portuguesa. A obra do poeta portugués Luís Vaz de Camões serviu de modelo na xestación d´Os Eoas, tanto no deseño narrativo como na intención épica.
  • Romanticismo: A influencia romántica, pois a ela débese o celtismo.

O Galego de Pondal

Pondal esforzouse por crear un modelo de lingua literaria que se adecuase ao tipo de poesía culta, elaborada e heroica que el escribía. Pondal parte do galego falado na zona de Bergantiños, ennobrecéndoo mediante a depuración de enxebrismos e a incorporación de numerosos cultismos de orixe grega e latina.

Importancia de Pondal na Literatura Galega

Pondal é o máis moderno dos escritores galegos do século XIX. Representa na literatura galega a reacción idealista finisecular fronte á estética realista que dominaba nas últimas décadas do século e que na literatura galega se manifestaba preferentemente baixo a forma do costumismo e do ruralismo. Preocupouse por depurar a lingua galega a fin de convertela nun instrumento apto para a elaboración dunha poesía culta de inspiración clásica. Esforzouse por crear a epopea nacional da que carecía Galicia. Pondal procurou dignificar o idioma fuxindo do estilo populista e incorporando cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe.

Entradas relacionadas: