Eduardo Pondal: O Bardo do Rexurdimento e a Épica Galega
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,62 KB
Eduardo Pondal: O primeiro poeta galego moderno
Eduardo Pondal é considerado o primeiro poeta galego moderno e, sen dúbida, é o máis orixinal dos escritores do século XIX. Como outros protagonistas do Rexurdimento, participa das mesmas actividades ca estes, por exemplo no Liceo de La Juventud, xunto a autores como Rosalía de Castro e Manuel Murguía.
Coa súa obra pretende deixar atrás o costumismo e o ruralismo que se manifestaba na literatura galega ata ese momento, facendo que na súa poesía apareza o pasado histórico de Galicia, elaborando un mundo poético onde os personaxes terán unha gran carga simbólica e habitarán unha terra onde os elementos da paisaxe adquiren valores que van máis alá de mostrar a simple natureza, pois están pensados para realzar as calidades humanas.
O celtismo como base da identidade
Pondal buscará un feito que nos diferencie como pobo galego e atoparao no celtismo, teoría que estivo moi de moda no Rexurdimento e que defendía a orixe celta dos galegos. Mediante o celtismo pretenderá devolver aos galegos o orgullo de selo, vivindo como herdeiros daquela raza celta, orgullosa e heroica, liberada de calquera tipo de escravitude.
Etapas da obra pondaliana
Na obra pondaliana podemos distinguir dúas etapas claramente diferenciadas:
Primeira etapa: O provincialismo e a épica
Unha primeira etapa na que os escritos presentan unha clara tendencia romántica, e á que pertencen a primeira versión da obra titulada Os Eoas, un poema épico e narrativo no que relata as fazañas de personaxes heroicos, e no que Pondal reflicte o seu pensamento provincialista. Esta obra é importante por diferentes razóns, entre as que destacan dúas:
- Por unha banda, axuda a consolidar o galego como lingua de cultura.
- Por outra parte, constitúe unha mostra da tentativa de construír un escrito que relate unha epopea nacional, é dicir, que narre o conxunto de feitos e fazañas memorables dun pobo, neste caso do galego, algo moi do gusto da ideoloxía galeguista da época.
Segunda etapa: O rexionalismo e o bardo
A segunda etapa é a que corresponde á época da ideoloxía rexionalista. Esta é a chamada época do bardismo pondaliano, xa que Pondal decide asumir na súa poesía o papel de bardo do pobo galego. O bardo era un antigo poeta e compositor celta, similar a un trobador; entre os antigos celtas, era o que cantaba as fazañas dos heroes. A esta etapa pertencen dúas obras:
- A primeira delas é Rumores de los pinos, unha obra bilingüe galego-castelá.
- Esta obra, reestruturada e xa unicamente en galego, publicaraa no ano 1886 baixo o nome de Queixumes dos pinos, que será a súa obra mestra.
Estilo e características
Do estilo de Pondal podemos destacar algunhas características fundamentais:
- A interpretación simbólica da paisaxe galega, presentándoa como heroica e humanizada (os altos pinos, xigantes, etc.).
- A intención de que a obra teña un obxectivo cívico, é dicir, el sente que ten a obrigación como poeta de concienciar aos lectores daquela ideoloxía que considera adecuada.
Fontes literarias
As fontes literarias da obra de Pondal son diversas, pero destacan sobre todo as cultas:
- Literatura clásica greco-latina: Cuxo influxo se aprecia nalgúns personaxes e no ton poético e solemne que emprega nos escritos.
- Renacemento: Especialmente das literaturas renacentistas italiana e portuguesa; esta última nótase moito en Os Eoas.
- Romanticismo: É un dos influxos que máis se aprecia, pois a el se debe o celtismo.
A lingua de Pondal
O galego que emprega Pondal nas súas obras débese a un continuo esforzo por crear unha lingua literaria adecuada para a poesía culta que el escribiu. Baséase no galego falado na zona de Bergantiños, de onde el é, e enriquéceo con cultismos gregos e latinos, ao tempo que procura depurar a súa lingua de castelanismos e vulgarismos.