Economía Franquista: Autarquía, Crise e Recuperación (1939-1959)
Impacto Económico da Guerra Civil
A vitoria do Caudillo na Guerra Civil tivo repercusións económicas moi negativas. A curto prazo, sumiu na miseria a moitos españois. A longo prazo, consolidou unha economía moi pouco competitiva.
A Lentitude da Recuperación e o Racionamento
A lentitude da recuperación económica estivo relacionada coa substitución do funcionamento dos mercados pola fixación arbitraria dos prezos e a obriga de solicitar autorizacións para iniciar unha actividade económica. A fixación dos prezos por debaixo dos resultantes da oferta e da demanda conduciu ao desabastecemento de alimentos e ao racionamento. Os produtores estaban obrigados a vender a totalidade da produción á Administración a un prezo de taxa fixado por esta. Posteriormente, era a Administración a única que podía vender os produtos aos consumidores a un prezo regulado.
O Estraperlo e a Escaseza Enerxética
Xurdiron os estraperlistas e o mercado negro, no cal as transaccións se facían á marxe da lei. En moitos casos, os seus prezos duplicaron ou triplicaron os do mercado oficial. A escaseza enerxética foi tamén un dos símbolos da penuria económica: ata mediados dos anos cincuenta, carbón e petróleo estiveron racionados.
A Autarquía: Illamento e Intervención
O réxime pretendía acadar a autosuficiencia económica a partir do illamento do exterior e da substitución do mercado pola intervención xeneralizada da Administración. O resultado foi o bloqueo do crecemento económico, a redución da competitividade e o desaproveitamento da favorable conxuntura económica que coñeceu Europa tras a 2ª GM.
Eixos de Actuación da Autarquía
- Regulación das relacións económicas co exterior: Importacións e exportacións pasaron a estar completamente intervidas. Con esta medida, pretendíase determinar os produtos fundamentais e os que eran superfluos. Pouco despois regulouse o troco da peseta, establecéndose diversos tipos, todos por riba do seu valor de mercado. Como consecuencia, encareceron os produtos que a economía tiña que importar e produciuse unha grande escaseza de bens imprescindibles.
- Fomento industrial: Estaba orientado cara a actividades de interese militar para acadar un poder suficiente para asegurar a independencia militar e política do novo Estado. A actuación orientouse a impulsar as industrias de bens de equipo.
O Instituto Nacional de Industria (INI)
No ano 1941 (creación da RENFE) fundouse o Instituto Nacional de Industria (INI). O INI intentou producir o máximo posible, con independencia dos custos, e no maior número de sectores, á marxe de que existisen as condicións favorables para desenvolver as actividades propostas. Nestes primeiros anos foi cando se constituíron as principais empresas nacionais (IBERIA, ENDESA, SEAT).
Recuperación Económica e Cambios Sociais (Anos 50)
Nos anos cincuenta iniciouse a recuperación económica debido ás boas colleitas dos primeiros anos da década e ás importantes cantidades de divisas, materias primas, fontes de enerxía e bens de equipo proporcionados por EEUU. Exemplo do impulso industrializador foi a fundación da SEAT, que fabricou o Biscuter. A remodelación do Goberno en 1957 abriu o camiño a novas medidas económicas que foron abrindo a economía aos investimentos estranxeiros.
Transformación Demográfica e Urbana
A poboación española sufriu un aumento da taxa de natalidade e da poboación total, reduciuse a poboación activa agraria e aumentou a industrial e de servizos. As migracións do rural á cidade aumentaron e aceleraron o proceso de urbanización.
Primeiras Protestas Obreiras
Os cambios económicos e sociais orixinaron as primeiras protestas obreiras provocadas polas malas condicións de vida dos traballadores. A máis destacada deste período foi a protesta de 1951 en Barcelona contra a subida do prezo dos tranvías. Ante a reacción popular de non utilizalos, a Compañía tivo que anular a subida.
gallego con un tamaño de 4,48 KB