A Economía Española baixo Franco: Da Autarquía ao 'Milagre'
Enviado por Joel y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 10,06 KB
COMPOSICIÓN SETEMBRO 2005
Os seguintes documentos permitirán realizar unha composición sobre a evolución da política económica durante o franquismo. Desde o remate da Guerra Civil ata o Plan de Estabilización de 1959, transcorren os anos da posguerra, período caracterizado polas dificultades que seguen aos conflitos bélicos, agravadas polo illamento que a comunidade internacional estableceu ao réxime de Franco.
A Posguerra e o Illamento Internacional
Hitler e Mussolini apoiaron a Franco durante a guerra española, pero este mantivo unha posición oscilante durante a Segunda Guerra Mundial. Tras a derrota dos fascismos, España estivo sometida a un prolongado illamento internacional, situación que foi modificándose a partir de 1947 co inicio da Guerra Fría. Na nova orde mundial, os países do bloque occidental recoñeceron a Franco o seu papel na loita contra o comunismo, o que permitiu que o Estado español fose aceptado progresivamente nos organismos internacionais. Entre abril e setembro de 1939, o goberno de Franco, fundamentalmente a través do seu cuñado, Ramón Serrano Suñer, ministro de Gobernación, levou a cabo unha clara política de aproximación ás potencias fascistas.
Despois da Segunda Guerra Mundial, España non foi aceptada nas organizacións internacionais, comezando a cambiar isto no ano 1953 grazas á sinatura do Concordato coa Santa Sede e os pactos con EEUU. No ano 1955, España pediu a súa admisión na ONU e, co apoio decisivo do Goberno norteamericano, foi aceptada; ao mesmo tempo, integrábase en organismos económicos como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. A visita do presidente norteamericano en 1959 culminaba os éxitos das xestións do Ministerio de Asuntos Exteriores. Paralelamente a este recoñecemento internacional, en aplicación dos principios de descolonización mantidos pola ONU e pola presión francesa, España tivo que recoñecer a independencia de Marrocos (1956).
A Política Económica Autárquica (1939-1959)
A actividade económica non recuperou os índices da preguerra ata ben entrados os anos cincuenta. Nun comezo, Franco pensaba en sanear a balanza de pagos como se pode observar no Doc 1: “O problema máis grande que se presenta á economía española é o desnivel desfavorable da nosa balanza de pagos co estranxeiro (...)”. A sociedade española sufriu un retroceso xeral na súa calidade de vida, e moitos españois tiveron que recorrer ao mercado negro ou retornar ao rural para poder conseguir os produtos imprescindibles de primeira necesidade. A política económica da posguerra, inspirada nos fascismos europeos, caracterizouse pola autarquía e a intervención estatal; o seu obxectivo era lograr a autosuficiencia económica para non depender economicamente do exterior, impulsando a produción interior e dificultando as importacións mediante a imposición de elevados aranceis.
Sectores Económicos na Autarquía
- Agricultura: Descendeu a produción e houbo problemas de abastecemento de alimentos. O Servizo de Reforma Social da Terra continuou a contrarreforma agraria iniciada durante a Guerra Civil en beneficio dos grandes propietarios e terratenentes.
- Industria: Seguiuse a política intervencionista e de fortes restricións legais aos investimentos estranxeiros. Creouse o Instituto Nacional de Industria para o control da produción dos sectores industriais básicos, cuxo maior investidor era o Estado.
- Transportes: Destacou a nacionalización da Rede de Ferrocarrís de Vía Ancha e a creación de RENFE.
- Política Fiscal: Iniciouse unha reforma baseada nas contribucións directas e nos impostos sobre beneficios extraordinarios e de Usos e Consumos, o que supuxo un considerable aumento da recadación.
As transaccións comerciais estaban fortemente intervidas polo Estado; o comercio exterior organizábase a través dun sistema de licenzas e acordos bilaterais, mentres que o interior estaba regulamentado pola Comisaría de Abastecementos e Transportes (1939), a Fiscalía de Taxas (1940) e a Xunta Superior de Prezos (1941).
A autarquía, defendida polo réxime, e obrigada polo illamento internacional, mostrouse ineficaz como podemos ver no Doc 2: “(…) supón o remate do proceso de crecemento moderado, pero mantido que se prolonga en España durante o último terzo do século XIX e o primeiro XX”, e a pesar de todas as reformas, dominaba a escaseza, a inflación e o estancamento da produción, cun importante desenvolvemento do mercado negro. Foron anos de carestía a todos os niveis; como exemplos, as cartillas de racionamento para controlar a venda dos alimentos básicos e evitar o desabastecemento, e o emprego do gasóxeno como carburante substitutivo do petróleo.
O Plan de Estabilización de 1959 e a Liberalización
Os problemas económicos que viña arrastrando España desde o inicio da política de autarquía evidenciaban a necesidade de dar á economía un xiro radical. As medidas adoptadas deron bos resultados e o crecemento económico español, foi nalgúns sectores, espectacular. Estas medidas económicas estiveron favorecidas pola progresiva aceptación do réxime franquista e a integración de España no bloque occidental ou capitalista, como se pode ver no Doc 3: “(…) chegou o momento de iniciar unha nova etapa que permita colocar a nosa economía nunha situación de máis ampla liberdade (...)”
O Plan de Estabilización de 1959 foi un programa de reformas realizado por un equipo de ministros e de altos cargos técnicos que contou co apoio do Fondo Monetario Internacional. O seu obxectivo era abandonar o modelo autárquico e intervencionista para establecer un modelo baseado na liberalización económica, máis acorde coa economía capitalista occidental. Os principais aspectos do Plan de Estabilización eran a flexibilidade da economía, liberalización dos prezos, supresión dos intervencionismos estatais innecesarios, restablecemento da libre competencia e reaxuste da política laboral, vinculándose o aumento salarial ao aumento da produtividade. A política monetaria que establecía maior elasticidade dos tipos de xuro aplicados polo Banco de España. No sector exterior estableceuse a paridade da peseta e a liberalización dos intercambios comerciais e os investimentos estranxeiros. No sector público, o Goberno comprometíase a axustar os gastos aos ingresos, reducir a inflación, mellorar o rendemento do sistema fiscal e evitar o excesivo peso do déficit da empresa pública sobre o orzamento estatal.
Os Plans de Desenvolvemento e o 'Milagre Económico' (1960-1973)
Entre 1960 e 1973 España viviu un período de espectacular crecemento económico grazas ás reformas e medidas establecidas nos Plans de Desenvolvemento, elaborados por un grupo de tecnócratas dirixidos por Laureano López Rodó ("os lópeces"); estes eran os membros do Opus Dei, organización católica na que se busca a santificación a través do traballo. Os Plans foron tres: I (1964-66), II (1969-72) e III (1972-75) centrados no desenvolvemento da industria, o sector económico que consideraban esencial para lograr o crecemento económico.
Para corrixir os desequilibrios rexionais foron creados os Polos de Desenvolvemento e Promoción Industrial potenciando novas industrias mediante unha serie de medidas favorables como as exencións fiscais. Deste modo, localidades que practicamente non tiñan ningún tipo de instalación fabril contaron con instalacións industriais (no I Plan: A Coruña, Vigo, Burgos, Valladolid, Zaragoza, Huelva, Sevilla; no II: Oviedo, Logroño, Córdoba e Granada). Complemento dos Polos de Desenvolvemento foron as Grandes Áreas, creadas co mesmo obxectivo de corrixir os desequilibrios rexionais.
Desenvolvemento por Sectores
- Sector Industrial: Experimentou un espectacular crecemento e diversificación, o que permitiu que España se situase como a décima potencia mundial. As industrias de base, especialmente a siderurxia, resultaron moi beneficiadas. As de bens de consumo creceron considerablemente, sobre todo a do automóbil, o popular modelo 600 fabricado pola SEAT en Barcelona como se ve no Doc 4, que se converteu nun símbolo da nova sociedade de consumo; en Valladolid instalouse a Fasa-Renault. Instaláronse refinerías de petróleo. Mantívose a industria mineira de carbón. Potenciouse a produción hidroeléctrica a través da construción de encoros.
- Sector Agrario: Non participou na mesma medida que o industrial do desenvolvemento. Aumentou a gandería vacúa e a importación de razas selectas, pero retrocedeu o gando lanar. Foi importante a mecanización e introdución de melloras técnicas coma os fertilizantes.
- Outros Sectores: Existían fortes diferenzas; a construción experimentou un extraordinario auxe ao ritmo do crecemento urbano e das novas áreas urbanizadas, especialmente as costeiras para atender as necesidades do turismo, que experimentou un espectacular incremento, como se ve no Doc 6. Tamén foi importante o incremento na construción de estradas e inicio das primeiras autoestradas. A balanza comercial mantívose negativa, pola importación de abundante material para a industria e a dependencia tecnolóxica e financeira do exterior.
Pero este desenvolvemento económico interno non foi capaz de absorber a man de obra excedente, polo que na década dos sesenta produciuse un forte incremento da emigración, como se observa no Doc 5, tanto no interior da Península desde as zonas agrarias ás industrializadas como cara ao exterior, especialmente países europeos.
Problemas do Desenvolvemento
O crecemento non estivo exento de problemas e escándalos como o de MATESA, empresa catalá de maquinaria téxtil na que se descubriu en 1969 unha fraude financeira con membros do Goberno involucrados. Por outra parte, o crecemento económico non tivo practicamente en conta as repercusións de tipo ambiental nin de impacto no urbanismo das cidades.