A Dramaturxia Galega Contemporánea: Tendencias, Autores e Compañías (1980-2020)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,43 KB
O Teatro Galego de Fins do Século XX e Comezos do XXI: Temas, Autores e Tendencias
Coa morte de Franco (1975) e co Estatuto de Autonomía Galego (1981), o panorama cultural cambia radicalmente. Asistimos á aparición de diversas coleccións de textos teatrais, á proliferación de compañías e á creación de premios específicos.
O Novo Escenario Teatral Galego
Coleccións de Textos Teatrais
- Biblioteca do Arlequín (Ed. Sotelo Blanco)
- Elsinor Teatro
- Colección Escena
- Colección Talía
- Colección Libros do C.D.G. (Centro Dramático Galego)
Compañías Relevantes
- Artello
- Uvegá Teatro
- Teatro de Ningures
- Tranvía Teatro
- Teatro do Morcego
Premios Teatrais
- Premio Álvaro Cunqueiro
- Certame Camiño de Santiago
Liñas Temáticas Desenvolvidas a Partir de 1980
A literatura dramática de compromiso social e político, imperante no franquismo e a Transición, deixa paso a partir de 1980 a novas e máis variadas tendencias.
1. Teatro Crítico e Social
O teatro crítico tende a abandonar o político para centrarse no social, frecuentemente con doses de humor. Autores encadrados nesta tendencia son: Camilo Valdeorras, Alberto Avendaño, Anxo Rei Ballesteros ou Xesús Pisón.
2. Culturalismo e Metateatro
O teatro culturalista reflexiona sobre si mesmo e sobre as relacións entre arte e vida. É o caso da obra de Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Guede, Alberto Avendaño, Luísa Villalta, Henrique Rabunhal ou Lino Braxe.
3. Corrente Neorruralista
Representada por Raúl Dans, Cándido Pazó ou Francisco Taxes.
Consolidación e Institucionalización (Década dos 90)
A diversidade de temas e tratamentos increméntase dende os noventa ata hoxe, ao tempo que a comedia, xeralmente crítica e satírica, gaña terreo. Así mesmo, cómpre subliñar a implicación das institucións públicas (Xunta, deputacións, concellos) ou privadas (Caixas de Aforro) na contratación duns grupos que tenderán a (semi)profesionalizarse.
O Centro Dramático Galego (CDG)
No ano 1984 fúndase o Centro Dramático Galego, dependente da Consellería de Cultura, que disporá de medios, nunca coñecidos ata entón, para as súas montaxes.
Grupos e Proxectos Alternativos Consolidados
Consolídanse grupos como Ollomoltranvía, Sarabela, Atlántico, Chévere, e autores como Cándido Pazó, Raúl Dans, Miguel Anxo Murado, Roberto Salgueiro. Formúlanse proxectos alternativos como a sala Nasa de Santiago. Os encontros de “titiriteiros” de Redondela e Lalín amosan a calidade das compañías de teatro de monicreques (Kukas, Viravolta) e animación na rúa.
A pesar destes avances, a loita para competir cos medios de masas ou o menor interese editorial (debido á menor rendibilidade?) por publicar teatro, ségueno situando nunha segunda liña de coñecemento e difusión en relación coa poesía ou a prosa.
A Promoción dos Anos 80
Debido fundamentalmente aos cambios producidos no sistema político español a partir de 1976, os autores teatrais (inmersos xa nun sistema democrático) van abandonando paseniñamente o teatro de temática social e de denuncia, que se dera na década anterior, para abordar novos temas.
Trazos Xerais da Promoción dos 80
- Uso frecuente do metateatro (reflexión sobre o feito teatral: autor, obra, público e personaxes).
- Teatro culturalista cun forte compoñente simbólico e irónico.
- Rexeitamento das formas abertamente lúdicas e presenza dun humor á beira do absurdo ou ao servizo da ironía ou da parodia.
- Os procesos de abstracción e xeneralización levan a unha práctica do anonimato dos personaxes, moitas veces por medio da utilización de máscaras ou bonecos.
Autores Destacados da Promoción dos 80
- Xesús Pisón: Continuador da liña esperpéntica de Euloxio Ruibal ou Vidal Bolaño. É autor de Ei, Feldmülhle (Premio de Teatro Rafael Dieste 1991) ou Venenos (1994), unha aceda reflexión sobre a incomunicación na parella.
- A. Rei Ballesteros.
- Manuel Guede.
- Miguel Anxo Fernán-Vello: Autor de A tertulia das máscaras (1982), pertencente á liña culturalista, ou Cuarteto para unha noite de verán (1989).
- Luísa Villalta.
A Promoción dos Anos 90
Nos anos 90 o teatro galego caracterízase pola continuidade e a consolidación de autores de promocións anteriores, e pola presenza doutros máis novos que se preocupan por crear obras de fácil representación e cunha menor carga simbólica e culturalista ca da promoción anterior. Outras características son o predominio da comedia e o recurso á intertextualidade (elaboración de obras baseadas noutras creacións ou en argumentos xa existentes). O teatro faise máis lúdico e busca un maior achegamento ao público.
Autores Pertencentes á Promoción dos 90
- Lino Braxe: A promesa (1991), obra onde xunta textos de diferente natureza e diversas liñas temáticas. En 1993 escribe o monólogo A actriz, onde recrea as interferencias entre teatro e vida.
- Miguel Anxo Murado: A gran noite de Fiz (1994), onde parte dun texto de Maquiavelo.
- Manuel C. Núñez Singala: O achado do castro (1990) ou Comedia bífida (2007).
O Teatro nos Comezos do Século XXI: Desafíos e Novas Voces
Tendencias Temáticas
O teatro deste século continúa as liñas temáticas do último terzo do século anterior: humor, sátira, comedia, drama, culturalismo, neorruralismo, experimentalismo, teatro histórico. Quizais a achega máis novidosa sexa a intertextualidade, é dicir, a adaptación de obras narrativas de éxito á escena, como O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas ou O club da calceta de María Reimóndez, entre outros.
Novas Promocións
Entre os autores das novas promocións podemos citar a:
- Paula Carballeira: Alicia & Alicia (2010).
- Rubén Ruibal: Limpeza de sangue (2006).
Teatro Infantil e de Títeres
Cómpre sinalar que hoxe en día se desenvolve un teatro pensado para o público infantil (Vázquez Pintor, Antón Cortizas) e tamén un teatro de títeres e animación na rúa (Kukas, Viravolta, Seis Dedos).
Os Desafíos Estruturais
Pese aos avances das últimas décadas (apoio das institucións, consolidación de compañías estables, teatro infantil, títeres, etc.), o resultado final é que, iniciado o século XXI, os dramaturgos galegos seguen sen contar cunhas canles editoriais mínimas para que os seus textos sobrevivan á temporalidade da representación. Así, ficaron no esquecemento obras que marcaron fitos na historia do teatro galego, como O velorio, de Francisco Taxes –recentemente publicada na Biblioteca 120 de “La Voz de Galicia”–, estreada por Troula en 1978; ou Celtas sen filtro, de Xosé L. Méndez Ferrín, estreada por Artello en 1983.
Ademais, a maioría das compañías galegas seguen a ser itinerantes, pois só dúas contan con sala propia:
- Chévere, coa sala Nasa, que funciona desde 1992.
- A sala Galán, inaugurada en 1993 a cargo de Materile Teatro.
Ambas salas están en Santiago, de forma que o público galego conta, unicamente nesa cidade (onde tamén está a sala Iago), cunha programación estable. Por outra parte, segue sen se materializar outra das reivindicacións do colectivo teatral: a creación dunha Escola Superior de Arte Dramática en Galicia.