Doutrina Social da Igrexa: Fe, Razón e o seu Impacto na Cultura
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,59 KB
A Doutrina Social da Igrexa (DSI): Fundamentos e Orixe
A Doutrina Social da Igrexa (DSI) é un conxunto de normas e principios referentes á realidade social, política e económica da humanidade, baseada no Evanxeo e no Maxisterio da Igrexa. A primeira encíclica social foi "Rerum novarum", escrita polo Papa León XIII no ano 1891.
A Igrexa deixa claro que a DSI non é unha "terceira vía" entre o capitalismo e o comunismo; non é un sistema alternativo nin unha proposta técnico-económica. Trátase, fundamentalmente, dunha proposta ética que xorde do concepto cristián do ser humano.
Principios fundamentais da DSI
- Dignidade da persoa: outorgada por Deus.
- O home é un ser social.
- Sociedade xusta.
- Liberdade.
- O ben común.
- Destino universal dos bens: a importancia de compartir os bens.
- Organización da sociedade: principio de subsidiariedade.
- Principio de participación social.
- Principio de solidariedade.
- Cultura da vida e da calidade de vida.
- Existencia dunha lei moral.
A relación entre a fe e a razón
O home é un animal racional; isto quere dicir que é capaz de comprender a realidade, de investigar a súa orixe, de facer propostas sobre como vivir, de xulgar as accións e as actitudes. Por outra banda, o ser humano é consciente de que hai preguntas que escapan ao mero razoamento e que esixen un "plus", como pode ser o da fe.
Isto non significa que a fe sexa independente da razón, senón todo o contrario: a fe ten que ser razoada e razoable. Historicamente, a relación entre a fe e a razón non foi excesivamente equilibrada, subliñándose a miúdo unha ou outra; porén, esta non parece a ruta axeitada. A relación fe-razón ten que ser de diálogo, sabendo que haberá cuestións explicables pola mera razón, pero sabendo tamén que haberá cuestións —como a explicación global do mundo, o sentido da vida ou a fundamentación ética— que van esixir ese "plus" antes citado.
O saber teolóxico é razoable e achega o sentido último da realidade. O mesmo ocorre coa ciencia: explica como funcionan as cousas, porén, non chega a explicar o sentido de por que ou para que existe algo.
O diálogo interdisciplinar e os retos do século XXI
Dicía Leibniz: "Por que existe algo e non máis ben nada?". Este é o único e verdadeiro dilema filosófico. A razón, a ciencia, a fe e a técnica, lonxe de estar pelexadas, deben entenderse e complementarse nun fecundo diálogo. O método científico e o saber teolóxico compleméntanse; un achega o que o outro non pode. A teoloxía non explica como funciona a realidade, senón cal é o seu sentido.
Por outra banda, a razón, a fe e calquera disciplina darán mellores froitos traballando de xeito interdisciplinar. Os novos retos da humanidade, como a ecoloxía, a intelixencia artificial ou a fundamentación dunha ética cívica aplicable de forma universal, precisan que a propia razón non exclúa nos seus procesos e conclusións saberes como o teolóxico e demais humanismos. A inserción crítica na sociedade, esperable dun cidadán ou cidadá do século XXI, non debería prescindir das apostas polo sentido feitas desde a fe, as distintas relixións ou as filosofías humanistas.
A relixión como feito cultural
A relixión é un feito cultural relacionado con todos os outros ámbitos do ser humano. Está vinculada a todas as esferas da cultura: a linguaxe, a arquitectura, a literatura, etc. Lembramos que a cultura non é outra cousa que as ferramentas coas que o ser humano coñece e interpreta a realidade, resolve os seus problemas e se expresa.
O fin da cultura, ao igual que o da relixión, é outorgarlle sentido á existencia. Os nosos nomes (Xosé, Xesús, Elías), as nosas festas (Apóstolo Santiago, San Ramón, San Xosé) ou o conxunto das artes teñen, moitas veces, un marcado carácter relixioso. Non debemos esquecer tampouco o folclore, a música e as formas de relacionarse dos seres humanos que, calquera que sexa a súa cultura de orixe, están frecuentemente relacionadas co fenómeno relixioso.