A Diversidade Lingüística na Península Ibérica: O Caso de España, Portugal e Andorra
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,52 KB
Os tres estados (Portugal, España e Andorra) constitúen un bo exemplo da diversidade lingüística existente en Europa e no mundo. Andorra é oficialmente monolingüe en catalán, pero, debido ao contacto cos estados veciños e ao alto índice de turismo, presenta unha importante variedade de linguas nun territorio reducido canto á súa extensión.
Portugal é practicamente monolingüe, aínda que conta con dúas linguas oficiais: o portugués en todo o Estado e o mirandés, circunscrito a Miranda do Douro. No Estado español, coexisten sete linguas cunha extensión, vitalidade e recoñecemento legal moi distintos.
As Linguas do Estado Español
Cerca da metade dos cidadáns que habitan no territorio do Estado español reside en áreas xeográficas onde o castelán convive con outra lingua propia desa área. As linguas faladas no Estado español son sete:
- Galego
- Asturleonés
- Castelán
- Éuscaro
- Aragonés
- Catalán
- Aranés
Todas elas son linguas románicas ou neolatinas, derivadas do latín, agás o éuscaro, de orixe descoñecida, pero que se falaba xa na Península antes da chegada dos romanos.
O castelán é a única lingua oficial en todo o Estado. As linguas de España diferentes do castelán, para que sexan consideradas cooficiais nos seus territorios, teñen que ser recoñecidas como tales nos respectivos estatutos de autonomía. De aí que a súa situación legal varíe moito segundo os casos. Como se pode observar na seguinte táboa, incluso unha mesma lingua falada en varias comunidades pode ter recoñecemento legal nunha delas e non noutra.
Dúas das sete linguas de España, o asturleonés e o aragonés, non teñen *status* legal de cooficialidade en ningunha das comunidades onde se falan. Todas as comunidades que recoñecen a cooficialidade das súas linguas propias aprobaron as respectivas leis de normalización lingüística, co fin de promover e regular o seu coñecemento e o seu uso, compensando a situación de inferioridade en que se atopan con respecto á lingua estatal. Temos en Galicia a Lei de Normalización Lingüística de 1983.
O Catalán
Falado por algo máis de 10 millóns de persoas. É oficial en Cataluña, nas Illas Baleares, na Comunidade Valenciana e tamén se fala na franxa oriental de Aragón, en Andorra e en Francia.
O catalán posúe unha rica tradición literaria *desde* a Idade Media. En Cataluña, a recuperación do idioma en todas as funcións da vida social é unha realidade, debido a unha activa política lingüística e ao prestixio social e cultural derivado do feito de ser a lingua asociada á burguesía.
A pesar da alta inmigración que hai en Cataluña, o seu sistema educativo, con todas as materias en catalán agás Lingua e Literatura Castelá, consegue que os fillos dos inmigrantes aprendan a lingua propia do país desde pequenos e de xeito progresivo. Este tipo de programas educativos recibe o nome de **inmersión lingüística**.
O Valenciano
O catalán falado na Comunidade Valenciana recibe o nome de valenciano.
O Éuscaro ou Vasco
Fálano máis de 600 mil persoas en Euskadi, no norte de Navarra e no País Vasco francés.
Nas últimas décadas, a política lingüística do Goberno Vasco conseguiu que se incrementase sensiblemente o número de persoas que posúe competencia lingüística en éuscaro, ao tempo que se produciu un notable aumento da produción literaria e o emprego do idioma en todos os ámbitos, usos e funcións.