Diversidade lingüística global e en Europa
As linguas no mundo: Plurilingüismo e multiculturalidade
Introdución
A facultade humana que denominamos linguaxe plásmase en milleiros de linguas distribuídas por todo o planeta. Calcúlase que existen no mundo entre 3 mil e 5 mil linguas. A realidade multilingüe está presente a escala mundial, condicionando as relacións sociais, económicas e políticas. O crecente dominio dun número reducido de linguas internacionais parece restarlle evidencia ao feito de que a maior parte dos países do mundo se enfrontan actualmente con situacións de conflito cultural e linguas en contacto. Non é posible identificar comunidade política con comunidade lingüística. O modelo unitarista que identifica "1 Estado = 1 Lingua" é unha excepción. Ao lado de estados unilingües como Islandia, temos estados multilingües (a maioría) como España. A área de maior diversidade lingüística é Papúa-Nova Guinea, con aproximadamente mil linguas. Este fenómeno consistente na convivencia de varias linguas nun mesmo estado chámase plurilingüismo.
As linguas segundo o número de falantes
A maioría das linguas non chegan aos cen falantes; só 10 ultrapasan a cifra de 100 millóns de usuarios.
Linguas máis faladas do mundo (Millóns de falantes)
- Chinés Mandarín: 1000
- Inglés: 350
- Español: 250
- Hindi: 200
- Árabe: 150
- Bengalí: 150
- Ruso: 150
- Portugués: 135
- Xaponés: 120
- Alemán: 100
As familias lingüísticas
Unha familia de linguas consiste en idiomas intimamente relacionados dado que todos eles proveñen dun mesmo primeiro idioma, sendo eles os derivados. Agruparemos así as linguas segundo criterios xenéticos:
- En Europa: Temos as linguas indoeuropeas, que son as máis estendidas no mundo. Engloba as linguas románicas, xermánicas, eslavas, o albanés, o armenio, as linguas bálticas, as célticas e as indoiranianas. En definitiva, todas as linguas descendentes doutra anterior, o protoindoeuropeo.
- En África: Temos varias familias lingüísticas pero apenas teñen máis de 1 millón de falantes, polo que existen varias linguas francas como o suahili.
- En América: Existen 3 grandes familias entre as que destacaremos as maia, as guaraní e as quechua.
- En Oceanía: Fálanse as linguas austronesias, papúas e australianas.
As linguas en perigo
Estímase que a extinción de linguas, para finais do presente século, podería acadar niveis de catástrofe. Con cada lingua desaparece unha cultura. Para algúns, esta extinción é semellante á extinción de especies.
Causas
- As guerras
- Os desastres naturais
- A adopción de linguas dominantes (contribúen ao seu desuso)
- Os medios de comunicación masiva (abandonan determinadas linguas a favor dos idiomas máis difundidos a escala planetaria)
Afortunadamente, existe unha contrapartida a este proceso uniformador: na actualidade, algunhas linguas están volvendo, ou se se quere, resucitando.
En Cornualla, Inglaterra, trátase de reavivar o cornish, a lingua que morreu en 1777, e o mesmo está sucedendo con antigas linguas maias en México. Outras iniciativas pretenden revivir o galés, o navajo, o maorí e diversas linguas nativas de Botswana.
Se ben o mito bíblico achaca a diversidade de linguas a un castigo, o certo é que, cantas máis linguas conteña o mundo, máis rico e complexo será.
As linguas en Europa
En Europa hai varias familias lingüísticas e un alto grao de multilingüismo. Acostumamos a pensar só nas grandes linguas oficiais, que adoitan contar con moitos millóns de falantes, como o castelán, o alemán e o francés. Normalmente esquecémonos das linguas non oficiais ou menos faladas.
A UE
A UE ten 23 linguas oficiais, aínda que non todas as linguas oficiais de cada país membro son oficiais nela: o luxemburgués é oficial en Luxemburgo, pero non na UE.
Son linguas oficiais da UE as consideradas máis importantes en cada país, con independencia do número de falantes ou das outras linguas que se falen neses países: o letón, falado por 1.400.000 persoas, é oficial en Letonia e na UE; pero o catalán, falado por 4 millóns de persoas, e o galego, falado por 2.500.000, non son oficiais na UE.
En Europa tamén existen linguas ameazadas de desaparición como o bretón (noroeste de Francia), o yiddish (lingua xermánica empregada polos xudeus) ou o címbrico (norte de Italia), e tamén podemos falar de linguas xa extintas como o eslovincio (actual Polonia, 1900) ou o dálmata (actual Croacia, 1898).
As familias lingüísticas en Europa
Todas as linguas que se falan en Europa, salvo o éuscaro, pertencen á familia indoeuropea, á urálica ou ao complexo caucásico.
- A familia indoeuropea: É a máis estendida das mencionadas, cubrindo a maior parte de Europa e estendéndose por Asia cara á India.
- A familia urálica: Inclúe o finés e o húngaro e fálase principalmente no norte de Europa, aínda que o húngaro é unha illa, rodeada de linguas indoeuropeas, no centro de Europa.
- As linguas caucásicas: Realmente son 3 familias, por iso se fala de "complexo caucásico". Fálanse nas montañas do Cáucaso, sendo o xeorxiano a lingua mellor coñecida de todas.