A Diversidade da Lingua Galega: Variedades Históricas, Xeográficas, Sociais e Situacionais

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 24,48 KB

As Variedades e Rexistros da Lingua

1. Introdución: O Estudo Lingüístico nos Séculos XIX e XX

No que se refire aos estudos lingüísticos, hai un gran contraste entre o século XIX e o XX. A gramática estrutural é o grande avance do século XX. O Curso de lingüística xeral de Saussure de 1916 é o seu expoñente máximo. A súa influencia no século XX aínda non foi superada; as súas teorías foron seguidas por moitos estudosos posteriores a el e, nalgún caso, modificadas.

2. Linguaxe, Lingua e Variedade Lingüística

A linguaxe é a capacidade propia da especie humana para comunicarse por medio dun sistema de signos vocais, o que pon en xogo unha técnica corporal complexa e supón a existencia dunha función simbólica e de centros nerviosos xenericamente especializados. A linguaxe maniféstase de maneira particular nas diversas comunidades culturais en milleiros de linguas diferentes. Dentro de cada comunidade, a lingua actúa como vínculo de unión entre individuos; porén, constitúe un obstáculo para a relación cos membros doutra comunidade. En calquera caso, nunca se debe esquecer que todas as linguas nacen dunha capacidade única, universal e común a toda a especie: a linguaxe humana.

A variedade lingüística é un fenómeno que se observa facilmente ao reparar na gran cantidade de linguas que se falan no mundo, mais tamén ten reflexo no interior de cada idioma en forma de variedades internas, comunmente denominadas dialectos, xergas, falares, rexistros… Estas diferenzas internas que se dan nos idiomas maniféstanse basicamente en catro planos ou eixes:

  • O temporal ou histórico (diacrónicas)
  • O espacial ou xeográfico (diatópicas)
  • O sociocultural (diastráticas)
  • O situacional (diafásicas)

Delas imos falar no presente tema, se ben antes debemos indicar que calquera lingua aparece estruturada en dúas realidades diferentes: a lingua histórica, concepto establecido por Coseriu, que dá conta da linguaxe unificada e formalizada dentro dun territorio, común a todos e vehículo das manifestacións escritas desa lingua; e a lingua funcional, que son variantes da anterior, diferenciadas segundo os individuos, grupo social e zona xeográfica.

3. As Variedades Internas da Lingua

Con respecto ás variedades internas da lingua, que de seguido se analizan, distinguimos a diferenza diacrónica e variedade sincrónica, a diferenza diatópica e variedade sintópica, a diferenza diastrática e variedade sinstrática, a diferenza diafásica e variedade sinfásica e a variedade estándar.

3.1. Diferenza Diacrónica e Variedade Sincrónica (Eixe Temporal)

En primeiro lugar, a diferenza diacrónica, situada no eixe temporal, está constituída polas diferenzas que as linguas presentan ao longo da súa evolución no transcurso da historia. Esta vén condicionada polas distintas situacións sociais e culturais nas que esta se desenvolve historicamente. No caso do galego podemos diferenciar as seguintes etapas ou épocas:

  1. Época medieval (X-XV): Etapa de esplendor cultural onde o galego está normalizado non só como lingua de cultura, senón a todos os niveis, agás no ámbito internacional onde seguimos tendo o latín. Presentaba unha serie de trazos que hoxe desapareceron como por exemplo as vogais nasais, as sibilantes, paradigma de formas átonas “ma, ta, sa” nos posesivos que convivía coa forma tónica, ou o léxico propio como cibdade, cor, vegada, entre outros.
  2. Séculos Escuros (XVI-XVIII): Caracterízase pola depauperación do idioma, así como o seu case mutismo a nivel escrito, mais sobrevive, malia as circunstancias, na boca do pobo. Os trazos caracterizadores son entre outros, a diferenza entre os pronomes átonos te/che, a solución para a P2 de pretérito no sufixo -ches (comiches) e os castelanismos como dios, pueblo
  3. Século XIX: Salientar que os homes desta época descoñecían a existencia da tradición medieval, de aí que ao carecer tamén dunha norma van escribir como falan. Caracterízase polos dialectalismos e vulgarismos.
  4. Século XX ata a Guerra Civil: Nesta época o galego supera o dialectalismo en favor dun supradialectalismo. A tarefa principal é a purificación do idioma eliminando os castelanismos. Este afán de diferencialismo co castelán provoca a aparición de hipergaleguismos (ambente), pseudoevolución (cadeirádego) e mesmo lusismos (obrigado) nun achegamento cara ao portugués. Configúrase así un galego afastado da práctica normal.
  5. Ditadura: O galego empregado despois da Guerra Civil ten moitos puntos de contacto co galego de épocas anteriores. Non obstante, a partir dos anos 50, eliminouse a anarquía gráfica, suprímense apóstrofos e guións.
  6. Época actual: Pouco a pouco vanse configurando as primeiras normativas serias para o galego que chegan á configuración da súa variedade estándar. Esta variedade, fixada a medias entre o ILG (Instituto da Lingua Galega) e a RAG (Real Academia Galega), inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas: as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, publicadas en 1983 e aplicadas no Dicionario da RAG de 1997 e reformadas en 2003.

A aparición destas diferenzas no tempo é totalmente esperable porque as linguas mudan ao longo do tempo. Así, cada unha desas variedades históricas que vimos de ver e que presentan características homoxéneas e aparecen claramente delimitadas no tempo, é unha variedade sincrónica. E o conxunto delas constitúe a diferenza diacrónica dun idioma. A disciplina lingüística que se encarga de estudar estas variedades é a lingüística histórica. As diferenzas diacrónicas distínguense das demais polo seu carácter non simultáneo, fronte ás diferenzas diatópicas ou diafásicas que se dan en paralelo.

3.2. Diferenza Diatópica e Variedade Sintópica (Eixe Espacial)

En segundo lugar, a diferenza diatópica, desenvolvida no eixe espacial, está composta polo conxunto das diferenzas lingüísticas propias de cada zona do territorio ocupado por unha lingua histórica. Vén condicionada polas peculiaridades idiomáticas características das diferentes áreas xeográficas onde se fala un idioma. É o resultado de distintos factores, como a influencia das linguas de substrato, a influencia do adstrato latino, e do superestrato, así como da evolución propia do sistema, que por zonas se mostra máis arcaizante ou máis innovador, ou xeneraliza unhas particularidades.

Cada unha das variedades xeográficas dunha lingua que presenta unhas características comúns e homoxéneas, e aparecen claramente delimitadas no espazo, é unha variedade sintópica, tamén denominada dialecto. E o conxunto das variedades sintópicas constitúe a diferenza diatópica dun idioma. A disciplina lingüística que se ocupa do seu estudo é a dialectoloxía.

Os diversos estudos dialectolóxicos, realizados desde o século pasado, poñen de manifesto que non se pode falar con propiedade no noso caso de dialectos, senón de bloques, xa que as diferenzas entre os diversos espazos xeográficos son mínimas. Os fenómenos lingüísticos de natureza fónica, morfolóxica, sintáctica e semántica son os que nos van permitir delimitar as variedades xeográficas. Esta división márcase por medio de isoglosas, é dicir, liñas imaxinarias que permiten unir dous puntos do mapa nos que se dan os mesmos feitos lingüísticos e trazan unha fronteira entre unha zona onde existe un determinado fenómeno e outra onde non existe.

Na nosa lingua distinguimos tres bloques lingüísticos: occidental, central e oriental, no interior dos cales son delimitables diversas áreas e subáreas.

3.2.1. Bloque Occidental

Abrangue o occidente da Coruña e Pontevedra. Está delimitado pola isoglosa cans/cas. En liñas xerais é un conxunto lingüístico moi innovador diferenciado en tres áreas: fisterrá, bergantiñá e pontevedresa. Diferenciamos a gheada, o seseo explosivo e implosivo, a metafonía nominal, a alternancia do ditongo ui/oi, o plural -ns (cans) e o pronome suxeito ti.

3.2.2. Bloque Central

É o menos unitario. Inclúe toda Galicia central, delimitada polas isoglosas cans/cas no oeste e cas/cais no leste. Pertencen a el todos os falares do nordés e interior da Coruña, do interior de Pontevedra e as provincias de Lugo e Ourense, non sendo a súa parte oriental. No seu seo distínguense catro áreas: mindoniense, lucu-auriense, área central de transición e área oriental de transición. Diferenciamos a gheada no occidente mais non no oriente. Tampouco se aprecia o seseo. Destaca a ausencia de metafonía, o ditongo oi, o plural -s (cas), e o pronome suxeito ti no occidente e tu no oriente.

3.2.3. Bloque Oriental

Comprende o leste de Lugo e Ourense, así como as falas do galego exterior (Asturias, León e Zamora). En xeral é o máis conservador, separado do bloque central pola isoglosa cas/cais e do complexo ástur-leonés pola ausencia de ditongación pedra/piedra. Distínguense as áreas asturiana, ancaresa, zamorana e oriental central. Non hai presenza de gheada nin de seseo, así como ausencia de metafonía. Existen múltiples solucións para 'moito': moito, muito, mutio, muto. O plural é -is (cais) e o pronome suxeito é tu.

3.3. Diferenza Diastrática e Variedade Sinstrática (Eixe Sociocultural)

En terceiro lugar, a diferenza diastrática desenvólvese no eixe sociocultural e está formado polo conxunto das diferenzas lingüísticas de cada un dos estratos sociais, económicos, culturais e profesionais ao que pertencen os falantes. Cada unha das variedades socioculturais que presentan unhas características homoxéneas e aparece claramente delimitada recibe o nome de variedade sinstrática, dialecto social ou sociolecto ou nivel de lingua. O conxunto delas existentes nun idioma é a diferenza diastrática. A disciplina lingüística que se ocupa do seu estudo é a sociolingüística.

Entre os factores que condicionan os diversos sociolectos destacan o nivel cultural e de instrución idiomática, o lugar de residencia e a profesión.

3.3.1. Niveis de Lingua

Cómpre salientar que o nivel de lingua é a destreza lingüística que por extracción social, cultura e educación posúe o falante, é dicir, a capacidade expresiva de cada individuo que vén determinada pola súa adscrición a un sector social ou á formación cultural.

  • Nivel culto: É o modelo máximo de corrección lingüística. Falantes cunha formación cultural elevada. Posúen dicción clara, riqueza léxica e corrección gramatical.
  • Nivel medio: É o estándar da lingua, usada pola administración, escola e medios de comunicación. Caracterízase por austeridade expresiva e respecto polas normas.
  • Nivel popular: É o propio das persoas cun limitado grao de instrución idiomática e que recorren frecuentemente a códigos extralingüísticos e paralingüísticos. Posúe alto nivel de subxectividade, frecuentes apelacións ao oínte, frases feitas, refráns e retrousos e incorreccións gramaticais esporádicas.
  • Nivel vulgar: É o uso descoidado pola falta de instrución, persoas incultas. Así teñen pronuncia descoidada, vulgarismos, incorreccións sintácticas e elevado ton de voz e pobreza léxica.
3.3.2. Subcódigos ou Linguaxes Especiais

Por outra parte, as profesións determinan a creación de modos de falar peculiares que veñen condicionados polas propias características da profesión exercida, pola necesidade de manter o segredo ou para reafirmar a conciencia de grupo. Estes modos peculiares de falar denomínanse subcódigos ou linguaxes especiais, e caracterízanse por ter un vocabulario propio. Dentro deles distinguimos:

  • Linguaxe técnica: É o conxunto de individuos ligados por unha actividade profesional común. A lingua dos médicos, xuristas, químicos, mariñeiros... pertence a esta categoría. É unha linguaxe non esotérica que xorde da necesidade de designar obxectos non habituais para o resto dos falantes. Esta necesidade determina que o seu vocabulario proveña da lingua común, da creación de palabras novas e da adaptación de palabras doutras linguas.
  • Xerga: É a linguaxe falada de carácter esotérica propia dun determinado colectivo social que a utiliza para se diferenciar e afirmar como grupo. Caracterízase por ter un léxico especial, en gran parte invención, aínda que mantén o sistema fonolóxico e morfosintáctico da lingua común. No galego existen varias xergas profesionais, entre as máis importantes podemos sinalar:
    • Barallete: A xerga dos afiadores de Nogueira de Ramuín (Ourense). Ex: oreta = auga.
    • Verba dos arxinas: Xerga dos canteiros de Terra de Montes (Pontevedra). Ex: arxina = canteiro.
    • Verbo daordés: Xerga dos telleiros. Ex: daorde = compañeiro.
    • Latín dos chafoutas: Xerga dos albaneis. Ex: lenta = terra.
    • Xerga dos cesteiros: Mondariz (Pontevedra). Ex: chumar = beber.
  • Argot: Unha especie de xerga empregada por determinados grupos sociais que pode ter finalidade críptica, esotérica, ademais de funcionar como marca autoidentificadora do grupo. O seu vocabulario é normalmente o mesmo da lingua común, aínda que alterado por dous procedementos principais: a deformación do termo orixinal (matracas) e a atribución de novos significados (chocolate, mono, tronco). Estamos a falar do argot estudantil, o das tribos urbanas, o dos xogadores de cartas, delincuentes.

3.4. Diferenza Diafásica e Variedade Sinfásica (Eixe Situacional)

Seguidamente, a diferenza diafásica garda relación coas situacións concretas en que o individuo usa a lingua ou co tipo de comunicación que desexa establecer co oínte. Está constituída polas diferenzas que se dan segundo os seguintes factores:

  • A canle (pois é evidente que un non escribe como fala).
  • Os interlocutores (non se fala igual cun coñecido que cunha persoa descoñecida).
  • O tema (impón un uso idiomático, non é o mesmo facer unha crónica de deportes que unha de sucesos).
  • A situación (o contorno extralingüístico tamén inflúe).
  • O contexto (o tipo de texto a través do cal se estableza a comunicación).

Cada unha das variedades situacionais da lingua que presenta unhas características homoxéneas e aparece suficientemente definida, recibe o nome de variedade sinfásica ou rexistro lingüístico. O conxunto de variedades sinfásicas constitúe a diferenza diafásica. A disciplina lingüística que se encarga do seu estudo é a estilística lingüística.

En canto aos rexistros diferenciamos o rexistro formal e o rexistro coloquial.

3.4.1. Rexistro Formal

O rexistro formal é unha modalidade elaborada propia de situacións académicas, literarias ou formais de calquera índole. Adoita usarse na medida do posible a variante estándar. Aínda dentro podemos diferenciar:

  • Un estilo respectuoso, que é propio das xerarquías superiores.
  • Un estilo ritual, característico de determinados actos de comunicación.
  • Un estilo elevado, como en ámbitos culturais e científicos, así como literarios.
3.4.2. Rexistro Coloquial

O rexistro coloquial é a modalidade espontánea, cotiá, propia de situacións informais. Distinguimos nel o emprego de modismos (é dicir, paso), comodíns (cousa, facer), a riqueza de exclamacións, hipérboles coloquiais, uso de hipocorísticos, unha orde subxectiva nos enunciados e o emprego de dialectalismos e mesmo castelanismos.

O uso individual que cada falante fai das diferentes posibilidades que lle ofrece a lingua será indicativo do seu nivel de lingua. O nivel será alto se é capaz de combinar rexistro ou nivel en cada caso; pola contra, o uso dun mesmo rexistro indica nivel baixo.

No caso do galego cómpre mencionar, en relación coas diferenzas de rexistro, unha alternancia de linguas froito da diglosia, que leva a usar a lingua castelá para a variedade formal e a galega para a informal. Este esquema pode verse invertido na actualidade en certos grupos profesionais (políticos, traballadores dos medios de comunicación), que usan o galego como lingua de traballo, polo que recibe un uso formal fronte ao castelán nos usos informais.

3.5. A Lingua Estándar

Por outra banda, a lingua estándar é en principio unha variedade como todas as demais, mais foi potenciada por unha serie de causas de diferentes tipos ata convertela na empregada normativamente, habitualmente nos contextos formais. É polo tanto unha das linguas funcionais que se dá nunha lingua histórica. Concretamente é aquela que se escolle como modelo de lingua común e que é identificada e aceptada polos falantes como o uso correcto e normativo do código lingüístico. Equilibra a dispersión que existe na lingua oral.

A variedade estándar diferénciase das outras por cumprir diversas funcións:

  • Constitúe o idioma literario, servindo de canle de expresión a unha literatura.
  • É o idioma común para os membros dunha comunidade lingüística.
  • É considerada polos membros da comunidade como un modelo a seguir.

A proposta oficial do galego común é a recollida nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982, última revisión 2003), elaboradas polo ILG e pola RAG.

4. Variedades Lingüísticas en Situación de Contacto: O Caso Galego

Ata agora estivemos vendo as diversas variedades que poden existir en calquera territorio monolingüe; porén, cando na mesma sociedade coexisten dúas linguas diferentes, temos que falar doutro tipo de variedades lingüísticas do que participan ambas, e que son o resultado do contacto que se establecen entre elas.

É un feito observable que en Galicia se rexistra a presenza de dúas linguas: unha, a galega, propia do país e outra, a castelá, foránea e resultado dunha imposición que vén da Idade Media. O castelán emprégase en usos cultos e formais; o galego nos usos familiares e informais. A este fenómeno denominámolo diglosia.

A diglosia é a relación que se establece entre dúas variedades lingüísticas pertencentes ou non á mesma lingua, segundo o cal unha delas reserva para si as funcións sociais máis elevadas ou formalizadas, mentres que a outra queda relegada ás funcións sociais máis baixas e menos formais.

O cruzamento dos sistemas galego e castelán coas súas correspondentes variantes internas dá como resultado as seguintes variedades no noso territorio:

4.1. Castelán e Galego Normativos ou Estándar

Son as modalidades nas que están redactados os libros de textos, apréndense na escola e empréganse por exemplo nos medios de comunicación.

  • Castelán estándar: É unha variedade minoritaria no que se refire á competencia activa, xa que poucos galegos empregan un castelán exento de matización dialectal. Polo xeral, calquera galega ou galego tende a recoñecer ou considerar como foráneas as persoas que falan castelán estándar.
  • Galego estándar: É unha modalidade na que poucos galegos e galegas teñen competencia activa. O seu emprego é bastante marcado e mesmo connotado ideoloxicamente: os usuarios e usuarias das outras variedades, especialmente o galego popular, tenderán a considerar o falante do galego estándar como un individuo instruído, de medio urbano ou semiurbano, de clase media-alta e/ou ideoloxía galeguista.

4.2. Variedades Dialectais Mixtas

Onde temos numerosas interferencias lingüísticas tanto nun sentido coma no outro.

  • Castelán rexional: É a variedade en que están instalados grupos sociais castelanizados e cun grao medio de instrución: clases medias e baixas nas cidades da poboación semiurbana. Sofre moitas interferencias do galego en todos os planos.
  • Galego popular: Constitúe o conxunto de variedades nas que máis galegas e galegos están instalados. Fala esta variedade a sociedade extraurbana e os sectores populares de vilas e cidades. É notable nelas a influencia do castelán en grao variable.

4.3. Formas Mixtas ou Híbridas de Galego e Castelán

O castrapo e o chapurrado. Son variedades inestables e cada vez menos frecuentes, froito talvez da normalización e o influxo dos medios. Xorden principalmente nos ámbitos sociais en que a desgaleguización é máis intensa e recente: clases baixas, sen instrución, e clases medias do medio rural.

  • Castrapo: Xorde da tentativa de falar castelán por parte dos galegofalantes de escaso nivel cultural. É un castelán agalegado.
  • Chapurrado: Trátase do galego acastelanado. Prodúcese cando os usuarios do galego popular están moi influídos polo castelán.

5. Conclusión: Heteroxeneidade e Riqueza Lingüística

Como puidemos comprobar, unha lingua non é unha realidade homoxénea e sen fisuras. Moi ao contrario, dentro das linguas existen múltiples variedades internas de maior ou menor importancia. Neste sentido convén recoñecer o concepto de lingua histórica, que é a unidade que aglutina no seu interior o conxunto de variedades dunha mesma lingua.

Habitualmente cando empregamos os termos de lingua galega, española, francesa etc., considerámolos como sistemas homoxéneos e perfectamente delimitados uns dos outros. Mais esta homoxeneidade só a presenta unha lingua fronte a outra xa que, en si mesma, toda lingua é unha realidade heteroxénea, como o demostra o feito de que todas e todos somos conscientes de que hai distintas formas de falar galego, español ou francés… Estas variedades non son signos de empobrecemento, senón precisamente síntomas de vida e de riqueza e non impiden que exista unidade que presida e dea congruencia ao conxunto.

Porén, nalgunhas sociedades esta realidade non está totalmente asentada, sobre todo cando hai dúas linguas que manteñen unha loita lingüística. Así en Galicia son moi habituais aseveracións do tipo: “O meu galego non é galego nin é nada, aquí non se fala ben”. Isto evidencia que hai consciencia da heteroxeneidade da lingua, mais non sempre da homoxeneidade. Aínda que disto tamén se pode deducir a existencia dun factor negativo para calquera lingua, neste caso para o galego: o prexuízo lingüístico.

Podemos rematar cunha esperanza, xa que neste campo as cousas cambiaron moito desde anos atrás. A nivel didáctico, debemos afacernos a ver na diversidade cultural, étnica e lingüística unha condición esencial da natureza humana, e aprender a respectar e valorar esa riqueza como o principal patrimonio común da humanidade, e máis concretamente da nosa lingua. E esta non supón ningún obstáculo para o noso desenvolvemento na vida cotiá.

Entradas relacionadas: