A Ditadura de Primo de Rivera: causas, crise e caída

Francés3,09 KB

A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)

A ditadura de Primo de Rivera foi o réxime político que houbo en España desde o golpe de estado do capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923, ata a súa dimisión o 28 de xaneiro de 1930 e a substitución pola chamada dictablanda do xeneral Dámaso Berenguer.

A pesar dos seus esforzos de rexeneración e o inmenso progreso da economía e as infraestruturas, a Ditadura foi capaz de estabilizar a situación política durante un longo período, pero a finais da Ditadura produciuse unha crise política que desprestixiou o rei Afonso XIII e achandou o camiño á Segunda República española.

A crise do réxime da Restauración

Co comezo do século XX o réxime da Restauración foise debilitando e facéndose cada vez máis inestable. Tralos intentos rexeneracionistas fracasados de Silvela, chegou o intento de facer unha "revolución desde arriba" de Maura, que incluía a creación de autonomías, pero este tivo que dimitir a consecuencia da Semana Tráxica de Barcelona en 1909. Posteriormente, Canalejas procurou desenvolver un programa reformista liberal, mais non deu resolto os problemas estruturais.

Neste clima, os partidos tradicionais da Restauración foron debilitándose mentres que os partidos republicanos e os movementos obreiros (CNT, PSOE-UXT) ampliaron as súas bases organizadas e fóronlle gañando terreo ao sistema.

Impacto da Primeira Guerra Mundial e da Revolución rusa

A Primeira Guerra Mundial trouxo un período de puxanza económica grazas a un incremento das exportacións aos países combatentes, pero supuxo tamén un desabastecemento interno e unha alza de prezos, a máis de non seren complementadas con investimentos que eran necesarios, polo que as condicións económicas de boa parte da poboación non melloraron.

En cambio, a Revolución rusa si causou un fondo efecto, converténdose en referente do movemento obreiro revolucionario e alarmando a burguesía. O final da guerra acabou coa puxanza económica e, grazas ao auxe nacionalista no Tratado de Versalles, abriu campo para os nacionalismos peninsulares.

A crise militar e a Guerra do Rif

Nas décadas de 1910 e 1920 a crise acentuouse. A Guerra do Rif era altamente impopular e carecía de beneficios económicos, pero supuña unha cuestión de honra para un exército dividido polo sistema de ascensos entre os africanistas, que defendían os méritos de guerra, e os que apostaban pola antigüidade como criterio principal. Esta pugna deu nunha crise interna, na que se formaron xuntas de defensa. Con todo, o exército mantívose leal ao réxime político e foi determinante na disolución da folga xeral de 1917 e da asemblea paralela de parlamentarios cataláns. Co tempo, a suspensión de garantías constitucionais e o estado de excepción convertéronse en habituais.

Descargar

PDF Word HTML