A Distensión na Guerra Fría: Coexistencia e Conflitos (1962-1979)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,13 KB

Distensión e Coexistencia Pacífica (1962-1979)

Despois da crise cubana sobreveu un período de maior distensión entre ambas as superpotencias, a etapa de coexistencia pacífica. En 1963, para evitar que outro malentendido puidese ocasionar unha alarma nuclear, a Casa Branca e o Kremlin estableceron unha conexión directa co chamado teléfono vermello. Ese mesmo ano asinaron o Tratado de Prohibición de Ensaios Nucleares, aínda que non foi de todo respectado.

Xurdimento dos Países Non Aliñados

A disposición soviético-estadounidense a reducir a tensión estaba estimulada polo xurdimento dun grupo de novos países descolonizados dispostos a romper a dinámica bipolar. A partir da Conferencia de Bandung (Indonesia, 1955) bautizáronse como o Terceiro Mundo e constituíron o Movemento de Países Non Aliñados, alleos aos bloques comunista e occidental. A Conferencia celebrouse nun contexto crítico para Asia, tras a Guerra de Corea e reuniu a representantes de 24 países de Asia e África que se acababan de independizar (Birmania, Sri Lanka, India, Indonesia e Paquistán) aínda que non foran invitados nin Israel (pola oposición dos países árabes) nin a Unión Surafricana pola súa política de apartheid. As súas resolucións foron a declaración contra o colonialismo e a favor da cooperación internacional.

Iugoslavia nos anos 50, baixo a dirección do mariscal Tito tivo un papel moi importante no cuestionamento da Guerra Fría e a dinámica de bloques. Tras a Conferencia de Bandung, Iugoslavia promoveu a Conferencia de Brioni en 1956, onde se trazaron as liñas básicas do grupo dos Estados opostos á Guerra Fría. Na Conferencia de Belgrado (1961) constituíuse formalmente o Movemento dos Países Non Aliñados, que tamén avogaba polo desarme e a abolición do armamento nuclear, e non só pola descolonización.

A Ruptura Sino-Soviética

A ruptura entre a URSS e a China de Mao significou a aparición doutra superpotencia, especialmente despois de que China lograse a bomba atómica en 1964. As orixes do cisma chinés-soviético respondían á vontade de independencia de China, pero as diverxencias doutrinais chegaron coa desestalinización, que provocaron a cancelación da axuda soviética que recibía a República Popular China. Ademais, en 1971, China, con beneplácito de EEUU, asumiu o seu posto como membro permanente do Consello de Seguridade da ONU con dereito de veto.

Disidencias no Bloque Occidental

No bloque occidental tamén se produciron certas disidencias con respecto á política de EEUU:

  • En Francia, a política de grandeur de De Gaulle puxo en marcha unha estratexia de defensa autónoma coa súa propia tecnoloxía nuclear que levou ao país a abandonar a estrutura militar da OTAN.
  • Na República Federal Alemá, o chanceler socialdemócrata Willy Brandt desenvolveu a chamada Ostpolitik, que implicou un achegamento ao bloque socialista e o establecemento de relacións diplomáticas entre as dúas Alemañas.

A Guerra de Vietnam

En 1954, Francia tivera que retirarse de Indochina (Vietnam, Camboxa e Laos) tras perder a guerra contra os movementos independentistas. Vietnam dividírase en dous en torno ao paralelo 17: Vietnam do norte, aliado da URSS e dirixido por Ho Chi Minh e Vietnam do sur, cun réxime prooccidental. En 1957 recruouse en Vietnam do sur a guerra de guerrillas dun grupo procomunista, o Vietcong, apoiado por Vietnam do norte. A reacción estadounidense foi enviar apoio militar ás autoridades survietnamitas. A guerra convertérase nunha vía sen saída, co débil goberno survietnamita falto de apoio popular e co Vietcong recibindo apoios da URSS e China. As atroces imaxes bélicas retransmitidas, comezaron a minar nos EEUU o apoio á guerra, e as manifestacións pacifistas nas que participaban especialmente xoves convertéronse nun elemento constante de vida.

A Limitación das Armas Nucleares

A pesar de que non rematara a guerra en Vietnam, en 1970 iniciáronse as negociacións entre a Unión Soviética e EEUU para o control de armas nucleares. En 1972 asinouse un acordo de limitación específica e medios de control recíprocos no almacenamento e disposición de sistemas de mísiles antibalísticos (SALT I) que renovouse en 1974, cando se dispuxo que cada superpotencia non podería acumular máis de 2400 mísiles intercontinentais. Outra proba de que Vietnam non embazou a dinámica de distensión manifestouse na convocatoria da Conferencia de Seguridade e Cooperación en Europa (Helsinqui, 1973). Nela, condensáronse os principios de coexistencia pacífica e cooperación entre estados para garantir a paz e a seguridade. Naquela altura, parecía evidente que a Guerra Fría quedara atrás, que o bipolarismo daba paso ao multipolarismo e que a perspectiva dunha confrontación global e nuclear fora eliminada.

Entradas relacionadas: