Dicionario de Termos Clave: Economía, Sustentabilidade e Tecnoloxía
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 8,05 KB
Agricultura Ecolóxica
Sistema para cultivar unha explotación agrícola, baseado na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados —nin de abono nin para combater as pragas—, logrando deste xeito obter alimentos ecolóxicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio ambiente.
Exemplo: O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) certifica a agricultura producida en Galicia.
Balanza Comercial
Rexistro das exportacións e importacións dun país durante un período de tempo. O saldo da mesma é a diferenza do valor monetario destas exportacións e importacións. Se o valor das exportacións é maior que o das importacións, a balanza comercial é positiva. Se o valor das importacións é maior que o das exportacións, a balanza comercial é negativa.
Exemplo: A balanza comercial en España foi negativa en -44.068,2 M€.
Denominación de Orixe
Tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola ou alimenticio cuxa calidade ou características se deben exclusivamente ao medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora.
Exemplo: Queixos: Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla, San Simón da Costa.
Descarbonización
Proceso de redución das emisións de carbono á atmosfera por parte dos seres humanos e as súas actividades. Inténtase reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro cara á atmosfera e, especialmente, as emisións de dióxido de carbono. O proceso de descarbonización é fundamental para acadar os ODS, especialmente o ODS 7: Enerxía accesible e non contaminante. En relación con este concepto, procúrase unha economía hipocarbónica, tamén chamada economía baixa en carbono ou economía baixa en combustibles fósiles.
Exemplo: As industrias máis difíciles de descarbonizar son as de aceiro, cemento e petroquímicas.
Deslocalización Industrial
Tamén coñecido polo nome inglés offshoring. Estratexia empresarial relacionada coa globalización económica, onde algunhas empresas trasladan os seus centros de traballo en países desenvolvidos a países con menores custos para a empresa, xeralmente a países en vías de desenvolvemento. As causas deste movemento adoitan ser a procura de contornos con leis ambientais e laborais máis permisivas, o que permite reducir os custos de produción ao ter acceso a man de obra máis barata e con peores condicións laborais e de seguridade, así como maiores índices de contaminación.
Exemplo: Mango ou Orbea son dúas empresas que deslocalizaron os seus procesos produtivos e na actualidade están levando a cabo un proceso de relocalización. Inditex levou a cabo un proceso de deslocalización da súa produción a finais dos anos 90 desde os obradoiros de costura en Galicia ata países en vías de desenvolvemento.
Economía Somarxida
Conxunto de actividades económicas que se desenvolven de maneira subrepticia e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais, e que permiten a subsistencia dun sector máis ou menos amplo da poboación segundo os países.
Exemplo: Ingresos non declarados procedentes de traballo por conta propia.
Ecoturismo
Tendencia do turismo alternativo diferente ao turismo tradicional. Nestas actividades turísticas prímase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; preténdese manter o benestar das poboacións locais minimizando os impactos negativos para o medio ambiente e a comunidade local e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.
Exemplo: Sendeirismo, voluntariado ambiental, montañismo, observación de flora e fauna... sempre e cando se fagan respectando a natureza.
Enerxías Renovables
Aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, xa sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen ou porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.
Exemplos: Enerxía eólica, enerxía solar, enerxía hidráulica, biomasa, aerotermia, utilización de enerxía renovable en casas particulares, etc. Sempre e cando non se produza unha sobreexplotación do ambiente.
FEAGA
Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria, creado en 2005 en apoio dos agricultores da UE a través de diferentes réximes de pagamento, incluíndo un réxime de pagamento básico, un pagamento polo emprego de métodos agrícolas sustentables e un pagamento para os agricultores e as agricultoras xoves. Tamén financia medidas para apoiar e estabilizar os mercados agrícolas, ou accións de formación e promoción agrícola; en novembro de 2024 foron publicadas no DOGA as bases reguladoras da axuda ás investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas financiadas polo FEAGA.
Exemplo: O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) é un organismo que asegura que os fondos procedentes do FEAGA se dirixan a conseguir os obxectivos deste fondo.
Fenda Dixital
Concepto que fai referencia á desigualdade no acceso, uso e impacto das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre grupos sociais determinados con base en criterios económicos, xeográficos, de xénero, idade e culturas.
Exemplo: Durante a pandemia de COVID-19, a Xunta de Galicia puxo en marcha o protocolo Fenda Dixital para evitar a desigualdade no acceso ás TIC no ensino. En 2021, Galicia foi a terceira comunidade autónoma con máis poboación afectada negativamente pola fenda dixital. No 2024, España tiña un prezo de banda larga por riba da media da UE, o que contribúe á fenda dixital.
Industria 4.0
Tamén coñecida como Cuarta Revolución Industrial ou Revolución Industrial etapa catro. Concepto acuñado por Klaus Schwab en 2016 para referirse a unha nova etapa da transformación industrial que comeza na segunda década do século XXI coa introdución de diferentes avances tecnolóxicos. Caracterízase pola fusión de tecnoloxías e a desintegración das fronteiras entre as esferas física, dixital e biolóxica.
Exemplos: Robótica, intelixencia artificial, nanotecnoloxía, biotecnoloxía, impresión 3D, vehículos autónomos, internet das cousas, computación na nube, etc.
Industrias Verdes
Aquelas que fabrican produtos directamente relacionados co mantemento harmónico do medio ambiente ou aquelas que, no seu proceso industrial, prestan especial atención ao mantemento harmónico do medio ambiente.
Exemplos: Galiza Verde, xestión de residuos; ASEGRE, Las Flores de Greta, Ecoprint; Apiario Editora.
Silvicultura
Actividade baseada no cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas. Se non se fai de xeito sustentable, ten un efecto negativo no ambiente; mais se se fai de xeito sustentable, ten un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais —susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos— e o desenvolvemento de espazos recreativos.
Exemplo: A explotación forestal en España concéntrase nos bosques atlánticos e do norte situados no Macizo Galaico, a Cordilleira Cantábrica, os Pireneos, o Sistema Central e os Montes de Toledo.
Turismofobia
O significado literal deste termo é odio, aversión ou rexeitamento do turismo; porén, úsase nun sentido máis específico como rexeitamento do sobreturismo e das consecuencias negativas tanto para os habitantes dos lugares que reciben ese turismo como para os traballadores.
Exemplos: En xullo do 2024 tivo lugar unha marcha en Barcelona contra o turismo masivo, baixo o lema «Decrecemento turístico xa».