Desenvolvemento da Literatura e o Teatro Galego: Represión, Exilio e Resistencia Cultural (1936-1976)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 19,5 KB
O Contexto da Literatura e o Teatro Galego (1936-1976)
A literatura dramática galega sufriu unha forte parálise tras a Guerra Civil debido á represión e á censura da ditadura franquista, que impediron o desenvolvemento do teatro en lingua galega. A actividade teatral continuou principalmente no exilio, sobre todo en América, onde autores como Castelao, con Os vellos non deben namorarse, mantiveron viva a dramaturxia galega. Varela Buxán destacou en Arxentina con obras de corte rural e crítica social, mentres que Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego en Bos Aires e publicou Farsas para títeres (1973) e Teatro para a xente (1974).
A Literatura Galega do Exilio (1936-1976)
A literatura galega do exilio entre 1936 e 1976 comprende a produción literaria en galego desenvolvida fóra de Galicia debido á represión franquista tras a Guerra Civil. O réxime instaurado en 1939 impuxo a censura e a uniformización lingüística, o que levou á desaparición do sistema literario galego dentro do país. Como resposta, moitos intelectuais exiliados continuaron escribindo en galego desde o estranxeiro, especialmente en países como Arxentina, Uruguai e México, onde xa existían comunidades galegas organizadas.
A actividade cultural no exilio incluíu a creación de editoriais (Emecé, Nova, Botellas al Mar), publicacións xornalísticas e radiofónicas (Galicia, A Nosa Terra, Galicia Emigrante, "Recordando a Galicia"), e compañías teatrais como a de Maruja Villanueva. Ademais, promoveuse a cultura galega a través de eventos, cursos de idioma e denuncias internacionais contra a represión franquista.
Desde o punto de vista literario, destacou a poesía con temática social e política, predominando a defensa da identidade galega, o cosmopolitismo e a mestizaxe cultural. A literatura do exilio xogou un papel esencial na continuidade do galego como lingua escrita e na preservación da identidade cultural ata a chegada da democracia.
O Teatro Galego no Interior (1950-1976)
A Xeración dos 50 ou Grupo de Enlace (1950-1965)
Entre 1936 e 1952, só se publicaron tres obras dramáticas orixinais en galego. A escena teatral reduciuse a representacións folclóricas e costumistas promovidas polos Coros Populares, sempre baixo a vixilancia do franquismo. A partir de 1950, coa creación da editorial Galaxia, iniciouse unha lenta recuperación do teatro galego. Os autores da chamada Xeración dos 50 ou Grupo de Enlace actuaron como ponte entre o teatro de preguerra e a renovación escénica que traería o Grupo Abrente nos anos 60. O seu teatro caracterizábase por unha visión escura e conflitiva da existencia, influenciada polo existencialismo e pola traxedia clásica grega. Dirixido a unha minoría intelectual galeguista, era un teatro pensado máis para a lectura ca para a representación, debido ás dificultades de levar estas obras ao escenario.
Álvaro Cunqueiro
O seu é un teatro que se caracteriza polo clasicismo (é Shakespeare o autor preferido a partir do cal creará algunhas das súas pezas). O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), é a súa peza máis representativa; trátase dun drama en tres actos breves no que se ofrece unha nova versión da historia de Hamlet, recollida nas sagas irlandesas e maxistralmente tratada por Shakespeare no século XVII. En Cunqueiro o príncipe aparece como unha vítima de si mesmo e acaba suicidándose ao descubrir a súa verdadeira identidade: Halmar, o usurpador ao trono, é o seu verdadeiro pai; non faltan nin o humor nin a ironía cunqueirianas mesmo nas escenas máis dramáticas. Tamén publicou en 1965 A noite vai coma un río: comedia na que a dama protagonista Dona Inés, agarda en soidade polo amante ideal que nunca virá.
Ricardo Carballo Calero
A súa obra dramática é experimental e está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo ou de orientación psicolóxica e existencial nas que predomina o simbolismo. Publica en 1971 catro pezas: A sombra de Orfeu; A farsa das zocas, obra en dous actos, mostra ao espectador uns personaxes galegos universais, o crego, o médico, o notario… e un enredo sobre unha herdanza; A árbore;
Xenaro Mariñas del Valle
Precursor do teatro social con obras como A chave na porta (1964) e A revolta (1965). A súa extensa obra dramática (que se prolonga ata a década dos 90) ten outra liña que se caracteriza por presentar pezas de carácter simbólico nas que se amosa unha visión tráxica da existencia: A revolta, A obriga, Loucura e morte de Peregrino. A estas dúas tendencias (social e existencialista) habería que engadir outra máis experimental e vangardista representada por pezas como O triángulo ateo.
Manuel María
É autor de varios autos: Auto do taberneiro (1957), Auto do labrego, Auto do mariñeiro; Auto da costureira que son practicamente poemas dramatizados. É autor tamén de pezas teatrais para rapaces entre as que destaca Barriga verde (1968). Noutras predomina o carácter reivindicativo como en Farsa de Bululú na que fai unha crítica do réxime franquista.
Xohana Torres
A outra banda do Iberr (1965), obra que nos presenta o drama dos habitantes de Galandia; Un hotel de primeira sobre o río.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Quen coa publicación de Celtas con filtro logrou un dos maiores éxitos do teatro galego de posguerra.
O Grupo de Ribadavia (Grupo Abrente) (1965-1976)
A partir de mediados dos anos 60, as condicións socioeconómicas de Galicia favoreceron a recuperación do teatro galego. En 1965 xorde o grupo “O Facho”, dirixido por Manuel Lourenzo, e en 1967 fundouse na Coruña o “Teatro Circo”, o primeiro grupo teatral independente galego. Nos anos 70 emerxeron novos colectivos teatrais, destacando a celebración da I Mostra de Teatro de Ribadavia en 1973. Este evento converteuse nun punto de encontro para dramaturgos e compañías teatrais galegas, continuando ata 1980. Dentro deste contexto xurdiron autores clave como Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo e Euloxio Rodríguez Ruibal, cuxa produción máis destacada terá lugar tras 1980. A Mostra de Ribadavia foi fundamental para o desenvolvemento do teatro galego contemporáneo, servindo de plataforma para a consolidación de novos autores e propostas escénicas innovadoras.
Manuel Lourenzo
Autor de máis de 60 obras, é unha das máis grandes, prolíferas e laureadas figuras da nosa dramaturxia. Serve de enlace entre as promocións de posguerra e os novos autores. Podemos dividir a súa creación en tres grandes ciclos:
- Ciclo mítico: pezas nas que se recrean personaxes míticos do teatro grego: Romaría ás covas do demo (1975), Electra (1974).
- Ciclo histórico: obras nas que aparecen determinados personaxes históricos, como en Xoana (1991).
- Ciclo da dramática urxente: algunhas pezas de teatro experimental e outras nas que predomina a crítica: Magnetismo (1996), A estratexia do narco (1998).
Euloxio Rodríguez Ruibal
Autor dun teatro de carácter experimental, pódense distinguir tres etapas ao longo da súa traxectoria como dramaturgo:
- Parábolas nas que utiliza a miúdo técnicas cinematográficas comprometidas coa realidade social e política do país, en contra da violencia e a opresión. Destacan: Zardigot (1974) e O cabodano (1976); conxugan as tendencias europeas da época coa tradición galega e o compromiso social e político.
- Dúas obras de gran comicidade que comparten os personaxes principais: Azos de esguello (1989), sátira sobre o tema da corrupción do poder; e Unha macana de dote (1990).
- Maremia (1996), traxedia de carácter alegórico coa que inicia a 3ª etapa: tamén dedicou unha boa parte da súa traxectoria como dramaturgo ao teatro infantil.
Roberto Vidal Bolaño
Autor, actor e director, a súa dilatada obra dramática presenta dúas tendencias fundamentais:
- Cultiva un teatro simbólico con raíces populares: Ledaíñas pola morte do meco (1977), peza na que o protagonista (o pobo) debe ir descubrindo a identidade do Meco, fonte de inxustiza. Identifica este Meco coa opresión estranxeira que explota as clases populares.
- Segue unha liña na que se inclúen textos máis complexos nos que dá unha visión pesimista da vida: Laudamuco, en clave grotesca, desvela os mecanismos psicolóxicos que explican a submisión ao poder; Señor de ningures (1977), na cal se trata o tema do tirano que se encontra no declive do seu poder (Cochos (1992), Días sen gloria (1992) e Saxo tenor (1993)).
Daniel Cortezón
Cultivador do teatro histórico en galego onde aparecen algúns dos personaxes máis significativos da historia de Galicia: Prisciliano (1970), Os irmandiños (1978).
Literatura Galega do Exilio: Xéneros e Autores Destacados
Poesía do Exilio
A literatura galega do exilio caracterízase principalmente pola poesía de ton cívico e social, recuperando a tradición iniciada por Ramón Cabanillas. Os escritores exiliados cultivaron unha poesía comprometida, épico-realista e mitificadora do pasado, con pouca influencia na poesía do interior debido ás dificultades de difusión. As súas obras abordaban temas prohibidos en Galicia baixo o franquismo, como a denuncia social, o drama do exilio, o patriotismo galego e a saudade.
Emilio Pita
Dentro da súa produción distinguimos:
- Poesía combativa cun forte compromiso cívico: a esta liña corresponden os libros de versos: Jacobusland (1942), reflicte a traxedia da Guerra Civil e unha nostálxica visión da natureza galega; Polos camiños do pobo (1963) que será presentado a un premio do Centro Galego de Bos Aires e vai ser editado postumamente en 1999.
- Poesía próxima á literatura popular e neotrobadoresca: Cantigas de nenos (1944), O ronsel verdegal (1964). As cantigas (1959), o tema é o da saudade polo paraíso perdido representado pola infancia e a terra; Serán (1974). Ademais de poeta e xornalista tamén foi musicólogo.
Luís Seoane
Escribiu catro libros de poemas en galego: Fardel de eixilado (1952), canta a epopea anónima da emigración galega, vítima de factores sociopolíticos; Na brétema Sant-Iago (1956), aposta por recuperar a memoria histórica galega, a través da recreación da Idade Media, período de esplendor para Galicia; As cicatrices (1959), a voz cívica e a función ideolóxica fanse máis evidentes, así mesmo, nalgúns poemas, volve insistir na temática histórica anterior; e A maior abondamento (1972), recrea de novo o tema da emigración, pero desta volta achégase á problemática dos emigrados a Europa. A súa obra é un claro compromiso ideolóxico nacionalista, onde combina a denuncia social coa visión histórica, as vivencias persoais cos dramas colectivos.
Características da súa poesía:
- Estilo realista, ás veces case xornalístico.
- Temática preferentemente social con predominio do tema da emigración.
- Tres motivos percorren a súa poesía, enxergados a través de Galicia: o social e político, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
- Escaseza de poemas líricos e persoais.
- Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo. Despreocupación pola ornamentación.
Lorenzo Varela
A poesía cívica é tamén característica da súa obra pero ten unha maior preocupación pola forma. Publicou en galego con Seoane Catro poemas para catro gravados (1944) onde recrea catro figuras da historia galega: María Pita, María Balteira, Roi Xordo e o bispo Adaúlfo; Lonxe (1954) é o seu poemario cumio con gravados de Seoane, obra que se presenta como paradigma da poesía solidaria e comprometida. Os temas recorrentes da súa obra son: as vivencias tráxicas da guerra civil, o pasado histórico de loita das clases populares, certas figuras míticas da Galicia medieval (Roi Xordo, María Balteira), saudade da Terra desde o exilio.
Ernesto Guerra da Cal
A súa temática céntrase na saudade, procura existencial, crítica social, ironía. Emprega imaxes orixinais e vangardistas con ecos neotrobadorescos, unha grafía reintegracionista. Obras: Lúa de alem-mar (1959), Río de sonho e tempo (1963).
Narrativa do Exilio
Aborda unha preferencia temática pola Guerra Civil e a represión, a nostalxia provocada polo desterro con vivencias autobiográficas da infancia.
Ramón de Valenzuela
Vai ser o primeiro en testemuñar o episodio da Guerra Civil en Non agardei por ninguén (1957) que presenta as peripecias dun guerrilleiro fidalgo galeguista republicano (Gonzalo Ozores -trasunto do propio Valenzuela) nos montes de Galicia e como soldado na fronte de batalla. Esta temática terá continuidade en Era tempo de apandar (1980), un “eu” protagonista relata a súa vida no exilio francés, a repatriación forzosa, a pasaxe polas cadeas franquistas e o regreso ás terras galegas. Tamén é autor de relatos curtos reunidos no volume O naranxo (1974), desde a inxenuidade e a utopía, o Naranxo –personaxe singular na literatura galega- cuestiona a orde social e económica que mantén a millóns de persoas na miseria e que conduciu o mundo á Guerra.
Antón Alonso Ríos
O siñor Afrancio ou como me rispei das gadoupas da morte (memorias dun fuxido) (1979) que é unha novela autobiográfica, onde narra as súas experiencias de fuxido durante os vinte meses que botou percorrendo a Galicia de Franco disfrazado de esmolante portugués ata a fuxida cando chega a Bos Aires, vía Portugal; Nidia (1992), ten como protagonista a unha monxa.
Eduardo Blanco Amor
(Ourense, 1900-Vigo, 1979), A esmorga (Bos Aires, 1959), novela que narra, mediante a técnica polifónica, os sucesos acaecidos aos seus tres protagonistas durante unha esmorga (alcohol, prostitución, asalto a un pazo, asasinato do Bocas a mans do Milhomes, morte deste e detención pola Garda Civil de Cibrán), a través dun percorrido labiríntico dentro do espazo histórico de Auria, durante a Restauración monárquica no século XIX (contra 1870); e na que os ambientes retratados son urbanos e suburbiais. Os personaxes caracterízanse a través das súas falas e comportamentos.
Teatro do Exilio
Nesta etapa, destacan dúas tendencias teatrais: Teatro culto, desenvolvido polos exiliados, con técnicas innovadoras e temas de carácter universal, representado por figuras como Castelao, Luís Seoane e Blanco Amor; Teatro popular, de carácter tradicional e costumista, promovido polos emigrantes, entre os que sobresaen Manuel Daniel Varela Buxán e Isaac Díaz Pardo, cun enfoque máis nostálxico da terra. A actividade teatral en galego no exilio mantívose ata aproximadamente 1964, grazas a compañías como a “Compañía Galega Maruja Villanueva” ou o “Teatro Popular Galego”, fundado por Blanco Amor.
Castelao
Con Os vellos non deben namorarse. Estreouse en Bos Aires en 1941. É a única peza teatral escrita por Castelao. Trátase dunha farsa dividida en tres lances de estrutura paralela complementados cun prólogo e un epílogo. No Prólogo Castelao avisa do tema que se vai tratar: os amores serodios que case sempre acaban mal. En cada lance temos un vello namorado dunha moza, e un mozo desempeñando o papel de rival do vello nas súas pretensións amorosas. A obra parece ter como obxectivo poñer en ridículo uns amoríos de tres vellos incautos, para concluír que a todos lles chega a morte como unha especie de castigo. Aparece tamén a morte como un personaxe que, baixo aparencia diferente en cada lance, avisa aos vellos das consecuencias do seu namoramento. No Epílogo aparecen os tres vellos xa mortos no cemiterio comentando a súa imprudencia. Os personaxes principais da peza son arquetipos e levan todos careta, o cal contribúe a darlle a cada escena unha gran carga simbólica. Os secundarios, como as irmás, pais, espantallos, a Morte, o grupo de mulleres (que a modo de coro da traxedia clásica expresan a opinión do pobo sobre o ocorrido en cada lance) axudan a conformar o marco no que se desenvolve a acción. Son tamén importantes os elementos escenográficos como a iluminación, a vestimenta dos personaxes, os decorados, o deseño das caretas, etc. As liñas básicas do seu teatro xiran arredor de: gusto pola expresión concentrada e pola simetría estrutural; combinación entre humor e tradición galega e o simbolismo e expresionismo; dá preferencia a un teatro de protagonismo popular; concibe a obra dramática como un espectáculo integral no que se combinan texto, escenografía, música e danza.
Eduardo Blanco Amor
Destaca, fundamentalmente como novelista, pero tamén sentiu unha especial inclinación polo teatro xa que contribuíu de moi diversas formas sendo autor, director, fundador de compañía (fundador do Teatro Popular Galego), etc. As súas pezas están agrupadas en dous volumes: Farsas para títeres (1973), conxunto de pezas breves compostas inicialmente en castelán e traducidas ao galego; son obras moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que nos recordan o teatro do absurdo europeo e o esperpento de Valle Inclán, pensadas para un público amplo; Teatro para a xente (1974), composto por pequenas obras de tendencia popular e intencionalidade didáctica a través das cales se describe, satiriza e expresa a maneira de ser dos nosos campesiños.
Luís Seoane
A soldadeira (1956), únense pasado e presente ao presenciar uns campesiños do século XX as primeiras revoltas irmandiñas, é unha peza de carácter histórico e social; Esquema de farsa (1957) de carácter satírico, denuncia a falsa visión que ofrecen as autoridades franquistas do que era a vida dos emigrados galegos;
Manuel Daniel Varela Buxán
É un dos primeiros animadores do teatro galego na capital arxentina e prolífico autor. O seu teatro caracterízase en xeral por un realismo de vocación crítica e pola súa estrutura sinxela, de ambiente case sempre rural, desenvolve un conflito amoroso (cómico-sentimental) que combina con outro de tipo social. Entre as máis de 30 obras escritas destacan O ferreiro de Santán, Taberna sen dono.