Desenvolvemento Cognitivo na Infancia: Piaget, TEA e Procesos Mentais Esenciais
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 15,28 KB
Desenvolvemento Cognitivo no Estadio Sensoriomotor (0-24 meses)
Tomamos como referencia a teoría de Piaget e lembramos que a adquisición do coñecemento baséase nas accións que o neno/a realiza sobre si mesmo e sobre o medio.
Subestadio 1 (0-1 mes): Exercicio dos Reflexos Innatos
O bebé irá exercitando os reflexos cos que naceu. Algúns desaparecen e outros consolídanse, construíndo a base da súa adaptación ao medio. A experiencia cos obxectos permítelle recoñecelos e clasificalos.
Subestadio 2 (1-4 meses): Primeiras Adaptacións
Aspectos Sensoriomotores:
- Primeiros esquemas adquiridos a partir dos reflexos: primeiras aprendizaxes sen intencionalidade.
- Reacción circular: repetición dunha acción que o bebé descobre por azar e lle resulta agradable. Centradas no propio corpo.
- Coordinación de esquemas: Presión-succión (coller obxectos e levalos á boca), Presión-visión (coller obxectos que está mirando), Visión-audición (mirar para a fonte dun son). Os esquemas de prensión consolídanse e coordínanse, levan obxectos á súa boca ou man de forma voluntaria.
Permanencia do Obxecto:
- Seguen os movementos ata que desaparecen do seu campo visual.
Imitación:
- Preimitacións da conduta de iguais ou cando un adulto imita unha acción que fixo o bebé.
Subestadio 3 (4-8 meses): Reaccións Circulares Secundarias
Aspectos Sensoriomotores:
- Reaccións circulares secundarias: repetición de resultados que previamente obtiveran pola repetición de esquemas coñecidos aplicados ao mundo exterior.
- Interese polo mundo externo, pero a relación causa-efecto aínda non é adquirida.
- A coordinación ollo-man favorece o seu interese polo ambiente e a súa exploración.
Permanencia do Obxecto:
- Busca un obxecto escondido se ve unha parte do mesmo.
- Se o obxecto desaparece completamente, realiza unha busca visual, non manual, moi breve.
- Segue unha traxectoria previsible.
Imitación:
- Non imita condutas que non formen parte do seu repertorio condutual ou que non pode ver en si mesmo/a.
- Imita condutas que pode percibir en si mesmo/a.
Subestadio 4 (8-12 meses): Coordinación de Esquemas Secundarios e Aplicación a Situacións Novas
Aspectos Sensoriomotores:
- Xeneraliza esquemas adquiridos a multitude de obxectos.
- Conduta intencional: aplica medios para conseguir fins.
- Recoñece indicios ou sinais: pode anticipar eventos cun predominio de tempo e causalidade.
Permanencia do Obxecto:
- Busca obxectos completamente ocultos se viu como se escondían.
- Limitación: sempre busca o obxecto no primeiro lugar no que o atopou anteriormente, aínda que vira que o esconderan noutro lugar.
Imitación:
- Imita algunhas condutas que non pode percibir en si mesmo/a.
Subestadio 5 (12-18 meses): Reaccións Circulares Terciarias e Descubrimento de Medios Novos por Experimentación Activa
Aspectos Sensoriomotores:
- Ensaia activamente novas actividades variando a súa acción para "ver que pasa".
- Reaccións circulares terciarias: modifica accións xa coñecidas para observar o que sucede.
- Usa medios novos para alcanzar metas:
- A conduta do bastón: axúdase dun pau para deslizar os obxectos á súa zona de alcance.
- A conduta da corda: alcanza obxectos tirando da corda que está suxeita a eles.
- A conduta do soporte: alcanza obxectos tirando da base que os sustenta.
Permanencia do Obxecto:
- Busca obxectos no último lugar en que viu escondelos.
- Domina os desprazamentos visibles pero non os desprazamentos invisibles.
- Permanencia de persoas totalmente formada.
Imitación:
- Empeza a imitar condutas un pouco diferentes ao seu repertorio condutual.
- Necesita ter o modelo presente para poder imitar.
Subestadio 6 (18-24 meses): Invención de Medios Novos por Combinación Mental
Aspectos Sensoriomotores:
- A partir dos 18 meses, pode representar mentalmente obxectos e accións antes de realizalas.
- Non necesita experimentar con ensaio-erro, agora é capaz de ensaiar medios por representación mental.
- Primeiro pensa, despois actúa.
Permanencia do Obxecto:
- Busca activamente: concibe que os obxectos poidan estar en lugares onde non os viu esconderse, e, por tanto, búscaos aínda que non vira onde se esconderan.
- Permanencia dos obxectos totalmente formada.
Imitación:
- Imita de forma diferida.
- Aparece o xogo simbólico.
Desenvolvemento Cognitivo no Estadio Preoperacional (2-7 anos)
Aparece a capacidade de representar e interpretar o mundo de maneira simbólica. Aumenta o uso das representacións internas da realidade, con limitacións. Pásase da intelixencia práctica á representativa. A importancia do desenvolvemento da linguaxe adquire dúas funcións:
- Informativa: comunicación cos demais.
- Control: das propias accións e das demais.
Características do Pensamento Preoperacional:
- A función simbólica: Consiste na capacidade de representar o real por medio dunha serie de significantes que son diferentes aos obxectos, accións ou persoas representados. Acádase plenamente nesta etapa e móstrase nas seguintes manifestacións:
- Xogo simbólico: utiliza obxectos coma se fosen outra cousa dunha maneira intencional.
- Imitación diferida: Imita modelos que non están presentes; a realización desta acción supón a interiorización do modelo que se quere imitar.
- Imaxe mental: representacións internas da realidade que non sempre teñen unha correlación coa realidade.
- Debuxo: representacións da realidade, non son copias, relaciónanse coas imaxes mentais, comezan a representar cousas ou escenas das que teñen un coñecemento activo.
- Linguaxe: máximo nivel de representación simbólica, xa que os significantes non teñen relación ningunha cos significados.
- Egocentrismo: É a indiferenza entre o punto de vista propio e o das demais persoas. A crianza é incapaz de poñerse no punto de vista doutra persoa, tomando o propio como o único posible.
- Centraxe: Só son capaces de centrarse nun único aspecto da realidade.
- Irreversibilidade: Non comprenden nin manexan feitos ou operacións inversas. Cren que as accións non poden volver ao seu punto de partida.
- Estatismo: Consideran a realidade como estática. Son incapaces de comprender as transformacións dun estado ao outro, polo que quedan fixos no estado presente.
- Xustaposición: Incapacidade para relacionar ou ordenar de maneira lóxica os elementos que forman un todo. As relacións que establecen poden ser incoherentes ou sen lóxica.
Representación do Mundo:
- Realismo: Indiferenciación entre o mundo psíquico e o físico e entre as experiencias subxectivas e os feitos obxectivos cos que se relacionan; atribúen existencia real e externa ao mundo subxectivo interno, cren que os pensamentos, sentimentos, medos ou soños, se poden tocar coma se fosen obxectos físicos.
- Animismo: Atribuír vida e conciencia aos inanimados.
- Artificialismo: Cren que todo o que existe foi construído polo ser humano.
- Fenomenismo: Tendencia a establecer relacións causais entre fenómenos que as crianzas perciben como próximos entre si, convertendo a casualidade en causalidade.
- Finalismo: Consideran que as cousas están feitas para as persoas ou que todo está feito para algo.
Subestadios da Etapa Preoperacional:
Subestadio do Pensamento Simbólico e Preconceptual (2 a 4 anos):
O pensamento das crianzas está baseado en preconceptos. Os preconceptos son conceptos primitivos derivados das semellanzas ou analoxías entre os obxectos. Os preconceptos fórmanse por razoamento transdutivo; as crianzas razoan casos particulares sen ter en conta propiedades xerais.
Subestadio do Pensamento Intuitivo (4 a 6/7 anos):
Supérase progresivamente o egocentrismo e a acción xa non está tan centrada no "aquí e agora", o que permitirá unha certa coordinación entre as relacións que establecen os obxectos. Hai unha conceptualización crecente, pero aínda das percepcións. Este estadio caracterízase pola presenza de intuicións que non posúen todas as características do pensamento lóxico. O pensamento preoperacional non é estritamente lóxico. Posúe unha lóxica parcial ou semilóxica: a crianza adquire certo sentido das constancias de carácter cualitativo do seu contorno.
Adquisición das Invariantes Cognitivas:
- Identidades: cuxa comprensión permite saber que os obxectos e persoas teñen propiedades permanentes que non cambian.
- Funcións: cuxa comprensión permite entender a relación existente entre dous feitos cando o valor dun depende e varía en función do valor do outro.
Relación entre Desenvolvemento Sensoriomotor e Cognitivo na Infancia
Ata os 6 anos, as crianzas están plenamente entregadas ao seu contorno físico. Durante o período sensoriomotor, a intelixencia é totalmente práctica: as crianzas dedícanse a resolver problemas mediante a acción, polo que calquera intervención educativa que se queira realizar sobre o desenvolvemento cognitivo haberá de contar con propostas prácticas, desde o desenvolvemento motriz da crianza, xa que ambos, cognitivo e motor, son paralelos. A partir do acceso á simbolización, a intelixencia comeza a ser representativa; valerase tamén da manipulación e acción directa para seguir evolucionando.
Trastorno do Espectro Autista (TEA)
Causas do TEA:
- Catro veces máis frecuente en nenos que en nenas.
- A comunidade científica aínda non ten unha resposta clara, pero apóstase polas de tipo xenético, metabólico.
- A identificación do TEA é un proceso longo e complexo; non existe un tratamento médico.
Características do TEA:
- Alteracións na interacción social: problemas para expresar emocións e comprendelas, establecer empatía cos demais.
- Comunicación e linguaxe: limitacións nas conversas, interpretación literal e problema para acadar o uso da linguaxe oral.
- Rixidez mental: necesidade de rutinas e interese parcial polos obxectos.
Que Causa Esas Alteracións?
- Estudos con familias: aumento significativo do risco en familias nas que teñen un fillo con ese trastorno.
- Estudo con xemelgos: aumento da incidencia no caso de monocigóticos.
Criterios para o Diagnóstico do Autismo:
- Déficits persistentes na interacción e comunicación social en múltiples contextos.
- Patróns de conduta, intereses e actividades ou accións.
- Hiper ou hiporreactividade a estímulos sensoriais.
Niveis de Severidade do Trastorno do TEA:
- Grao 3: mínima comunicación social, marcada interferencia na vida diaria.
- Grao 2: déficit con limitada iniciación ou respostas reducidas, interferencia frecuente relacionada coa inflexibilidade e dificultades de cambio de foco.
- Grao 1: sen apoio, aínda que presenta alteracións significativas na comunicación social, interferencia significativa.
Síndrome de Asperger
Caracterízase por presentar maiores habilidades cognitivas e por un nivel da linguaxe máis aproximado ao común. A maioría non puntúan significativamente, é complicado de diagnosticar. O déficit atópase no campo das habilidades sociais e o comportamento.
Características:
- Incapacidade para relacionarse con iguais.
- Falta de reciprocidade emocional.
- Inflexibilidade mental.
- Problemas de fala e linguaxe, atraso na súa adquisición.
- Dificultade para interpretar dobres sentidos.
- Alteracións da expresión emocional e motora.
- Capacidade de intelixencia interpersoal.
Intervención Educativa nos Trastornos do Espectro Autista:
- Priorizar os aspectos comunicativos da linguaxe.
- Priorizar a mellora da relación social e co contorno.
- Priorizar o desenvolvemento dos hábitos de alimentación.
- Planificar con antelación.
- Estruturar o ambiente.
- Planificar as axudas que precisa cada crianza.
- Contemplar a posibilidade de aplicar técnicas.
- Establecer rutinas.
Intervención Educativa na Discapacidade Intelectual
- Informar a familia.
- Solicitar a intervención do departamento de orientación.
- Elaboración do informe do departamento de orientación.
- Establecer as orientacións necesarias para que as crianzas poidan seguir o currículo.
- Centrarse nas potencialidades e posibilidades das crianzas, nunca nas súas limitacións.
Procesos Cognitivos Básicos
A Atención:
É un proceso cognitivo que permite seleccionar a información e procesar só algúns datos entre as múltiples estimulacións sensoriais. Está moi relacionada coa percepción:
- Externos: relacionados coas características dos estímulos.
- Internos: podemos distinguir:
- Fisiolóxicos: fan referencia a necesidades biolóxicas primarias. Inflúen de tal modo que, se non se teñen cubertas ou satisfeitas, non se pode prestar atención.
- Psicolóxicos: nivel de desenvolvemento e madurez da persoa. Canto máis pequena sexa a crianza, menos poderá manter a atención.
Tipos de Atención:
- Involuntaria: captada polos estímulos.
- Voluntaria: proceso voluntario e esforzo cognitivo.
A Memoria:
- Adquisición: rexistro da información no medio onde interveñen factores perceptivos e de atención.
- Almacenamento ou retención: ocúpase da forma en que se organiza ou codifica a información para poder ser almacenada.
- Recuperación: procesos de acceso ou utilización da información almacenada.
Formas de Recuperación da Memoria:
- Recoñecemento: de estímulos percibidos e almacenados na memoria; aparece nos primeiros meses de vida.
- Evocación: esixe unha capacidade de representación mental para poder memorizar e recuperar esa información; aparece nos nenos a partir dos 2 anos.