Descrición e Clasificación de Nubes, Precipitacións e Masas de Aire

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,56 KB

A Nubosidade e os Tipos de Nubes

Relacionada coa humidade está a nubosidade. As nubes son o resultado da condensación do vapor suspendido na atmosfera. Pola súa forma e altitude distínguense tres tipos básicos, aínda que as súas formas son moi variadas:

  • Cirros (Ci)

    Os cirros (*Ci*) son nubes altas (+ 6000 m), e teñen forma de finas guedellas de lá. Están compostas de xeo en suspensión e adoitan anunciar a chegada de frontes cálidas. Cando cubren grandes áreas denomínanse *cirrostratos*, e cando adoptan formas redondeadas, *cirrocúmulos* (coñecidos como ceos ovellados, aborregados, empedrados ou lastrados).

  • Estratos (St)

    Os estratos (*St*) son nubes aplanadas e horizontais, situadas xeralmente en altitudes baixas, por debaixo dos 2000 m. Están compostas de auga, e poden dar lugar a chuvia miúda (*orballo* ou *poalla*), ou non precipitar. Cando os estratos se sitúan en altitudes medias (ata os 6000 m) denomínanse *altoestratos* (*As*). Cando dan lugar a precipitacións, denomínanse *nimboestratos* (*Ns*).

  • Cúmulos (Cu)

    Os cúmulos (*Cu*) son nubes de forma algodonosa, de perfil ben definido, e de desenvolvemento vertical. Fórmanse en altitudes medias ou baixas, e están compostas de auga ou xeo. Fórmanse co tempo anticiclónico. Os cúmulos altos (entre os 2000 e 6000 m) denomínanse *altocúmulos* (*Ac*), e os que traen chuvia, *cumulonimbos* (*Cb*). Estes teñen gran desenvolvemento vertical (varios miles de metros), e adoitan asociarse ao paso de frontes frías, ou a chuvias de convección (tormentas), copiosas pero breves.

Fenómenos de Baixa Altitude

A néboa é unha nube a nivel do chan. Cando a néboa é pouco densa, permitindo ver alén dos 1000 metros, denomínase brétema. Cando a falta de visibilidade se debe á presenza de partículas sólidas en suspensión (poeira, polución...), denomínase calixe.

4.4. Precipitacións

A precipitación é a caída de auga desde a atmosfera. Pode ser en forma líquida (**chuvia**), ou sólida (**saraiba**, **neve**). Mídese cun pluviómetro en litros por metro cadrado (l/m²) ou o que é o mesmo, en milímetros (mm).

As precipitacións poden ter diferentes causas:

  • Precipitacións Orográficas

    Debidas ao ascenso de aire quente e húmido pola ladeira dunha montaña, o que provoca o seu arrefriamento, a condensación do vapor e a chuvia, xeralmente na ladeira de barlovento, mentres que nas de sotavento, o aire será seco (o *efecto Foehn*). (Lema popular: "néboa na serra, chuvia na terra").

  • Precipitacións Convectivas

    Debidas ao ascenso de aire debido ao quecemento intenso da superficie terrestre, ata que a humidade se condensa e cae, xeralmente en forma de treboadas.

  • Precipitacións Frontais

    As que proceden da nubosidade asociada ás frontes cálidas ou frías, e que adoitan ser as máis frecuentes.

As precipitacións pódense cartografar, unindo os puntos de igual precipitación, mediante as liñas **isohietas**.

4.5. Masas de Aire e Frontes

Unha **masa de aire** é unha rexión da atmosfera que, por permanecer durante un período longo de tempo nun lugar, acada unhas condicións homoxéneas de temperatura e humidade, que tenden a manterse cando a masa se despraza. As masas de aire orixínanse nos anticiclóns, e a súa situación determinará as súas características.

Entradas relacionadas: