Desafíos Demográficos e Enerxéticos en Galicia: Impacto da Migración e a Eólica
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 17,72 KB
Evolución Demográfica en Galicia: Transición e Envellecemento
Aplicamos a teoría de Malthus que relaciona a evolución da poboación coa da economía. Galicia experimentou unha profunda transformación demográfica nos últimos séculos.
Modelos Demográficos Históricos
- Século XVIII: Réxime Demográfico Antigo. Caracterizado por alta natalidade e alta mortalidade (debido a crises sanitarias e catástrofes naturais), resultando nun baixo crecemento e desenvolvemento.
- Século XIX: Réxime Demográfico Moderno. Caracterizado por baixa natalidade e baixa mortalidade, o que conduce ao envellecemento da poboación e, eventualmente, a un crecemento vexetativo negativo.
A Transición Demográfica Galega
Galicia destacou historicamente por ser unha das rexións cunha maior densidade de poboación. A transición estivo influída por dous elementos clave: o ciclo normal de desenvolvemento da poboación e os movementos migratorios, impulsados principalmente pola busca de traballo no rural.
Etapas da Evolución Demográfica no Século XX
- 1900-1935: Evolución Contraditoria. Ata 1920, reduciuse a natalidade, pero posteriormente recuperouse.
- 1935-1960: Fase Demográfica Caótica. Confluencia da Guerra Civil, a Segunda Guerra Mundial e a posguerra. Houbo un descenso da natalidade e un aumento da mortalidade debido á guerra. Ademais, esta época carece de datos estatísticos fiables.
- 1960-Actualidade: Avance Acelerado. Comeza o avance acelerado cara ao réxime demográfico moderno. Redúcese a natalidade e a mortalidade grazas aos avances médicos e hixiénicos (como o alcantarillado e a auga potable).
Impacto dos Movementos Migratorios
A emigración tivo un impacto forte no réxime moderno, comparable á mortalidade catastrófica no réxime antigo. Houbo un dobre desgaste:
- Unha relación negativa entre a capacidade de creación de excedente real e potencial e o uso que se lle daba ao mesmo.
- Presión demográfica e impacto na estrutura produtiva.
Os Catro Rasgos da Emigración (Segundo Beiras)
- Desaxuste entre poboación e recursos.
- Marcou o cambio ao réxime moderno.
- Marcou o desprazamento da forza de traballo.
- Permitiu a mestura de culturas.
O impacto da emigración foi complexo: emigrou xente produtiva e capital invisible, e retornou xente improdutiva e inactiva sen cabida no proceso produtivo.
Características Demográficas de Galicia
Galicia presenta un perfil demográfico específico:
- Poboación envellecida.
- Tendencia ao retroceso poboacional.
- Dispersión da poboación (concentrada en sete cidades).
- Proceso de urbanización tardío e débil.
- Presenta desequilibrio demográfico e predominio do sexo feminino, aínda que con tendencia a equipararse co masculino en cantidade.
Nos últimos 50 anos, o cambio demográfico caracterizouse polo freo ao crecemento, o envellecemento e a modificación na estrutura de idades.
Causas do Cambio Demográfico
- Redución da taxa de natalidade: Debido á incorporación da muller ao mercado laboral e a problemas culturais e sociais.
- Aumento da esperanza de vida: Grazas aos avances médicos, tecnolóxicos e nutricionais.
- Impacto dos fluxos migratorios: Antes da crise, a inmigración era necesaria para cubrir postos de traballo non desexados. Os movementos migratorios axústanse ao estado da economía.
Dentro das provincias, Lugo e Ourense teñen unha poboación máis lonxeva. En conxunto, non se garante a substitución xeracional. Destaca a importancia das cidades dormitorio, como Oleiros, Cambre e Arteixo na Coruña, ou Ames, Teo e Oroso en Santiago. Tamén cidades como Boiro e Ordes articularon o desenvolvemento demográfico e económico da costa ao interior. Hai unha maior densidade demográfica nas zonas suburbanas, o que pon de manifesto a gran descoordinación na planificación demográfica.
Consecuencias do Envellecemento Poboacional
1. No Mercado de Traballo
- Cambios na idade dos grupos de poboación activa.
- Aumenta o número de persoas de 45 a 65 anos, en fase de baixa produtividade.
- Redúcese o fluxo migratorio.
Isto ten como consecuencia unha contracción da poboación activa e un aumento da carga da dependencia (menos mozos soportan máis xubilados).
2. Prestacións Sociais
O sistema de pensións é de caixa única (todos contribúen para todos, non é individual). Este sistema é moi sensible á evolución da poboación. A única maneira de garantir as pensións é impoñer medidas restritivas (como o aumento da idade de xubilación). Existen grandes desequilibrios no sistema de dotación de pensións.
As pensións contributivas son as máis importantes en número de perceptores e en contía. Dentro delas, destacan as de viuvez (percibidas sobre todo por mulleres) e as de xubilación, e o número de persoas que as cobran segue en aumento, non así as de desemprego.
3. Gasto Sanitario e Atención á Dependencia
Non hai unanimidade ao afirmar que o gasto sanitario está directamente relacionado co envellecemento, xa que tamén depende do avance tecnolóxico da rexión (máis médicos, hospitais), da disposición de tecnoloxía sanitaria (pioneira pero cara) e, sobre todo, do aumento das coberturas pola sanidade pública.
O gasto sanitario está formado por (en orde de prezo, máis caro arriba):
- Gasto farmacéutico (reducido nun 40% coa receita electrónica).
- Gasto de atención primaria.
- Gasto hospitalario.
Ademais, o gasto sanitario aumenta máis nos tres anos anteriores á morte. A vinculación entre envellecemento e gasto sanitario é unha conxectura, pero si se pode relacionar cando estamos no limiar da idade da esperanza de vida (porque a esta idade algunhas patoloxías se volven crónicas).
4. Gasto en Educación
Dependerá da evolución das políticas públicas, da implantación do modelo europeo de aprendizaxe e da evolución da poboación.
Modelos Teóricos de Envellecemento
A preocupación polo envellecemento xorde agora, pero levamos 124 anos envellecendo. Egeric e Tabutin expoñen os modelos teóricos de envellecemento. O modelo galego non se corresponde co noroccidental nin co de España, aínda que tende a parecerse. O noso destaca por:
- Descenso continuado da mortalidade ordinaria propia da vida.
- Descenso da mortalidade catastrófica, salvo en períodos de guerra.
- Descenso continuado da mortalidade infantil.
- Descenso da fecundidade.
- Factor económico da emigración que tamén marca o descenso da poboación.
Estes 124 anos divídense en dúas grandes etapas:
- Ata 1960: O que máis impactou foi o descenso da mortalidade, sendo ao mesmo tempo unha elevada taxa de natalidade, pero sen provocar unha explosión demográfica porque había moita emigración.
- A partir dos anos 80: Redúcese a taxa de natalidade, tan baixa ou máis que a mortalidade que estaba en mínimos. O crecemento vexetativo (natural) era negativo, morre máis xente da que nace.
Desde os anos 80, Galicia ten un modelo demográfico que se corresponde coas sociedades de gran desenvolvemento económico, aínda que isto non se dea en Galicia. Isto é debido á alta esperanza de vida, baixa mortalidade infantil, natural e catastrófica, baixa fecundidade e crecemento negativo. A estes factores súmaselle a existencia de novas estruturas familiares (monoparentais, de unha persoa soa) e a incorporación da muller ao traballo, o que deriva na Segunda Revolución Demográfica.
Aquelas familias onde conviven varias xeracións sobreviven polo impacto das pensións contributivas, debido ao desequilibrio da repartición da renda en Galicia. No ano 2010, o 22,3% da poboación era maior de 65 anos. Ademais, desde 1900, este colectivo aumentou cinco veces máis o seu volume, e o resto da poboación apenas 1,5 veces.
Neste grupo de idade destacan os maiores de 80 (maior esperanza de vida), con novas patoloxías (máis servizos especializados, máis gasto sanitario, máis medicamentos) e, dentro deste rango de idade, hai máis mulleres (feminización do envellecemento).
Por municipios, en 2010 só había un que non cumpría este patrón (que a maioría non fosen >65 anos): Ames. Isto é debido a que é unha das tres cidades dormitorio de Santiago, o que fai que se concentre un maior número de poboación activa, producindo o «refresco» da idade.
O Eixe Atlántico (A Coruña-Vigo) delimita a riqueza económica e demográfica, e o dinamismo en canto á idade, porque a poboación máis nova se concentra nestas áreas onde hai dinamismo económico. No século XXI, Galicia segue aumentando os puntos negativos deste modelo demográfico porque non hai vitalidade demográfica (crecemento vexetativo negativo crónico, xa que non repuntamos a fecundidade nin a natalidade, debido á falta de políticas de conciliación e incentivo). A isto únese o envellecemento da poboación, crónico e irreversible. Seguirá aumentando a poboación no Eixe Atlántico, mentres que Lugo e Ourense seguirán envellecendo e diminuíndo a súa poboación (despoboamento).
Enerxía en Galicia: Dependencia e Potencial Eólico
Os últimos 200 anos marcan a vixencia dun modelo enerxético industrial capitalista que impulsou unha elevación sen precedentes da demanda enerxética mundial. Galicia, do mesmo xeito que España, ten unha alta dependencia enerxética, maiormente de tipo fósil. Destaca o petróleo, destinado á industria e ao transporte. Ademais, tamén importamos carbón (case inexistente en Galicia e importado de Chile e Irán) e gas natural.
Practicamente o 80% da enerxía impórtase en Galicia, o que deriva en:
- Estrangulamento das subministracións.
- Forte inestabilidade en canto ao resultado económico pola nosa dependencia total e absoluta.
Sempre predomina a importación de enerxía primaria e fósil, pero co impacto da crise reducíronse as mesmas (moitas industrias están mal ou xa non o necesitan). A pesar disto, as necesidades aumentan exponencialmente e o descubrimento de novos xacementos non segue o mesmo ritmo, mentres que os problemas ambientais derivados acadaron unha dimensión planetaria.
Esta necesidade de dispoñer de máis enerxía e os efectos ambientais levaron ao «redescubrimento» das enerxías renovables, que abasteceron a demanda da humanidade durante case toda a súa historia. Así, Galicia foi durante décadas un centro fornecedor de enerxía eléctrica co potencial hidroeléctrico, as centrais termoeléctricas e a expansión da enerxía eólica.
O Desenvolvemento da Enerxía Eólica
Polo que respecta á enerxía do vento, hai que salientar o seu rápido crecemento. A evolución foi posible grazas a factores diversos:
- Réxime de ventos derivado dunhas condicións orográficas e climáticas favorables.
- Un proceso de desenvolvemento tecnolóxico.
- Políticas públicas favorables.
- Un esquema retributivo xeneroso para a iniciativa privada.
Lexislación e Regulación Eólica
Non existe en España unha lexislación única que regule o desenvolvemento das renovables nin do sector eólico. A Lei 54/1997 do Sector Eléctrico recolle a normativa sobre a produción de enerxía eléctrica en réxime especial, pero non contempla un modelo integral. Tampouco outras disposicións:
- Inexistencia de regulación propia e aplicación da Lei de Expropiación Forzosa se non houbese acordo entre as partes (Andalucía, Estremadura).
- Tímidos movementos vangardistas en Cataluña, semellantes ao modelo danés.
- Sucesión de normativa sen completar (ex. Galicia).
Existen 50 normas para o sector eléctrico, pero non hai unha xeral enerxética. En Galicia, tres decretos e unha lei regulan o sector enerxético. En 1991, Endesa comeza coas renovables en Galicia, empezando coa eólica e continuando co resto. A medida que se publicaba unha lei sobre a eólica, engadíase unha coletilla para o resto de enerxías renovables.
Fases Reguladoras en Galicia
1. Fase Inicial (Decreto 205/1995)
Foi o primeiro en saír, coas directrices marcadas por España, apoiándose no Plan Enerxético Nacional 1995-2000 para aumentar a produción de enerxía eólica, implantar parques para reducir o consumo de enerxía eléctrica obtida por outras fontes, protexer o medio ambiente e regular o primeiro Plan Eólico Estratéxico. Este plan dividiu Galicia por zonas e empresas promotoras para explotar o sector eólico galego. Maiormente situouse de 1995 a 2001 na Coruña e anos despois en Lugo.
2. Fase de Consolidación (Decreto 302/2001)
Viuse que o decreto anterior era insuficiente e creouse un dos máis completos. Con el tratouse de planificar anualmente a potencia a desenvolver, que os plans eólicos empresariais se aprobarían en convocatorias especiais para eles, e a creación da figura «Parque Eólico Singular» (para certas industrias, zonas ou persoas, ex: o de Amancio Ortega para ser autosuficiente, reforzado coa planta de trixeración e placas fotovoltaicas). Durou ata 2007. Foi unha das fases máis importantes da consolidación das enerxías renovables. Isto foi pola compatibilidade dos aproveitamentos eólicos cos espazos naturais protexidos da Rede Natura. Como resultado, a Serra do Xistral está inundada de eólicos. De feito, o 40% da potencia eólica galega está situada en zonas protexidas. A maior parte nesta época situouse na zona de Lugo.
3. Fase de Cambio (Decreto 242/2007 e Lei 8/2009)
Coa chegada do goberno bipartito, creouse o Decreto 242/2007. Con el desaparecía a figura dos parques singulares, abríase a posibilidade de propostas de compromisos adicionais por participación de investimento público, instrumentos de canalización dos aforros dos particulares, implicando aos propietarios dos terreos onde se asenten os eólicos. Foi unha fase de cambio, pero viñan máis cousas das que se cumpriron. Só se apostaba polos parques eólicos industriais.
A Lei 8/2009 pretendía facilitar a participación pública e cidadá, creouse o canon eólico, e priman as actividades de repotenciamento, considerándoa unha acción que minimiza o impacto visual. O primeiro concurso eólico xa deu conta das ambigüidades da lei.
Propiedade e Emprego no Sector Eólico
Nesta época, hai unha presenza de empresas matrices de orixe foránea (Iberdrola, Isolux Wat), holdings internacionais e da banca española como accionistas principais dos grandes grupos enerxéticos, considerados os donos do vento galego. Con capital galego, ENGASA ou NORVENTO uníanse para poder participar nos concursos eólicos.
En canto ao emprego creado, hai dúbidas sobre a contía. Existe unha sobrevaloración por parte das patronais empresariais. A pesar diso, o emprego directo creado no sector eólico en Galicia sitúase en torno a un terzo ou un cuarto dos empregos brutos creados. As actividades de operación e mantemento son as que rexistran unha maior perdurabilidade no tempo, sendo as de construción e instalación as máis inestables.
Os beneficios económicos da explotación do sector eólico en Galicia revirten fóra, xa que a maioría da potencia está en mans de grandes grupos enerxéticos españois. Por outra banda, existe un gran baleiro legal en materia ambiental, o que provoca unha falta de transparencia e seguridade.
Infraestruturas e Transición Enerxética
En conclusión, no caso de Galicia, o modelo enerxético respondeu ás necesidades produtivas. Esta produción ten dous trazos:
- Proceso de substitución: No século XIX centrouse no carbón e no século XX no petróleo e derivados.
- Matices psicolóxicos: De usar o propio a importar no caso do carbón e o petróleo, en loita co gas natural.
Infraestruturas Enerxéticas de Galicia
- 2 centrais térmicas (As Pontes e Meirama).
- 1 refinería.
- 36 encoros.
- 110 minihidráulicas.
- 136 parques eólicos.
- 7 centrais de biomasa.
- 1 produtora de etanol.
- 1 factoría de almacenaxe de gas.
Esta evolución dun sistema enerxético fósil a un fósil-químico-renovable foi impulsada pola redución de custos, a redución da dependencia e a premisa do impacto ambiental (reducir o impacto pola extracción, conversión e transporte de enerxía en zonas de Rede Natura e o impacto do Prestige).
Así, o INEGA e o IDAE dirixen as actuacións para empresas e particulares. As actuacións particulares enerxéticas céntranse na substitución de luminarias, fiestras, sistemas de calefacción ou cambios a coches híbridos. Por parte das empresas, inclúen deseños de plans colectivos de transporte, mellora de naves industriais e sistemas de certificación (EMAS, ISOs).
O Desastre do Prestige: Leccións Pendentes
O desastre do Prestige puxo de manifesto graves deficiencias na xestión de crises e na dependencia de recursos externos:
- Falta de decisión e liderado.
- Falta de organización.
- Xestión inadecuada dos residuos (buzos, gafas e o fuel recollido).
- Falta de leis específicas.
- Falta de medidas de seguridade e salubridade.
- Entrada de marisco foráneo vendido como galego.
Ademais, o suceso non fixo darnos conta da gran dependencia que temos destes recursos e no que desemboca a súa xestión deficiente.