O Desafío Sociolingüístico do Galego e as Súas Voces Literarias Contemporáneas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,67 KB
O Desafío Sociolingüístico do Galego: Contexto e Debilitamento
Esta nova recolle un feito histórico: por primeira vez o castelán sitúase como lingua máis usada en Galicia, segundo o censo de 2022. Isto reflicte o debilitamento do galego no contexto sociolingüístico actual, malia os esforzos realizados desde 1978 para a súa recuperación. Coa Constitución e o Estatuto de Autonomía recoñeceuse o galego como lingua propia de Galicia e oficial xunto co castelán, o que permitiu o desenvolvemento dun marco legal para a súa protección.
Desde aquela, puxéronse en marcha políticas de normalización lingüística centradas en ámbitos clave como o ensino, a administración ou os medios de comunicación. Porén, a súa aplicación non foi suficiente para asegurar a transmisión xeracional do galego, especialmente no contexto urbano. A presión social do castelán, o prestixio asociado a esta lingua e a falta dunha implicación decidida das institucións contribuíron á perda de falantes.
A situación actual evidencia que a normalización non se consolidou plenamente. A convivencia entre ambas as linguas non garante a vitalidade do galego se este non é usado como lingua habitual. Sen medidas máis firmes e compromiso social, o galego corre o risco de seguir perdendo espazo na sociedade galega.
A Normalización Lingüística: Obxectivos e Desenvolvemento
A normalización lingüística é o proceso mediante o cal se busca que o galego poida usarse con normalidade en todos os ámbitos da vida. O obxectivo é superar a situación de diglosia herdada do franquismo, na que o castelán ocupaba os espazos públicos e o galego quedaba reducido ao ámbito familiar ou rural.
Os ámbitos clave da normalización inclúen:
- Administración
- Educación
- Medios de comunicación
- Cultura
- Economía
Este proceso arranca coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, que recoñece o galego como lingua propia e cooficial. A partir de aí, desenvolvéronse diversas leis e plans, como a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que estableceu o marco legal para introducir o galego no ensino, na administración e na vida institucional.
Porén, a normalización non se limitou ao ámbito legal. Tamén se impulsaron campañas sociais, medios en galego, produtos culturais e iniciativas cidadás que buscan aumentar o uso real da lingua. Malia os avances, a situación continúa a ser preocupante: o galego non sempre se transmite ás novas xeracións, e a súa presenza en certos ámbitos segue a ser moi reducida.
A normalización é, por tanto, un proceso aínda en marcha, que require vontade política, apoio institucional e compromiso social.
A Normativización do Galego: Creación da Variante Estándar
A normativización do galego é o proceso polo cal se elaborou unha variante estándar da lingua, é dicir, un modelo común que puidese empregarse en todos os ámbitos públicos e formais, como o ensino, a administración ou os medios de comunicación. Esta variedade non substitúe os dialectos nin as formas orais, senón que funciona como modelo de referencia común.
Durante séculos, o galego careceu dun estándar escrito debido á súa marxinación social e política. Non foi ata o século XX, e especialmente coa creación do Instituto da Lingua Galega (ILG) e da Real Academia Galega (RAG), que se iniciou un traballo serio de codificación da lingua.
Un fito clave foi a publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego en 1982, que serviron para unificar criterios gramaticais e ortográficos. A norma optou por un modelo de consenso, evitando formas dialectais moi locais ou arcaicas, e buscando un equilibrio entre tradición e funcionalidade.
A existencia dunha variante estándar é fundamental para a normalización da lingua. Sen ela, o galego non podería desempeñar funcións plenas na vida pública nin no sistema educativo, nin se garantiría a súa aprendizaxe nin transmisión efectiva.
Panorama da Literatura Galega Contemporánea
A Poesía da Xeración dos 90: Lupe Gómez
Este poema pertence á obra Pornografía de Lupe Gómez. Esta autora representa a Xeración dos 90, determinada por factores como:
- A aparición de premios literarios (como Espiral Maior).
- Festivais e recitais poéticos (como Rosalía ou Batallón Literario da Costa da Morte).
- A poesía feminina con discurso feminista.
Insírese na tendencia feminista, onde a muller poeta cuestiona o discurso e as imaxes poéticas impostas polos canons patriarcais, subvertendo o canon estético feminino e desconstruíndo o sistema literario tradicional. Así xorde unha nova literatura con perspectiva de xénero.
Nesta peza represéntase o corpo de forma directa e subvértese o canon da muller. O poema fala do amor, mais sen final feliz. A metáfora “rompeu a cabeza” indica unha ruptura dos esquemas, tamén estilísticos, da muller “boa” e “bonita”.
Por conseguinte, apréciase o tratamento dun tema eterno (o amor) desde o eu lírico, cunha linguaxe directa e coloquial. Outro trazo característico desta xeración presente no poema é o “intimismo da experiencia”.
Outras Referencias Literarias (Narrativa e Teatro)
Na narrativa, máis exactamente na narrativa memorialista da década dos oitenta e noventa, destaca Os mortos daquel verán de Carlos Casares. En cambio, no teatro, nas autorías do novo século, atopamos a Paula Carballeira con As alumnas.
A Poesía da Xeración dos 80: Claudio Rodríguez Fer
Este poema pertence á obra Cebra de Claudio Rodríguez Fer. Representa a Xeración dos 80, que se dá a coñecer a través de recitais poéticos, premios literarios, encontros poéticos, colectivos e antoloxías de poesía.
A obra presenta trazos característicos desta xeración, como a apertura a novos temas (erotismo, amor, morte) e o experimentalismo coa busca de novas fórmulas rítmicas e retóricas.
Por un lado, este poema ten unha particularidade: o uso do naturalismo lingüístico. Adopta como modelo a lingua oral, con predominio da súa variedade dialectal, incluído o uso de voces vulgares e coloquiais. Vese sobre todo no uso do léxico sexual durante todo o poema (caballopas, langhostas) ou no uso do seseo explosivo (penes, selestes).
Desta maneira, Claudio Rodríguez Fer plasma a transgresión poética do erotismo, da exaltación do amor físico e dunha sensualidade animal, facendo deste o seu leitmotiv.
Outras Referencias Literarias (Narrativa e Teatro)
Na narrativa, máis exactamente na narrativa memorialista da década dos oitenta e noventa, destaca Os mortos daquel verán de Carlos Casares. En cambio, no teatro, nas autorías do novo século, atopamos a Paula Carballeira con As alumnas.
A Poesía do Século XXI: Marta Dacosta
Este poema pertence á obra As amantes de Hamlet de Marta Dacosta. Representa a poesía galega do século XXI, tendo en conta as formas do socialrealismo que comezaba a rexeitarse pola súa falta de rigor estético e subordinación a unha mensaxe social ríxida. Aparece unha nova promoción de autoras con estéticas diversas pero de alta calidade.
En primeiro lugar, este poema presenta trazos definitorios da poesía do novo século:
- A relevancia da escrita feminina e feminista, na que se fala de algo común a todas as mulleres e con nome e corpo na escrita.
- Diversidade de enfoques, experimentación e ruptura formal co rexeitamento dos esquemas tradicionais e a rima, optando polo verso libre.
- O ton claro e directo, afastado dos artificios literarios superfluos.
Nesta nova promoción sobresaen a “poesía da experiencia”, a poesía formalmente rupturista e de desconstrución da linguaxe, e a poesía “lúdico-irreverente”.
As amantes de Hamlet é un poderoso canto contra o herdado patriarcal. Aparece como símbolo de mulleres violentadas, pero tamén libres. Recompila voces femininas que rompen co discurso hexemónico e falan dos sentimentos, das dores e do pracer feminino.
Outras Referencias Literarias (Narrativa e Teatro)
Na narrativa, máis exactamente na narrativa memorialista da década dos oitenta e noventa, destaca Os mortos daquel verán de Carlos Casares. En cambio, no teatro, nas autorías do novo século, atopamos a Paula Carballeira con As alumnas.