Desadaptación de impedancias en amplificadores e altavoces

Enviado por Chuletator online y clasificado en Tecnología Industrial

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,17 KB

Desadaptación de impedancias

Un amplificador actúa coma unha fonte de alimentación de baixa impedancia de saída. Deste xeito, a tensión entregada á saída é independente do valor da carga conectada.

Un amplificador está deseñado para entregar a máxima potencia sobre certa carga. A máxima cantidade de enerxía que entrega o amplificador conséguese cando existe adaptación de impedancia, é dicir, cando a impedancia dos altavoces conectados ao amplificador coincide coa impedancia mínima de carga especificada polo fabricante.

Se a impedancia do conxunto de altavoces conectados é maior, a cantidade de potencia entregada será menor. En todo caso, a impedancia equivalente dos altavoces conectados nunca debe ser inferior á impedancia de carga do amplificador, debido a que podería danarse, xa que entregaría maior potencia da que foi deseñado para soportar.

Os principais problemas da conexión directa de altavoces a un amplificador débense á desadaptación de impedancias provocada porque a carga conectada non coincide coa especificada polo amplificador e pola resistencia que introduce o cableado da instalación, debido ás perdas da liña de distribución.

Tipos de desadaptación de impedancia

  • Desadaptación de impedancia da carga: Cando a carga conectada ao amplificador non se corresponde coa nominal especificada polo fabricante, este non pode entregar a potencia nominal.
  • Desadaptación de impedancia por efecto da resistencia dos condutores: Por mor da baixa impedancia dos altavoces, a influencia da resistencia dos condutores que conectan estes co amplificador pode afectar ao rendemento do sistema.

A resistencia da liña de transmisión depende da lonxitude total da liña e da sección do cable empregado. Canto maior sexa a lonxitude do cable e menor a súa sección, maiores serán as perdas da liña de transmisión. As perdas débense a que parte da potencia entregada polo amplificador pérdese na liña de transmisión, pero tamén debido á desadaptación de impedancias motivada por un aumento da resistencia de carga que ve o amplificador.

Entradas relacionadas: