Deportes de Aventura en Galicia: Guía Completa de Actividades
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Deporte y Educación Física
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,29 KB
As actividades no medio rural, tamén coñecidas como deportes de aventura, son un dos principais reclamos para as persoas que queren vivir novas sensacións. O risco implícito a calquera deporte increméntase coa incerteza do medio natural e dos posibles imprevistos que poidan ocorrer.
Deportes de Aventura: Modalidades e Actividades
Os deportes de aventura pódense clasificar segundo o medio no que se practican:
Na auga
- Rafting ou descenso en bote
- Descenso de barrancos
En terra
- Espeleoloxía
No aire
- Saltos de ponte (puenting)
- Parapente ou á delta
Carreiras de Orientación: Guía Completa
As carreiras de orientación son unha disciplina que combina a actividade física coa navegación.
Obxectivo
Percorrer un itinerario nun tempo menor que o dos rivais. Para iso, hai que utilizar un mapa, un compás e unhas indicacións específicas.
Terreo de xogo
O espazo natural, que pode ser un bosque, unha montaña ou calquera outro ambiente ao aire libre.
Material esencial
- O mapa
- O compás
- A ficha de información
O mapa
É a representación gráfica do terreo. Permítenos coñecer a distancia que separa os camiños e os elementos existentes. Os principais indicadores son a escala e as curvas de nivel. Exprésase con datos como 1:20000, o que significa que 1 cm do mapa son 20000 cm (200 metros) na realidade.
O compás
Instrumento de orientación consistente nunha agulla imantada que xira libremente e que sinala o Norte. Para utilizalo, hai que facer coincidir o Norte que sinala a agulla co Norte do mapa. Despois, hai que xirar o indicador de graos ata facer coincidir os 0º coa agulla.
A ficha de información
Utilízase para atopar os puntos clave unha vez que chegamos ao punto sinalado no mapa.
Regras e Puntuación nas Carreiras de Orientación
Duración
A mínima posible. Trátase de facer o percorrido no menor tempo.
Xogadores
A participación é individual, aínda que nalgúns casos se pode participar por parellas.
Puntuación
O xogador que fai o tempo máis baixo é o gañador.
Faltas
Non podemos pasar por diferentes controis durante o percorrido sen marcalos. Estamos obrigados a marcar a cela correspondente da ficha de control.
A Escalada: Técnicas e Seguridade
A escalada é un deporte baseado na utilización de diferentes técnicas para poder trepar ou descender por montañas ou rocódromos. Nela combínase a técnica coa forza, sendo fundamental estabilizar e equilibrar cada unha das posicións do corpo.
Materiais esenciais
- Corda
- Mosquetóns
- Descensor
- Arnés
- Pés de gato
- Correa plana
- Cintas exprés
- Casco
Trepar
Consiste en progresar polas tomas ou fendas da parede utilizando as tomas de mans e os apoios de pés. As tomas son os relevos da parede que podemos utilizar como punto de apoio. As regras básicas para trepar son:
- Regra dos tres puntos: Cando progresamos co pé ou coa man, sempre debemos manter en contacto coa parede 3 dos 4 puntos de apoio.
- O centro de gravidade do corpo hase de manter sempre que sexa posible, xusto enriba da superficie de apoio.
- Todos os movementos han de ser reversibles.
Asegurar
É unha técnica indispensable para escalar sen perigo de lesión. A persoa que asegura o compañeiro que escala ten que recoller corda facéndoa pasar polo asegurador, unido ao corpo polo mosquetón e o arnés, e así manter a corda lixeiramente tensa.
Rappel
Técnica utilizada para descender de forma rápida e segura. Pásase a metade da corda por unha argola de asegurar que está suxeita á rocha. Máis tarde, lánzanse os dous extremos da corda ao baleiro. Asegurámonos de que a corda quedou ben estendida, pasámola polo descendedor e comezamos a camiñar perpendicularmente á parede.