Demografía e Sector Primario en España: Análise Completa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 14,61 KB
Conceptos Demográficos Fundamentais
Poboación Activa
Conxunto de persoas que traballan e reciben unha remuneración, ou que están en disposición de facelo (inclúe os parados). Pola contra, a poboación inactiva inclúe os menores de 16 anos, os maiores de 65, as amas de casa e os estudantes. A taxa de poboación activa é máis alta nos países máis desenvolvidos en homes e especialmente en mulleres. Nos países subdesenvolvidos as mulleres traballan menos fóra da casa.
Esperanza de Vida
Media de anos que pode vivir unha persoa que nace nun país determinado. Depende das condicións económicas e sanitarias dese país. Nos países desenvolvidos é moi elevada e é máis alta en mulleres que en homes.
Réxime Demográfico
Características demográficas da poboación dun lugar ou país. Pode referirse a unha característica determinada, por exemplo, na teoría da transición demográfica fálase de réxime demográfico “antigo” e “moderno”.
Censo de Poboación
Recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación. En España, o Instituto Nacional de Estadística (INE) elabora un censo da poboación española cada dez anos (anos acabados en 1: 2001, 2011…), recollendo datos de tipo demográfico e tamén socioeconómicos (niveis de renda) e socioculturais (nivel de estudos).
Crecemento Vexetativo
É o balance que existe entre nados e mortos, normalmente referido a un país e un ano. Convértese nun índice cando restamos os valores e os dividimos entre a poboación total e despois multiplicamos por 1000. Obtemos así un tanto por mil. Será positivo se hai máis nados que mortos e viceversa. Se tivésemos en conta o número de persoas que entran nun país e as que saen (saldo migratorio) obteríamos o crecemento real. O crecemento vexetativo de Galicia é negativo, neste momento morre máis xente da que nace. En España tamén, pero como seguen entrando inmigrantes a poboación non diminúe (de momento).
Saldo Migratorio
Reflicte a diferenza entre o número de inmigrantes e emigrantes nun país, nun ano.
Taxa de Fecundidade
Índice que expresa o número de nados vivos que se producen nun país nun ano, en relación ao número de mulleres que están en idade fértil (entre 15 e 45 anos).
Transición Demográfica
Teoría demográfica que describe o paso ou transición dunha poboación - como consecuencia do seu desenvolvemento económico - dunhas características demográficas chamadas “antigas” con altas taxas de natalidade e mortalidade a outro estadio denominado “moderno” que ten baixas taxas de natalidade e mortalidade. En ámbolos dous estadios o crecemento natural é feble. Pola contra, nos estadios intermedios o crecemento é alto. A teoría supón que calquera país que inicie o seu desenvolvemento económico pasa por estas etapas.
Padrón Municipal
Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada que a do censo que elabora o INE cada dez anos. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan e polos servizos que prestan tamén precisan saber a poboación que teñen (gardería, prazas escolares, atención a migrantes, asistencia social...).
A Poboación Española: Dinámicas Demográficas
Desequilibrios Territoriais
Actualmente, todas as comunidades autónomas posúen baixas taxas de natalidade, de mortalidade e de crecemento natural. Porén, existen certos contrastes debidos á diferente estrutura por idades, é dicir, ao grao de xuventude ou envellecemento da poboación. Esta estrutura depende á súa vez de causas herdadas e actuais:
- Causas herdadas: Diferente comportamento tradicional da natalidade e diferenzas de desenvolvemento económico, causantes das migracións. Estas aféctanlle principalmente á poboación nova e provocan o envellecemento das rexións emigratorias (onde descende a natalidade e aumenta a mortalidade) e o rexuvenecemento das inmigratorias. En España, as migracións tiveron lugar entre 1950 e 1975, desde as rexións agrarias do interior ás urbano-industriais. Foi o chamado éxodo rural que afundiu a natalidade nas rexións máis afectadas. A crise industrial de 1975 detivo estas migracións.
- Causas actuais: Novos factores de desenvolvemento económico a partir da crise de 1975 e a inmigración estranxeira, que desde 1995 achega poboación nova e elevación da natalidade. Pero a nova crise financeira e económica que se inicia en 2008 e da que aínda non se conseguiu saír totalmente polo efecto da pandemia COVID, volve frear a inmigración e afundir as taxas de natalidade e crecemento demográfico.
Tipos de Comunidades Autónomas
a) Maior dinamismo demográfico: Taxas de natalidade máis elevadas, taxas de mortalidade máis baixas e crecemento natural máis alto. Estrutura demográfica relativamente máis nova, causada ou ben por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), ou por ser un foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) e por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990. Excepcións: Canarias (baixa natalidade compensada pola estrutura por idades) e Navarra (natalidade relativamente máis alta compensa a estrutura por idades).
b) Declive demográfico: Taxas de natalidade máis baixas, taxas de mortalidade máis altas e crecemento natural máis baixo, negativo en moitos casos. Estrutura demográfica fortemente envellecida, por sufrir unha intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular); pola prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica), e por contar na actualidade con menor inmigración estranxeira.
Movementos Migratorios (1990-Actualidade)
A partir dos últimos decenios do século XX iniciouse unha nova etapa nas migracións. O desenvolvemento económico transformou España dun país tradicionalmente emigrante a un país receptor de inmigración. Trala entrada de España na UE e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino dos fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba cuns 250.000 residentes estranxeiros (0,6% da poboación total). En 2022 esta cifra superaba os 5,5 millóns (11,7% da poboación). A conxunción dun descenso da emigración e un aumento sen precedentes da inmigración exterior propiciou que o saldo migratorio en España sexa claramente positivo desde os anos oitenta do século pasado ata o ano 2011. Porén, a partir de aí volve cambiar polos motivos que xa explicamos.
Fases da Inmigración Estranxeira
Primeira fase (anos 80): Maioría de estranxeiros de occidente, centro e norte de Europa. Dúas motivacións:
- Xubilados europeos: Retíranse en España (costa mediterránea, Baleares e Canarias).
- Traballadores de multinacionais: Aséntanse en Madrid e Barcelona.
- Colonia crecente de marroquís: Busca de traballo.
Segunda fase (década de 1990 e principios do século XXI): Chegada de cidadáns de Europa do Leste, latinoamericanos e asiáticos, e continúa o fluxo de norteafricanos. Maioría de inmigrantes de América Latina, norte de África e Europa. Destacan colombianos, venezolanos, hondureños, ecuatorianos, peruanos, marroquís, romaneses, británicos, italianos, búlgaros, ucraínos, alemáns e chineses. A crise económica de 2008 parou este fluxo e moitos retornaron ao seu país. En 2017 o número de estranxeiros era de 4,5 millóns (9,8% do total), pero recuperouse en 2022 (11,7%).
Distribución e Actividade dos Inmigrantes
Concéntranse nas áreas máis dinámicas, con máis oportunidades de emprego (Madrid, litoral mediterráneo e illas). Tamén en áreas rurais con agricultura intensiva (levante español, invernadoiros). Ocupan postos de traballo que non eran cubertos pola poboación española.
Efectos da Inmigración
Contribución ao crecemento económico. Freo ao envellecemento da poboación (adultos novos con taxas de natalidade superiores). Mantemento do sistema de pensións e Seguridade Social. Integración social variable segundo os colectivos. Movementos xenófobos recentes, con discursos populistas que difunden mentiras.
O Sector Primario: Glosario e Análise
Acuicultura
Actividade pesqueira que se desenvolveu como consecuencia da diminución da pesca extractiva debido á sobreexplotación dos caladoiros. Tamén se fala dela como de cultivos mariños. Principais especies “cultivadas”: moluscos (mexillón, ameixas, ostras) e peixes (rodaballo, robaliza, dourada, salmón). A ría de Arousa é unha importante produtora a nivel mundial.
Transxénicos (OMX)
Organismos modificados xeneticamente. Sementes de plantas con xenes doutras especies para crear variedades con novas características (resistencia á seca, pesticidas, etc.). Organizacións ecoloxistas en contra polo seu impacto ambiental e o monopolio das multinacionais (Monsanto, comprada por Bayer).
Agricultura Ecolóxica
Tamén chamada orgánica ou biolóxica. Respecta o medio ambiente sen produtos químicos nin transxénicos. Aumenta nos países desenvolvidos. Inconveniente: máis cara que a convencional.
Denominación de Orixe
Indicación xeográfica da UE para produtos agrarios ou alimentos producidos e transformados nun lugar concreto, con características especiais. Compromiso de calidade e usos tradicionais. Organismo regulador (exemplo: Consello Regulador do viño Rías Baixas, chamado tamén albariño).
Desagrarización
Proceso de perda de importancia do sector primario en favor da industria e os servizos nos países desenvolvidos.
Explotación Intensiva
Busca o maior rendemento. Inversión de capital (invernadoiros, sementes seleccionadas, rego, fertilizantes, pesticidas) e man de obra. Altos rendementos. Exemplo: invernadoiros, granxas leiteiras.
Explotación Extensiva
Grandes superficies, mecanizada. Volumes de produción importantes, rendemento por unidade de superficie medio ou baixo. Exemplo: explotación cerealista en Castela, cría de porco ibérico en “montanera” en Extremadura.
Política Pesqueira Comunitaria
Política pesqueira da UE. Obxectivo: explotación sustentable dos recursos pesqueiros. Fixa cotas pesqueiras e impulsa a acuicultura. Acordos con outros países (exemplo: Marrocos para a frota española e portuguesa).
Silvicultura
Explotación das áreas forestais para producir madeira ou outros produtos (cortiza, resinas). Galicia destina gran parte da súa superficie á silvicultura (eucalipto para pasta de papel, empresa ENCE en Pontevedra).
Transformacións Recentes na Estrutura Agropecuaria Española
O Espazo Rural
Territorio non urbanizado. Tradicionalmente agrario (actividades agrícolas, gandeiras e forestais). Desde 1970, novas actividades (residenciais, industriais, servizos, recreativas, paisaxístico-conservacionistas). Espazo rural máis heteroxéneo e complexo.
Características da Poboación Rural
Poboación ocupada en actividades agrarias escasa. Diferenzas territoriais (1% en Madrid e País Vasco, máis do 8% en Extremadura, Murcia e Galicia). Envellecemento rural máis acusado no interior peninsular. Causa principal: éxodo rural (1960-1975). Crise económica desacelerou o éxodo rural e incrementou a actividade agraria a tempo parcial.
Tendencias Demográficas desde 1990
- Descenso demográfico e envellecemento nas áreas rurais máis desfavorecidas do interior.
- Certa recuperación e rexuvenecemento nas áreas rurais máis dinámicas (costa, preto de grandes cidades). Relacionado con inmigrantes, novas actividades en zonas periurbanas e turísticas, e subvencións europeas.
As Explotacións Agrarias
Descenso do número de explotacións. Abandono de terras e proceso de concentración. Dualidade:
- Explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles.
- Empresas agrarias, de particulares, sociedades ou cooperativas, con maior dimensión, modernizadas e rendibles.
Réxime de tenza: relación entre propiedade e explotación. Tenza directa (70%), arrendamento e parzaría (2%, en desaparición).
Técnicas e Sistemas Agrarios
Cambios desde 1960. Incorporación de avances (mecanización, selección xenética, fertilizantes químicos, fitosanitarios). Intensificación da produción e aumento do rendemento. Modernización da agricultura:
- Especialización do territorio (monocultivo). Exemplo: O Salnés, viño albariño.
- Maior investimento de capital (maquinaria, produtos químicos, sementes seleccionadas e transxénicas).
- Forte incremento da superficie en regadío (sobreexplotación de acuíferos, conflitos pola auga).
- Novas técnicas de cultivo (enarenado, cultivo baixo plástico).
A Gandaría
Notable desenvolvemento. 40% da produción final agraria. Causas:
- Aumento da importancia económica (consumo de carne, leite, ovos, embutidos).
- Modernización das explotacións.
- Evolución das especies en función da rendibilidade (vacas de leite).
- Menor dependencia das condicións naturais (gandaría estabulada, pensos).
- Substitución de razas autóctonas por outras de maior produción.
Política Agraria Común (PAC)
Orientacións da UE para o sector agrario. Subvencións. Obxectivos:
- Reducir os excedentes agrarios.
- Manter prezos rendibles para o agricultor.
- Modernizar as explotacións agrarias.
- Obxectivos medioambientais (reducir a contaminación, benestar animal).
Problemas das Áreas Rurais Españolas
- Escasa competitividade dalgúns produtos (subvencións, prezos protexidos).