Demografía: Glosario de Termos Esenciais en Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,42 KB

Glosario de Termos Demográficos

Poboación Activa

Poboación que ten un emprego ou que o busca. A poboación activa pode estar ocupada (aquela que desempeña un emprego remunerado) ou estar desocupada ou en paro.

Esperanza de Vida

Número medio de anos que unha persoa ao nacer espera vivir, supoñendo que as condicións de mortalidade permanezan constantes.

Réxime Demográfico

Cada etapa pola que pasa a evolución do movemento natural dunha poboación na que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presenta características homoxéneas.

Censo de Poboación

O censo de poboación é o reconto da poboación dun país, que se refire a un momento determinado no tempo e que inclúe as súas características máis importantes, tanto de tipo sociodemográfico como económico: idade, sexo, estado civil, lugar de nacemento, nacionalidade, nivel de instrución, actividade económica, etc. En España realízase cada dez anos; desde 1981, nos anos rematados en 1. É un documento estático que reflicte o estado da poboación no momento que se realiza.

Saldo Migratorio

Diferenza entre o número de inmigrantes e o de emigrantes nun determinado territorio. Se o balance é negativo, significa que hai máis emigración que inmigración; mentres que o balance positivo indica o contrario, máis inmigración cá emigración.

Taxa de Fecundidade

A taxa de fecundidade relaciona o número de nacementos nun ano co número de mulleres en idade de ter fillos, e exprésase en tantos por mil. A taxa de fecundidade é igual ao número de nacementos multiplicado por 1000, dividido polo número de mulleres entre 15 e 49 anos. A taxa é alta se o valor é superior a 150‰, media se está situada entre 150‰ e 75‰ e baixa se é inferior a 75‰.

Transición Demográfica

Etapa de transición entre o réxime demográfico antigo e o moderno que se caracteriza por un descenso brusco da mortalidade e un descenso suave da natalidade, o que xera un crecemento natural elevado. Para explicar cada etapa os demógrafos remiten ao chamado modelo de transición demográfica. Este modelo é unha teoría que serve para explicar como a poboación do Reino Unido pasou dun crecemento case nulo, debido a unha elevada mortalidade (réxime demográfico antigo), a un crecemento practicamente nulo tamén motivado por unha baixa natalidade (novo réxime demográfico). Este modelo aplícase á dinámica da poboación de moitos países europeos, entre eles España.

Padrón Municipal

O padrón municipal é un rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada cá do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características. Este dato é de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.

Entradas relacionadas: