Demografía de España e Galicia: Evolución e Tendencias

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,27 KB

Fontes de información demográfica

As principais fontes de información demográfica son: o censo (documento oficial de carácter estatal que recolle numerosos datos), o padrón (documento oficial realizado polos concellos que se elabora cada cinco anos), o rexistro civil (organismo que rexistra os nacementos, falecementos e o estado civil da poboación) e outras fontes como: as enquisas, as estatísticas e os libros de rexistros das parroquias.

Taxas, índices e pirámides

As taxas e índices son relacións numéricas que expresan unha frecuencia, o grao de intensidade ou unha porcentaxe. As máis empregadas son a taxa de natalidade, a taxa de mortalidade, o crecemento vexetativo, a esperanza de vida e a densidade de poboación.

As pirámides de idades son representacións gráficas que mostran o reparto da poboación por idades e sexo.

Réxime demográfico

O réxime demográfico é o comportamento da poboación no que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan unhas características homoxéneas. Hai 3 modelos:

  • Réxime demográfico antigo: altas taxas de natalidade (entre o 30 e o 40%), altas taxas de mortalidade e crecemento natural feble.
  • Réxime demográfico de transición: taxas de natalidade elevadas, descenso brusco das taxas de mortalidade (entre o 10 e o 15%), de modo que se produce un forte aumento da poboación.
  • Réxime demográfico moderno: descenso das taxas de natalidade e de mortalidade, e crecemento natural baixo.

Evolución da poboación española

Diferéncianse 3 etapas:

  • Ata 1900: crecemento lento pero maior dende a primeira metade do século XIX grazas á redución da mortalidade catastrófica, sobre todo epidémica.
  • 1900-1975: aceleración do crecemento debido á diminución das defuncións e ao mantemento dunha elevada natalidade.
  • A partir de 1975: recesión do crecemento pola diminución dos nacementos, aumentando a proporción da poboación adulta e vella sobre a poboación nova.

Evolución da poboación galega

  • Ata 1900: réxime demográfico antigo.
  • 1900-1950: etapa de crecemento continuado.
  • A partir do 1950: crecemento moi baixo, incluso negativo.

O estancamento da poboación española

Os indicadores demográficos proporcionan as seguintes características da actual poboación española:

  • Reducida taxa de natalidade: a caída da natalidade é moi forte, aínda que nos últimos anos aumentou lixeiramente.
  • Taxa de mortalidade baixa: a taxa de mortalidade foise reducindo e mantense en niveis moi baixos, debido á redución da mortalidade infantil, ás melloras nas condicións de vida e aos avances na sanidade, alimentación e hixiene.
  • Feble crecemento vexetativo: o descenso da natalidade e da mortalidade orixina un feble crecemento da poboación que pon en perigo a substitución xeracional.
  • Elevada esperanza de vida: 83 anos as mulleres e 75 os homes.
  • Progresiva tendencia ao envellecemento: cada vez é maior a proporción de vellos e adultos en relación cos mozos.

O avellentamento da poboación galega

Rexistrase un crecemento vexetativo negativo. Este saldo negativo queda minimamente compensado coa chegada de inmigrantes estranxeiros. Aumentaron escasamente a poboación as provincias de Pontevedra e A Coruña, e perdérona as de Lugo e Ourense. A poboación galega presenta un claro avellentamento. Ten as taxas de natalidade e fecundidade máis baixas de Europa, pero uns dos índices máis elevados de esperanza de vida de todo o planeta, unicamente superado por Xapón. Comparando as pirámides de idades de 1900 e 2001 apréciase como a ampla base da primeira se reduce a un terzo en 2001.

A xente precisa a atención diaria e a atención médico-sanitaria.

A distribución da poboación no territorio

A densidade de poboación responde a numerosos factores, entre os que destacan:

  • Os de carácter económico.
  • Os de carácter xeográfico e histórico.

Galicia costeira e Galicia interior

A poboación galega tende a concentrarse nas áreas urbanas e nas zonas costeiras. Deste modo, as sete cidades galegas máis importantes na actualidade son os focos de atracción dunha poboación rural que se traslada a elas polas maiores posibilidades que ofrecen. Os concellos costeiros e urbanos ofrecen maior diversificación nas súas actividades produtivas. A distribución actual da poboación galega continúa a tendencia que fai que as vilas e cidades medren mentres que os núcleos rurais perden poboación.

Os movementos interiores da poboación

No interior do estado español teñen lugar diversos movementos da poboación, entre os que destacan:

  • Movementos permanentes ou semipermanentes: aqueles que se producen como consecuencia da busca dunha actividade económica. Presentan dúas modalidades: o desprazamento entre provincias e comunidades autónomas e o traslado da poboación do campo ás cidades.
  • Movementos periódicos: son os movementos que se producen diariamente ou en curtos períodos de forma regular e periódica.

Españois no estranxeiro

A emigración foi importante en épocas pasadas. Pero, desde mediados dos 70, foise reducindo progresivamente. Segue habendo emigrantes españois; o grupo máis numeroso está formado por traballadores cualificados ou estudantes en formación.

España, receptora de inmigrantes

Dende hai unhas décadas, España converteuse nun importante país receptor de inmigrantes, e o seu número increméntase cada ano. Os inmigrantes proceden fundamentalmente de:

  • Europa: Alemaña, Francia, Suecia, Gran Bretaña, que buscan un clima temperado.
  • América Latina, África e Asia: novas persoas que ocupan os postos de traballo que rexeitan os españois.

Entradas relacionadas: