Demografía de España: Fontes, Distribución e Réximes

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,22 KB

Fontes Demográficas

Fontes Históricas

Son todas aquelas fontes anteriores á existencia dos primeiros censos. Neste sentido, pode falarse de:

  • Fontes indirectas (permiten deducir algúns datos): as fontes arqueolóxicas, os rexistros de enterros, rexistros de levas, a información sobre o tamaño dunha cidade ou a extensión das terras de cultivo, etc. A súa información é tendenciosa e pouco fiable.

  • Fontes directas: destacamos os libros de lume (rexistros de reconto de familias) e os rexistros parroquiais (bautismos, matrimonios e defuncións) iniciados tras o Concilio de Trento, a mediados do século XVI.

Fontes Modernas

A xeografía da poboación estuda as relacións entre a poboación e o espazo. Para iso apóiase na demografía e nos seus datos estatísticos, recollidos principalmente das seguintes fontes:

  • O Censo: reconto individualizado da poboación do país nun momento determinado. Recolle abundantes datos demográficos, económicos e sociais: volume da poboación, sexo, idade, estado civil, lugar de nacemento, nacionalidade, nivel de estudos, profesión, renda, tamaño da familia, vivenda, etc. Os censos modernos realizáronse en España desde 1900 ata 1970 nos anos rematados en 0; e desde entón nos anos rematados en 1 (1981, 1991...).

  • O Padrón Municipal: rexistro dos veciños dun concello. Recolle algúns datos demográficos, económicos e sociais da poboación (sexo, idade, nacionalidade...), pero en menor medida que o censo. É un documento dinámico, posto que se modifícase constantemente cos nacementos, defuncións e cambios de residencia a nivel de municipio.

  • O Rexistro Civil: contabiliza nacementos, matrimonios e defuncións. Con estes datos o INE (Instituto Nacional de Estatística) realiza as estatísticas do Movemento Natural.

  • Outras fontes: as estatísticas e as enquisas. Destacan os Anuarios estatísticos do INE e a Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Desequilibrios Territoriais

No ano 2025 a poboación en España superou os 49 millóns de habitantes, que se repártense polo territorio de xeito desigual. O interior atópase debilmente poboado, mentres que as áreas costeiras presentan unhas elevadas densidades de poboación. Igualmente obsérvanse fortes contrastes entre as cidades e o medio rural: cada vez máis xente habita nas cidades e, porén, no medio rural existen espazos practicamente deshabitados. Para cuantificar a distribución de poboación sobre o territorio utilízase o concepto de densidade de poboación.

$$\text{Densidade} = \frac{\text{Poboación}}{\text{Superficie } km^2}$$

Así, a densidade media en España (datos provisionais INE primeiro trimestre 2023) é de 95,5 hab./km² (48.196.693 hab. / 504.645 km²). Esta cifra encubre desigualdades espaciais. Determinadas áreas superan con creces a media nacional mentres que outras se atopan afectadas por un grave despoboamento. En xeral, a concentración poboacional é sempre maior no litoral e no ámbito urbano que no interior ou no rural:

  • As áreas con maior densidade de poboación presentan, maioritariamente, disposición periférica: Rías Baixas, Asturias, Cantabria, País Vasco costeiro, Cataluña, Valencia, Andalucía occidental e Madrid.

  • As áreas despoboadas sitúanse nas áreas de montaña con menos de 8 hab./km² e o interior peninsular: ambas Castelas, Aragón, Estremadura e o interior de Galicia.

O Movemento Natural da Poboación

O movemento natural da poboación é o crecemento ou decrecemento da poboación dun lugar por causas naturais, é dicir, polo balance entre a natalidade (número de nacementos nunha poboación nun ano) e a mortalidade (número de defuncións nunha poboación nun ano). Polo que a dinámica que decide o movemento natural da poboación é moi sinxela: se os nacementos son máis numerosos que as defuncións, a poboación ten un crecemento natural ou vexetativo positivo. Pola contra, se a mortalidade é máis elevada que a natalidade, a poboación tende a diminuír.

Taxas Demográficas

Existen diversas taxas para medir factores relacionados co movemento natural da poboación:

a) Taxa de natalidade (TN)

$$\frac{\text{Nº nacementos} \times 1000}{\text{Poboación total}}$$

O resultado da TN será alto cando sexa >30‰, medio entre 30 e 20‰ e baixo <20‰.

b) Taxa de fecundidade (TF)

$$\frac{\text{Nº nacementos} \times 1000}{\text{Nº mulleres 15 – 49 anos}}$$

O resultado da TF será alto cando sexa >150‰, medio entre 150 e 75‰ e baixo <75‰.

c) Índice sintético de fecundidade (ISF)

Indica a media do número de fillos por muller. Para que exista reemprazamento xeracional debe acadarse 2,1 no mundo desenvolvido.

d) Taxa de mortalidade (TM)

$$\frac{\text{Nº de defuncións} \times 1000}{\text{Poboación total}}$$

O resultado da TM será alto cando sexa >15‰, medio entre 15 e 10‰ e baixo <10‰.

e) Taxa de mortalidade infantil (TMI)

$$\frac{\text{Nº de nenos falecidos < 1 ano} \times 1000}{\text{Total de nacementos}}$$

O resultado da TMI será alto cando sexa >50‰, medio entre 50 e 25‰ e baixo <25‰.

f) Esperanza de vida

Relaciona o total de anos vividos por todos os membros dunha comunidade co total de individuos, sendo o resultado a media de anos vividos. O resultado é alto cando sexa >70, medio entre 70 e 60 e baixo <60.

g) Taxa de crecemento natural (TCN)

$$\text{TN} - \text{TM}$$

O resultado da TCN será alto cando sexa >20‰, medio entre 20 e 10‰, baixo <10‰ e negativo por debaixo de 0‰.

O Modelo Demográfico Español

O movemento natural da poboación española pasou por 3 etapas ou réximes demográficos:

Réxime Demográfico Antigo (Ata o S. XX)

A etapa demográfica primitiva chega ata mediados do século XVIII, aínda que ao longo do XIX rexístranse grandes epidemias. Historicamente o crecemento da poboación foi menor ao de moitos países europeos a causa da existencia dunhas altas taxas de mortalidade e o débil crecemento vexetativo.

O século XVI foi un século expansivo demograficamente grazas ás posibilidades económicas brindadas pola conquista de América e á expansión en Europa. Xa no século XVII a crise económica e social era patente. As causas foron varias: epidemias de peste, a emigración a América, a expulsión dos mouriscos, a sobremortalidade bélica, as malas colleitas e as crises de subsistencia. Ao final desta etapa, no século XVIII, a poboación española experimentou unha expansión importante, de 7,5 a 11 millóns de habitantes, polas melloras da economía e a alimentación (millo e pataca), que continuarán na primeira metade do século XIX a pesar da Guerra da Independencia e a emancipación das colonias. Na segunda metade de século o crecemento natural debilitarase pola migración cara a América, a varíola, as ondas de cólera (1834, 1853, 1865 e 1885) e, no mundo urbano, a tuberculose.

En xeral, neste réxime a natalidade presenta valores elevados cunha taxa de fecundidade duns cinco fillos por muller, xunto cunha elevada mortalidade e unha curta esperanza de vida, o que levaba a un crecemento natural baixo. A natalidade presentaba valores elevados consecuencia do predominio dunha sociedade rural, onde os fillos traballaban axiña axudando nas tarefas do campo e asegurando o porvir dos pais. A isto sumábaselle a idade temperá do matrimonio, a carencia de métodos anticonceptivos e a elevada mortalidade infantil que limitaba as posibilidades de que a descendencia chegase á idade adulta.

As cifras de mortalidade eran elevadas dado o baixo nivel de vida e as precarias condicións médicas e sanitarias. A dieta alimentaria era escasa pola baixa produtividade agraria, o que causaba unha poboación debilitada na que as enfermidades infecciosas (tuberculose, bronquite, pulmonía, gripe, cólera, ...) tiñan alta incidencia, favorecida polo atraso da medicina, o descoñecemento das vías de transmisión das enfermidades, a falta de hixiene, limpeza, hábitos saudables e o descoñecemento do mundo bacteriano. Eran frecuentes os períodos de mortalidade catastrófica causados por epidemias, guerras ou malas colleitas de cereais que provocaban a suba do prezo do gran e os períodos de fame. Como resultado das altas taxas de natalidade e de mortalidade o crecemento natural ou vexetativo nesta fase foi baixo e presentaba oscilacións debidas ás crises de sobremortalidade. España, cunha poboación basicamente rural, prolongou esta fase ata os primeiros anos do século XX.

Entradas relacionadas: