A Democratización do Ensino e a Evolución da Lexislación Educativa en España (1970-2002)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 21,85 KB

Condicións para a Democratización do Ensino (Segundo Luis Gómez Llorente)

As condicións para a democratización do ensino segundo Luis Gómez Llorente son as seguintes:

  • Facer efectiva a súa universalidade: Acceso a un posto escolar, o que implica a existencia dunha rede pública de centros suficientemente ampla.
  • Gratuidade do sistema público desde a escola infantil ata a universidade, o que require:
    • Gratuidade do material escolar e bolsas para o alumnado procedente de familias con poucos recursos. Non é gratuidade para todos; hai que ter en conta a situación de cada neno.
    • Que os centros concertados (de ser necesarios para prestar o servizo educativo) cumpran os criterios de planificación das ensinanzas impartidas e favorezan a distribución racional do alumnado. Os centros elitistas ou que non admitan a certo alumnado non poden ser considerados de utilidade social. Gómez Llorente entende que eses centros non poden ser concertados. Se concertou parte do ensino dos centros privados.
  • Organización flexible do currículo no ensino obrigatorio: Manter un tronco común compatible coa diversificación adaptada ás necesidades e expectativas do alumnado.
  • Compensar as desigualdades de orixe dándolle prioridade ao alumnado procedente de familias ou ambientes sociais de menor capital cultural. A compensación pódese lograr a través do establecemento de áreas para o alumnado que ten máis dificultades, e a través da existencia de profesorado especializado.
  • A participación na xestión e control do centro e, por tanto, intervir na lexislación, programación e planificacións educativas a través dos Consellos Escolares (en representación de distintos sectores do sistema educativo), Municipais, Territoriais, da Comunidade Autónoma (de Galicia) e do Estado.
  • A laicidade: Non sometemento da escola ao dogma de ningunha confesión relixiosa.
  • Garantir a independencia intelectual e moral de mestras e mestres, a través da liberdade de cátedra e do carácter funcionarial, o que comporta unha elevada autoesixencia por parte dese profesorado.

A Democratización nas Diferentes Reformas Escolares

Lei Xeral de Educación (LXE, 1970)

  • Extensión do ensino obrigatorio e gratuíto ata os 14 anos, o que supón un avance.
  • Mellora na formación dos mestres.
  • Ordenación da FP en tres graos (primeiro grao, segundo e terceiro). Desses tres graos, o autor sinala que o realmente efectivo foi o segundo porque o primeiro recollíase alumnado que non acadaba o graduado escolar. Entón recollíase alumnado con baixa expectativa. Ese segundo ciclo foi máis exitoso e o terceiro formulouse pero apenas se chegou a desenvolver.
  • Recursos: Construíronse bastantes Grupos Escolares; é a época das denominadas concentracións escolares. Estas concentracións provocaron pouco a pouco que desaparecesen as escolas unitarias. E construíronse varios institutos de FP.
  • Esta Lei regulou todo o sistema educativo, incluído o universitario.
  • O discurso pedagóxico baseábase nunha educación personalizada, tratando de evitar o memorismo e a rutina. Suprímese a reválida, introdúcese a avaliación continua, créanse servizos de orientación…
  • En canto ao Bacharelato (BUP) duraba tres anos. Para acceder á Universidade había que ter superado o COU e a selectividade.
  • Incrementouse o número de alumnado do ensino secundario.
  • Existe un problema estrutural: adaptar a escola ao mundo velozmente cambiante. Nesta situación deberíanse introducir as normas flexibles e imprescindibles para manter un mínimo de homoxeneidade no territorio.

O Movemento de Ensinantes

Percíbese certa insatisfacción do movemento de ensinantes (liderado por Marta Mata e por Eloy Terrón) debido á inestabilidade do emprego, baixos salarios e profesorado interino peor retribuído que o fixo. O movemento de ensinantes actuou:

  • Elaborando documentos: Alternativa Democrática do Ensino, Per una nova escola Pública… nos que se critica o carácter selectivo e clasista do currículo e do réxime dos centros, e se rexeita o memorismo e autoritarismo existente nos centros…
  • Organizando folgas de profesorado interino.
  • Manifestación do desacordo coa dobre titulación ao final da EXB (que era un reflexo da división da sociedade en clases).
  • Apostando pola escola única, é dicir, unha única escola e pública; prolongación da escolaridade obrigatoria, medidas compensatorias, tronco común e sistemas non selectivos de avaliación.
  • Rexeitando o financiamento público da escola privada, é dicir, como se apostaba pola escola única e pública, non se aceptaba que se dispuxesen fondos públicos para a escola privada.
  • Reivindicando a democratización dos centros (órganos de participación, elección dos cargos directivos, liberdade de asociación e de reunión) e do corpo único de ensinantes.

A Educación na Constitución (1978)

  • En relación co ensino da relixión a Constitución establece que os poderes públicos garantirán o dereito dos pais a que os seus fillos reciban formación relixiosa de acordo coas súas conviccións. Isto implica que:

    • As escolas ofrecerán ensino confesional da relixión.
    • O ensino da relixión ha de ter carácter voluntario.
    • No artigo 2 do Acordo sobre o Ensino e asuntos culturais entre España e a Santa Sé (1979) establécese que o ensino da relixión católica se impartirá nos niveis de preescolar, primaria, media e FP en condicións equiparables ás demais disciplinas fundamentais.
  • En relación co estatuto de ensino privado proponse:

    • Un equilibrio entre o dereito-obriga do Estado a ensinar e o dereito dos particulares a promover centros docentes: dobre rede de centros, que rompe co monopolio educativo do Estado, pero que encerra o perigo da desigualdade entre os centros (centros de elite - centros que escolarizan a alumnado ao que os de elite non asistiron).
  • Polo que se refire á participación indícase que o profesorado, pais e, no seu caso, o alumnado, intervirán no control e xestión de todos os centros sostidos pola Administración con fondos públicos.

  • Logo de aprobada a Constitución, de seguida aprobáronse os Estatutos de Autonomía do País Vasco e de Cataluña (1979) e, algo máis tarde, o de Galicia (1981) que abrirán o paso á transferencia de competencias en educación, sobre todo, no que se refire á programación e xestión do sistema educativo no seu territorio. Con todo, o Estado retén a competencia de regular as condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e as normas básicas (LOE, LODE, Decreto de requisitos mínimos, ensinanzas mínimas das distintas etapas, o calendario de aplicación da LOE) para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución.

A Reforma LODE (1985) - LOXSE (1990)

Co goberno de Adolfo Suárez (Abril Martorell de vicepresidente) nese momento fíxose posible o consenso constitucional. Na Lei Orgánica 5/1980, regúlase o Estatuto de Centros Escolares e apróbase a LOECE que non logrou o mesmo consenso.

Durante o goberno de Unión de Centro Democrático (UCD) (77-82) pasaron polo Ministerio de Educación bastantes persoas de relevo (Aurelio Menéndez, Otero Novas…), pero o feito de que pasasen tantas persoas en tan pouco tempo impediu que as iniciativas tivesen continuidade.

Propostas da UCD

A UCD propón:

  • A reforma do ensino medio.
  • Alongar a escolarización plena ata os 16 anos.
  • Configurar un 1º ciclo de ensino secundario (14-16 anos).
  • Diversificar máis o Bacharelato.
  • Abrir varios camiños á FP.
  • Que todas estas vías permitan o acceso aos estudos superiores.

En 1982 o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) gaña as eleccións e accede ao goberno. Con este goberno iníciase un proxecto de reforma educativa:

  • Nun primeiro momento, dáselle prioridade ao ensino universitario e en 1983 apróbase a Lei de Reforma Universitaria (época do Ministro José María Maravall).
  • Algo máis tarde Javier Solana e o seu colaborador e sucesor, Alfredo Pérez Rubalcaba, abordan a reforma do ensino non universitario.
  • A Reforma da Lei Orgánica 8/1985, reguladora do Dereito á Educación (LODE) - Lei Orgánica 1/1990 de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) supón un cambio na concepción da escola:
    • Debe formar bos cidadáns (LODE).
    • Debe promover un compromiso activo da comunidade educativa coa escola (LODE).
    • Búscase unha escola integradora e que contribúa á redistribución do saber, que eleve a cultura media da base popular (ESO), e que renove a FP (LOXSE).

A Lei Orgánica Reguladora do Dereito á Educación (LODE)

A LODE foi rexeitada inicialmente polos sectores máis conservadores. Esta Lei:

  • Reafirma o dereito de todas as persoas á educación.
  • Defende o carácter gratuíto do ensino obrigatorio.
  • Perfila dereitos e liberdades dentro dos centros asentados na participación.
  • Recoñece a liberdade de cátedra, o dereito de reunión e de asociación…
  • Crea canles de participación: a través do consello escolar, claustros.
  • Deixa espazo para que os territorios menores que o Estado establezan as propias regras.
  • Crea o Consello Escolar do Estado para poder intervir, mediante consulta, nas disposicións normativas que afecten á educación.
  • Considera que a escola debe formar cidadáns activos que se impliquen, que analicen os problemas desa sociedade e esa formación lógrase mediante o exercicio, guiado e estimulado, de liberdades cívicas e de usos propios do sistema representativo (a través do voto, a través da participación de distintos sectores como o consello escolar, das asociacións de pais…).
  • Considera que o autogoberno debe ir máis aló das eleccións, debe practicarse en todos os ámbitos nos que os cidadáns poidan tomar decisións que lles afecten.

Pero, a filosofía na que se sustenta a LODE non calou nas persoas responsables da educación nin impregnou a vida dos centros (escasa participación).

A LODE regula a liberdade de ensino. Liberdade para crear centros, para establecer o seu carácter propio, outorga plenas facultades académicas e déixalles autonomía aos centros privados non concertados para regular o seu réxime interno.

Esta lei esíxelles aos centros privados concertados que teñan determinados órganos de participación, que respecten a liberdade de conciencia e que a práctica confesional teña carácter voluntario. Nestes centros a Administración págalle ao profesorado pero son os titulares os que contratan e despiden ao profesorado.

A Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE)

A LOXSE:

  1. Nace con vontade de nivelación social: escola diversificada, tronco común - progresiva diversificación, traballo como eixo da actividade escolar…
  2. Optou pola escola comprensiva fronte á selectiva. Reto: A atención á diversidade. Ensaiáronse diferentes medidas. Problema: imposición sen suficientes recursos.
  3. Creou a ESO, de carácter obrigatorio e gratuíto (de 12-16 anos).
  4. Tivo fallos:
    • Insuficientes recursos.
    • Desacertos no desenvolvemento normativo (sobre todo na ESO).
    • O carácter aberto e flexible do currículo non era posible debido ao afán regulamentista e ás rutinas instaladas nos centros.
    • A optatividade non se axustaba ao pretendido por falta de recursos ou por intereses corporativos dos docentes.
    • O sistema de promoción e avaliación tivo efectos desmotivadores.
    • A diversidade curricular produciuse ao final da ESO e debería introducirse antes.
    • Era necesario introducir melloras en educación infantil e primaria para que o alumnado chegase mellor á ESO.

A reforma LODE-LOXSE non se acompañou do Estatuto do Profesorado o que desmotivou a este.

Débese recoñecer, sen embargo, o reforzo dos reformadores por:

  • Ampliar a escolarización a todos os niveis.
  • Estender a gratuidade do ensino.
  • Ampliar o número de bolsas.
  • Incrementar os cadros de persoal docente.
  • Mellorar a formación permanente do profesorado e vincular esta á mellora da retribución.

A Contrarreforma LOCE (2002)

Marco político: goberna o Partido Popular. Cambios na titularidade do Ministerio: Esperanza Aguirre, Mariano Rajoy, Pilar del Castillo.

Escaso apoio á escola pública e incremento do gasto público na escola privada (expansión dos centros concertados).

A Lei Orgánica de Calidade na Educación (LOCE):

  • Desvirtúa a escola participativa (novo mecanismo de elección do director ou directora, dáselle máis poder á dirección, avalíase a súa xestión, consolídanselle os complementos, supedítase este órgano á Administración, desvirtúase a participación das familias, profesorado, alumnado e PAS).
  • Xerarquízase o profesorado e recupérase o corpo dos catedráticos.
  • Destrúe o modelo comprensivo (segregación por currículo -itinerarios-, e por centros - libre elección).
  • Promove a liberdade de elección de centros, porque considera que esta favorece a competitividade e esta, á súa vez, a mellora. Así xustifica a igualdade de oportunidades.
  • Aséntase na selectividade, segregación, xerarquización e autoritarismo.

En canto á LOE, os principios son os mencionados na primeira parte desta pregunta, as condicións para a democratización do ensino que comenta Luis Gómez Llorente.

O Estado e a Escolarización (Segundo Alejandro Tiana Ferrer)

O estado, segundo Alejandro Tiana Ferrer, comprometeuse de maneiras diferentes ao longo das diferentes leis educativas.

Escolarización Obrigatoria: Marco Legal e Proceso Real

No caso da escolarización obrigatoria houbo certo atraso en relación co contemplado nas leis, que era o seguinte:

  • Lei Moyano (1857): 6 a 9 anos.
  • Comezos do s. XX: 6-12 anos.
  • 1964: 6-14 anos.
  • LXE (1970): incídese na meta establecida en 1964: 6-14 anos.
  • LOXSE (1990): 6-16 anos.

E o proceso real foi o seguinte:

  • Escolarización plena na EXB: na década dos 80.
  • No ensino pre e postobrigatorio: esforzo escolarizador e avance a partir da década dos 80.

Escolarización nas Idades Obrigatorias

  • Anos 70 e 80 do s. XX: esforzo para acomodar nas aulas ao alumnado entre 6-14 anos.
  • Pactos da Moncloa (1977) e política educativa do 1º goberno socialista: impulso ao proceso de escolarización obrigatoria.
  • LOXSE (1990): escolarización obrigatoria de 6-16 anos (no ano 2002 algo menos do 10% do alumnado desta idade non estaba escolarizado).
  • A escolarización efectiva lógrase coa iniciativa pública e privada. Evolución:
    • 1ª metade dos anos 70: Aumento da matrícula nos centros privados.
    • Pactos da Moncloa: incremento do orzamento para o ensino: mellora da rede pública.
    • Do 75 ao 85: Incremento da matrícula na rede pública.
    • 1985: 35,3% escolarizados na rede privada.
    • A partir do ano 85: estabilización das redes públicas e privadas.
    • 2000: 34% alumnado de ensino obrigatorio na rede privada (concertada e non concertada).
  • A escolarización obrigatoria en España en centros públicos é menor que noutros países europeos (66,6% fronte ao 90%).
  • Na ESO a distribución do ensino público e privado varía dunha comunidade a outra debido á distribución da riqueza e ás raíces históricas. Nas comunidades máis ricas e nas que a escolarización se produciu antes a porcentaxe do alumnado escolarizado en centros privados e concertados é maior. Nas comunidades máis pobres o esforzo escolarizador foi posible grazas á acción das administracións públicas.
  • A ratio dos centros privados que escolarizan a alumnado de EP e ESO é maior que a dos públicos.
  • Os centros públicos contan con máis profesorado especialista e de apoio que os privados.
  • Os centros públicos atenden a alumnado de menor nivel socioeconómico e cun volume maior de problemas académicos.
  • A promoción ao final dos ciclos de EP é maior nos privados que nos públicos. O mesmo acontece en 3º e 4º de ESO.
  • A proporción de alumnado que cursa programas de diversificación curricular no 2º ciclo de ESO é maior nos públicos que nos privados.
  • Os centros públicos acollen maior proporción de alumnado con n.e.e., de alumnado en situación de risco e de inmigrantes que os privados.
  • En conclusión, o perfil das dúas redes é diferente.

Escolarización nas Idades Temperás (Educación Infantil)

  • O esforzo escolarizador da LXE (1970) tivo tamén algúns efectos na educación preescolar (hoxe educación infantil).
  • Aumento da escolarización. Etapas:
    • Anos 80: escolarización case completa do alumnado de 5 e 4 anos e baixa (27,7%) nos de 3 anos.
    • Década dos 90: escolarización paulatina do alumnado de 3 anos.
  • Escolarización moi reducida de 0-3 anos.
  • Factores que motivaron o aumento da escolarización en educación preescolar (infantil):
    • Esforzo das Administracións por incrementar a oferta de prazas en centros públicos nas décadas dos 70 e 80.
    • Incorporación das mulleres ao mercado laboral.
    • Descenso de taxas de natalidade. Diminución do alumnado do ensino obrigatorio (aulas libres e profesorado sen praza) e incremento das prazas no nivel 3-6.
    • Revalorización da EI a partir dos anos 80.
    • Reivindicación expresa do carácter educativo da etapa fronte ao meramente asistencial.
  • A LOXSE (1990) consagrou estes cambios.
  • A LOCE (2002): retrocedeu nese proceso, pero choca coa tendencia existente noutros países á evolución na liña na que se viña producindo en España.

Escolarización nas Idades Postobrigatorias

  • A guerra civil freou o desenvolvemento da educación en España e afectou especialmente ao ensino secundario. A porcentaxe de alumnado escolarizado era moi baixa.
  • Década dos 60: expansión debido á necesidade de contar con man de obra máis capacitada.
  • Décadas dos 70 e 80: novo impulso ao ensino medio.
  • LOXSE (1990): reforza dita tendencia.
  • Anos 80 e 90: aumenta a escolarización do alumnado de ensino postobrigatorio. Superación da discriminación histórica entre homes e mulleres na matrícula.
  • Comezos da década de 2000: a escolarización media do alumnado español nesta etapa está por enriba da media internacional (17,5% fronte ao 16,8%) e o Bacharelato cursouse máis que a FP (2/3 fronte a 1/3).
  • A matrícula do ensino secundario feminizouse. Durante o franquismo, no bacharelato predominaban os homes, en 1976 o número de homes e de mulleres era similar e a partir de aí o número de mulleres escolarizado nel superou ao de homes. Nunhas ramas de FP predominan mulleres e noutras homes (discriminación por sexos).
  • O réxime franquista ata a década dos 60 desenvolveu unha política favorable ao ensino privado confesional no ensino secundario. Sen embargo, a matrícula nesta etapa aumentou cando o Estado asumiu a función docente.
  • No nivel postobrigatorio o alumnado escolarízase, sobre todo, nos centros públicos. A non existencia de concertos neste nivel e a necesidade de contar con moitos especialistas fai que o ensino privado sexa moi caro.

Financiamento do Ensino

  • Dos 70 aos 90 o gasto público en educación medrou de forma continuada. En 1993 acadou o 6,1% do PIB. A partir desa data reduciuse ao 5,8% en 1997 e ao 5,6% no 2002.
  • O gasto privado (das familias) en educación en España representa o 20% do total (do gasto en educación).
  • Nos últimos anos o gasto público descendeu e o privado mantívose.
  • O gasto español en educación é máis baixo que o da media da Unión Europea.
  • En 1999 o gasto español en institucións educativas por estudante en EI era inferior ao medio da OCDE. En EP e ES era similar e en educación superior era inferior.

Unha Valoración Global

  • Nos anos 80 conseguiuse a escolarización global no ensino obrigatorio.
  • Nos anos 80 e 90 aumentou a escolarización nas idades temperás e postobrigatorias.
  • O desemprego xuvenil pode ter incidido no incremento das taxas de escolarización no ensino postobrigatorio, pero na etapa de educación infantil o incremento débese, fundamentalmente, á vontade política de aumentar os niveis de formación da poboación na etapa de educación infantil.
  • Nos últimos anos diminuíu o esforzo económico a favor da educación, o que incidirá negativamente no incremento da escolarización e na calidade da educación.

Pilares da Sociedade Democrática (Segundo Jurjo Torres Santomé)

Segundo Jurjo Torres Santomé, os pilares e o vigor dunha sociedade democrática teñen que ver:

  • Coa información á que accede a cidadanía.
  • Coas súas posibilidades de comprendela e de analizala.
  • Coa súa implicación na planificación e desenvolvemento dun proxecto de sociedade.
  • Coa capacidade de traballar e convivir con persoas diversas.
  • Coa súa disposición para participar na política, para protestar contra as inxustizas, para esixir responsabilidades aos seus dirixentes e comprometerse na loita pola xustiza social, a promoción de bens públicos e o coidado do medio ambiente.

Entradas relacionadas: