Definicións Esenciais de Xeografía Urbana e a Estrutura Demográfica da Poboación Regresiva

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,42 KB

Conceptos Fundamentais de Xeografía Urbana

A continuación, defínense termos clave utilizados na ordenación do territorio e o urbanismo:

Área Metropolitana

Rexión urbana que engloba unha cidade central que lle dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais ou de servizos, coas que mantén importantes relacións socioeconómicas, todo garantido de xeito centralizado. Exemplo: a área metropolitana de Madrid ou de Barcelona.

Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

Instrumento de ordenación e planificación integral do solo urbano consolidado e o territorio potencialmente urbanizable nun futuro. Contén a clasificación do solo, a definición dos elementos estruturadores do territorio, o desenvolvemento, a execución e a vixencia do plan. Tamén se coñece co nome de Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU).

Xentrificación

Proceso mediante o que a poboación orixinaria dun sector ou barrio se ve progresivamente desprazada por outra dun nivel adquisitivo maior. O proceso supón un fenómeno de elitización residencial, que inclúe unha recualificación social do solo en sectores centrais das urbes. Exemplo: Barrio de Chueca en Madrid.

Cidade Difusa

Modelo de desenvolvemento urbano de inspiración anglosaxoa, que se caracteriza por unha expansión do tecido urbano, con menor densidade de edificación, ao longo das áreas metropolitanas e contornas rururbanas. Na súa superficie configúranse áreas segregadas, especializadas en funcións residenciais, comerciais e industriais. A ideoloxía clorofila dominante a finais do século XX expandiu este modelo en España, que se adapta tradicionalmente ao modelo de cidade compacta mediterránea.

Cidade de 15 Minutos

Modelo de planificación urbanística sostible, lanzado na COP21 de París, e caracterizado por promover un deseño urbano que facilite o acceso ás necesidades básicas baseado na proximidade e nos desprazamentos a pé ou en bicicleta, menos contaminantes. Outro modelo sostible é tamén o das supermazás postas en práctica na cidade de Barcelona.

A Pirámide de Poboación e a Estrutura Demográfica Moderna

Definición e Estrutura da Pirámide

A pirámide de poboación (réxime moderno) é unha representación gráfica que recolle información da poboación dun territorio segundo o sexo e a idade nun ano concreto. No eixe vertical aparecen grupos de idades, divididos de 5 en 5 anos, e cada grupo recibe o nome de cohorte. No eixe horizontal aparece a poboación en tantos por cento para cada grupo de idade e sexo. A fonte dos datos é o INE.

Forma e Réxime Demográfico

A pirámide ten forma de urna, o que mostra unha poboación regresiva, unha poboación envellecida que tende a aumentar, cunha base estreita e un cumio máis amplo. É característica dos países desenvolvidos.

Estrutura por Sexo

En canto á estrutura por sexo, a porcentaxe de mulleres é maior que a de homes. No 2025 en España hai máis de 25 millóns de mulleres e máis de 24 millóns de homes. Sen embargo, na base obsérvase a superioridade masculina porque nacen máis nenos que nenas (105 nenos por cada 100 nenas).

No corpo central as porcentaxes iguálanse e no cumio da pirámide hai superioridade das mulleres, o que quere dicir que a partir de 65 anos hai máis mulleres que homes. Isto débese a que as mulleres teñen unha maior esperanza de vida, o que está relacionado con razóns biolóxicas (maior fortaleza), laborais (traballos menos duros) e sociais (estilo de vida máis saudable).

Estrutura por Idades

A Base (Poboación Xove)

En referencia á estrutura por idades, a base é estreita. Isto explícase coa baixa natalidade (6,61‰) e un índice sintético de fecundidade moi baixo (1,12 fillos por muller), o que significa un decrecemento de poboación que se compensa coa inmigración, pero que non garante o relevo xeracional (2,1 fillos por muller).

O Corpo Central (Poboación Adulta)

No corpo central é onde se atopa a maior parte da poboación española, que é a poboación adulta (15-64 anos), especialmente os adultos vellos (entre 45 e 64 anos). Esta gran cantidade de poboación adulta, especialmente entre as cohortes de 1967 e 1966 (54-64 anos), débese ao fenómeno do baby boom, que estivo influenciado polo desenvolvementismo.

Sen embargo, a partir de 1975 (entre 40 e 44 anos) dá lugar a un estreitamento da pirámide debido á diminución da fecundidade, á transformación da mentalidade da sociedade española e a outros factores.

O Cumio (Poboación Envellecida)

No cumio (65 anos e máis) atopamos unha gran cantidade de poboación (poboación envellecida), especialmente no caso das mulleres debido á súa maior esperanza de vida, a que a emigración ao exterior foi especialmente masculina e tamén a que unha gran cantidade de homes faleceron na Guerra Civil Española, polo que diminuíu a cantidade de homes de maneira considerable.

Proxeccións de Futuro

No futuro é previsible que o envellecemento aumente debido a que as xeracións do baby boom (as máis numerosas) están chegando aos 65 anos. Ademais, a natalidade seguirá diminuíndo e a mortalidade crecerá, polo que se producirá unha progresiva diminución da poboación española.

Entradas relacionadas: