Definicións de Economía: Balanza Comercial e Máis
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,03 KB
Balanza comercial
A balanza comercial forma parte da balanza de pagamentos dun país. Esta balanza só rexistra as importacións e exportacións de mercadorías dun país co resto do mundo ao longo dun ano, é dicir, non contempla a prestación de servizos entre países, nin o investimento ou o movemento de capitais. O saldo da balanza comercial é a diferenza do total das exportacións e as importacións. Será positivo cando haxa máis exportacións que importacións (superávit comercial) e será negativo cando se importen máis mercadorías das que se exportan do país (déficit comercial).
Economía somerxida
A economía somerxida é o conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais. Aprovéitanse de situacións de altos índices de desemprego e buscan non pagar impostos, cotas de Seguridade Social, e o pago de salarios baixos. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.
Taxas aeroportuarias
As taxas aeroportuarias son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros e as mercadorías, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso das instalacións e os servizos dos aeroportos. O tráfico de mercadorías mediante transporte aéreo é escaso (agás no caso de bens perecedoiros ou valiosos) debido ao elevado custo do transporte e desas taxas aeroportuarias, que repercuten no prezo final dos produtos transportados.
Ecoturismo
O ecoturismo é unha nova tendencia do turismo alternativo, diferente ao turismo tradicional. Céntrase na visita a espazos naturais protexidos, como parques nacionais ou naturais, nas que se combina a protección ambiental co uso recreativo e turístico suxeito ás regulamentacións establecidas. Estas actividades turísticas buscan a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; pero ademais pretenden manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local, e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.
Franquicia
Unha franquicia é un sistema de cadeas de establecementos pertencentes a empresas xuridicamente distintas ligadas por un contrato no que unha (a franquiadora) lles concede a outras (as concesionarias) a licenza, por un período determinado de anos, para explotar unha marca ou unha fórmula comercial mediante o pagamento dunha cantidade determinada, achegándolle a asistencia, a publicidade, etc. Este feito, xunto a unha organización do espazo interno e a creación dun ambiente de seguridade e confort ambiental moi similares en todos os casos, confírelles unha personalidade bastante estandarizada. As empresas concesionarias aprovéitanse dos beneficios das compras centralizadas e das campañas publicitarias únicas.