David Hume: Ideas, Coñecemento e Leis de Asociación

Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,15 KB

As Ideas: Orixe e Natureza

Deteñámonos un pouco máis nisto. Toda idea simple provén das súas correspondentes impresións simples: por exemplo, a idea de vermello da impresión de vermello. As representacións mentais coas que argumentamos ou razoamos son copias das nosas impresións ou percepcións máis vivas. Ata aquí todo ben.

E as ideas complexas? Son tamén unha copia de impresións complexas? Nalgúns casos, as ideas complexas proveñen de impresións complexas: por exemplo, a idea de mazá da impresión de mazá. Non obstante, existen outros tipos de ideas complexas que non son estritamente copias de impresións complexas, senón que son produto da combinación e unión que realiza a imaxinación coas impresións simples (idea de mazá das impresións de cor vermella e cheiro doce) ou coas ideas simples (idea de mazá das ideas de cor verde e recordo do cheiro).

O Problema das Ideas Sen Base Empírica

Pensemos nun centauro: de que impresión diriamos que provén? De ningunha. De que ideas simples? Da idea de varón e de cabalo. Pero o que está a pasar é que a imaxinación está a combinar e unir de xeito fantasioso esas ideas, sen ningunha base empírica. Diríamos que a idea de centauro é lexítima como ferramenta valiosa para coñecer a realidade? Neste exemplo a resposta é clara, pero en ocasións é doado equivocarse e tomar como verdadeiras ideas que non o son.

Estudaremos isto máis adiante, e comprobaremos que o empirismo pode conducir cara a un escepticismo: non se pode aceptar calquera idea como verdadeira; cómpre analizar os nosos contidos de conciencia minuciosamente para non caer no erro. A cautela e a prudencia volven de novo a ser fundamentais.

Leis de Asociación de Ideas

Temos dito que as ideas son os materiais do coñecemento, pero as ideas non se presentan desconectadas, senón seguindo unha orde. Esta orde das ideas fundaméntase nunhas leis ou regularidades que dirixen a natureza humana para asociar ideas. Nelas baséase a construción de ideas complexas. Son as seguintes:

  • Lei de semellanza: impulso da mente a agrupar ideas en virtude dun parecido ou identidade. Por exemplo, unha fotografía faranos pensar no seu modelo; a un conxunto de individuos denominámolos cunha mesma palabra (por exemplo, can).
  • Lei de contigüidade no espazo e/ou no tempo: tendencia a relacionar ideas en base á súa conexión temporal ou espacial. Por exemplo, cor verde, catro patas e superficie de madeira lisa: idea de mesa; un monitor fainos pensar na CPU; a idea do mes de agosto nas vacacións de verán.
  • Lei de causalidade (causa-efecto): crenza da mente de conectar con necesidade fenómenos que se suceden no tempo, creando unha expectativa de futuro á vista dun deles que se considera causa do outro (efecto). Por exemplo, fume e lume, choiva e nubes.

Estas leis obedecen simplemente a tendencias da mente, a unha «forza suave», di Hume, que se orixina na natureza humana e rexe a combinación das ideas.

Tipos de Coñecemento: Relacións de Ideas e Cuestións de Feitos

Entradas relacionadas: