David Hume: O Empirismo Radical, a Teoría das Percepcións e a Crítica á Causalidade
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 10,5 KB
David Hume: O Empirismo Radical e a Crítica ao Coñecemento
O Contexto Histórico e a Traxectoria de Hume
David Hume naceu en Escocia e viviu no século XVIII, o século da Ilustración. Por influencia do seu pai, que era avogado, matriculouse na carreira de Dereito pero deixouna para estudar Filosofía. Despois de ler a Locke, decide profundar no desenvolvemento do empirismo, converténdose no maior representante desta corrente.
As obras máis importantes de Hume son:
- Tratado da natureza humana, onde pretende aplicar o método científico de Newton ao estudo da base psicolóxica da natureza humana.
- Investigación sobre o entendemento humano, onde pretende explicar de onde vén o coñecemento humano e cales son os seus límites.
A Orixe do Coñecemento: Empirismo vs. Racionalismo
Durante a Idade Moderna, as ciencias acadaron un gran desenvolvemento, polo que os filósofos se preocuparon polas cuestións relacionadas co coñecemento humano. Coñecer consiste en adquirir ideas. Pero non todo o coñecemento é igual de firme e seguro: para saber se o noso coñecemento é seguro, temos que analizar de onde veñen as nosas ideas, cal é a súa orixe.
Racionalismo e Ideas Innatas
Os filósofos racionalistas, como Descartes, crían que o coñecemento seguro é o que vén da nosa razón e que temos ideas innatas.
O Empirismo de Locke e Hume
Os filósofos empiristas, como Locke e Hume, opoñeranse aos racionalistas e dirán que o único coñecemento fiable é o que vén da experiencia, e que ademais non existen as ideas innatas. Locke xa defendera que todo o noso coñecemento provén da experiencia, pois cando nacemos a nosa mente é como unha "tabula rasa" (unha táboa rasa).
A Teoría das Percepcións: Impresións e Ideas
Hume define como percepción "calquera cousa que poida representarse na mente", é dicir, os nosos contidos mentais chámanse percepcións. As percepcións divídense en dous grandes grupos:
- Impresións: Captámolas mediante os sentidos e percibímolas de maneira viva e intensa.
- Ideas: Son copias ou imaxes das impresións anteriormente sentidas. Teñen moita menos forza e intensidade que a impresión orixinal.
Vexamos un exemplo: cando bebo unha cunca de café, estou captando unha impresión mediante o sentido do gusto. En cambio, se horas despois lembro o sabor que tiña ese mesmo café, o que evoco é unha idea.
Tipos de Impresións
As impresións poden ser de dous tipos:
- Impresións de sensación: Atribuímolas á acción dos sentidos e son as que percibimos cando dicimos que vemos algo, escoitamos algo, etc.
- Impresións de reflexión: Son aquelas que van asociadas ás emocións ou aos sentidos internos, como cando sentimos fame ao pensar na nosa comida favorita ou cando sentimos medo ou nervios ao pensar nun exame difícil.
As impresións deixan un resto ou unha pegada na nosa mente, deixan unha idea: as ideas son copias das impresións. A nosa mente pode xogar despois con esas ideas, lembrándoas e combinándoas mediante dúas facultades: a memoria e a imaxinación. Mediante a memoria, lembramos as ideas, e mediante a imaxinación, mesturamos e combinamos ideas. Polo tanto, para Hume as ideas son vagas e indefinidas, mentres que as impresións son máis intensas.
Ademais, cada idea derívase dunha impresión e, baseándose nisto, rexeita as ideas innatas: se todas as nosas ideas son copias de impresións, non existen ideas innatas. As impresións son os elementos orixinarios do coñecemento. Por iso, o criterio de verdade, é dicir, o criterio para saber se unha idea é verdadeira é que se corresponda con algunha impresión.
As Leis de Asociación de Ideas
Así como o universo é un conxunto de corpos celestes que se atraen no baleiro segundo as leis da gravitación de Newton, a mente é un conxunto de ideas que se enlazan segundo as leis de asociación de ideas. Segundo Hume, a mente humana tende a asociar as ideas simples en ideas complexas de tres maneiras distintas:
- Semellanza: Un retrato faime pensar na persoa que foi retratada.
- Contigüidade espazo-temporal: Cando penso no instituto, penso na miña aula, pero tamén nos espazos contiguos, como o corredor ou o patio.
- Relación causa e efecto (Causalidade): Cando vemos un accidente de coche tendemos a pensar na causa ou no motivo do mesmo.
Estas leis de asociación de ideas permiten á nosa imaxinación ligar unhas ideas con outras.
Tipos de Coñecemento Segundo Hume
Hume vainos dicir que hai dous tipos de coñecemento, que se expresan mediante proposicións:
1. Coñecemento de Relacións entre Ideas
- Correspóndense cos xuízos das matemáticas e a lóxica.
- Non nos din nada do mundo, dependen exclusivamente da actividade da razón.
- Son a priori, polo tanto non se orixinan na experiencia.
- Son analíticas: pódese inferir o predicado por análise do suxeito.
- É un tipo de coñecemento necesario.
2. Coñecemento de Feitos (Cuestións de Feito)
- Son a posteriori, orixínanse na experiencia.
- Dannos información sobre o mundo.
- Só se poden demostrar pola experiencia.
- Neste tipo de coñecementos a relación entre suxeito e predicado non é necesaria.
Hume afirma que todos os razoamentos que parten da experiencia están fundados na relación causa-efecto. A proposición «o sol non sairá mañá» non implica ningunha contradición lóxica respecto da proposición que agora se cumpre: «o sol sae todos os días». O sol podería deixar de saír ou certos feitos da natureza deixar de cumprirse por razóns que descoñecemos. Isto supón que o contrario a unha cuestión de feito é sempre posible e que, polo tanto, sobre aquilo que se basea a experiencia non temos coñecementos absolutamente certos, senón simplemente probables. É o coñecemento propio das ciencias empíricas.
A Crítica Radical á Metafísica
Hume vai facer unha crítica á metafísica, pois vai criticar os conceptos metafísicos que defendían os racionalistas: o concepto de substancia e o de causalidade.
A Refutación do Concepto de Substancia
Os filósofos racionalistas, como Descartes, crían que a substancia era unha realidade fundamental que existía por si mesma. Para Descartes a realidade compoñíase de tres substancias, que eran os temas centrais da metafísica:
- Alma ou Eu (Substancia pensante)
- Deus (Substancia infinita)
- Mundo (Totalidade da materia)
Para Hume, estas ideas son ideas falsas porque non se corresponden a ningunha impresión, é dicir, non podemos percibir á Alma, nin a Deus, nin ao Mundo como totalidade de toda a materia. Hume está aplicando aquí o seu criterio de verdade: "toda idea debe levar asociada unha impresión". E comproba que esas ideas que compoñen o concepto de substancia non están orixinadas por ningunha impresión. Polo tanto, a idea de substancia non é máis que unha idea ficticia elaborada pola nosa imaxinación.
Séguese disto que o empirismo de Hume é unha filosofía radicalmente antimetafísica ao rexeitar o concepto básico desta disciplina e ao negar a posibilidade de coñecemento dos seus temas: Deus, Alma e Mundo.
O Cuestionamento do Principio de Causalidade
Para Hume, a idea de causalidade non corresponde a unha conexión real entre as cousas, senón que non é máis que unha suposición que facemos debido á costume ou ao hábito.
O que vemos é que a unha percepción A lle segue unha percepción B, e se sempre vimos iso, tendemos a pensar que no futuro seguirá ocorrendo así, pero iso para Hume non é saber, senón que só é crenza. Poñamos un exemplo: É seguro o noso coñecemento de que o sol sairá mañá? Se estamos seguros de que sairá é só porque ao longo da nosa vida así o estivemos percibindo, pero non podemos ter unha certeza absoluta de que seguirá ocorrendo así no futuro.
Cando falamos de causalidade non debemos falar dunha lei das cousas, senón que debemos decatarnos de que unicamente estamos facendo unha asociación seguindo unha lei do noso modo de pensar as cousas. Para Hume, ocorre o mesmo co coñecemento científico: non é certo senón que só é probable.
Como consecuencia da crítica que fai Hume ao principio de causalidade, a ciencia pasa de ser considerada como un saber seguro a un saber simplemente probable: as leis da natureza non responden a unhas conexións necesarias entre os fenómenos da natureza senón só asociacións que nós facemos entre as nosas percepcións. Unha lei científica como que a auga ferve aos cen graos é só unha afirmación probable. O que nós observamos é unha percepción A que sería a "causa" e unha percepción B que sería o "efecto". É probable que isto no futuro siga ocorrendo pero non o sabemos con certeza. O principio de causalidade é unha suposición formada pola costume, e non unha conexión real entre as cousas.
A crítica de Hume ao principio de causalidade supón unha crítica á metafísica, xa que moitos filósofos recorrían a este principio para explicar como é a realidade. Lembremos que Tomé de Aquino baseárase neste principio para demostrar que Deus existía.
Conclusión e Legado Filosófico
Debemos lembrar que a crítica que fai Hume á metafísica non pretende cuestionar o valor da ciencia. Hume era un filósofo ilustrado, defensor da investigación científica, da educación e da cultura. Así que el en ningún momento dubida do valor e da utilidade que ten a ciencia, senón que o único que pretende mostrar coa súa argumentación é que as afirmacións que fan os científicos non son verdades absolutas. As leis da natureza son só crenzas probables, nas que é razoable confiar.
Hume influíu enormemente na filosofía posterior, sobre todo en Kant, quen dirá que "espertou do seu soño dogmático" grazas a Hume e afirmará que non é posible a metafísica como ciencia. Hume tamén destacou pola súa teoría do emotivismo ético.