David Hume e Descartes: Empirismo, Racionalismo e a Crítica ao Coñecemento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 9,49 KB
David Hume: Empirismo e Escepticismo
Hume foi un pensador escocés que viviu ao longo do século XVIII e que se encadra dentro da corrente empirista. Este autor é especialmente coñecido polas súas críticas escépticas ás ideas de substancia e causalidade. Entre as súas obras destaca o Tratado da natureza humana.
Elementos do Coñecemento en Hume: Impresións e Ideas
Hume defende que todo o coñecemento provén da experiencia e non das ideas innatas, como defendía o racionalismo. Locke, por exemplo, defendía que nacemos como un papel en branco que temos que ir enchendo cos contidos da experiencia. Por iso, todo o coñecemento que hai en nós xorde da experiencia e dos sentidos.
Defende que todo o coñecemento se elabora a partir das PERCEPCIÓNS (impresións e ideas) e da propia ACTIVIDADE DO ENTENDEMENTO.
As Percepcións: Impresións e Ideas
As percepcións divídense en:
- IMPRESIÓNS: Son os actos inmediatos da experiencia. Dado que a experiencia pode ser externa ou interna, hai dous tipos de impresións:
- IMPRESIÓNS DA SENSACIÓN: Atribúense á acción dos sentidos, coas que coñecemos as calidades dos obxectos do exterior.
- IMPRESIÓNS DE REFLEXIÓN: A través das cales coñecemos os nosos estados de conciencia ou estados internos.
- IDEAS: Son copias derivadas de impresións cando estas desapareceron, polo que non achegan ningún novo coñecemento. As ideas difiren das impresións só en que son máis débiles e poden aparecer nunha orde temporal diferente.
O noso entendemento combina ideas simples, formando ideas complexas. Esta asociación de ideas sinxelas segue tres leis:
- LEI DA SEMELLANZA: Fainos agrupar ideas en virtude dunha semellanza.
- LEI DA CONTIGÜIDADE: Tendemos a establecer unha relación entre as ideas en función da súa proximidade espacial e temporal.
- LEI DA CAUSALIDADE: Mediante a cal establecemos unha relación causa-efecto.
Dado que as ideas derivan das impresións, para comprobar se unha idea é certa, débese ser capaz de relacionala coa impresión que a provocou. Se non se pode facer, a idea é falsa. Por iso, UNHA IDEA SEN IMPRESIÓN ASOCIADA SERÁ FALSA.
Os Dous Tipos de Coñecemento Válido
Hume afirma dous tipos de coñecemento válidos:
- Coñecemento DAS RELACIÓNS ENTRE IDEAS: A esta clase pertencen as ciencias da xeometría, álxebra e aritmética, “toda afirmación que sexa intuitiva ou demostrativamente verdadeira”. Estas proposicións xorden de establecer relacións entre ideas respectando o principio de non contradición, polo que é posible a certeza absoluta.
- Coñecemento DOS FEITOS: Este tipo de coñecemento constitúe as ciencias empíricas e está formado por todas as proposicións que fan referencia a datos de feito. A verdade destas proposicións non se pode establecer de xeito puramente lóxico, senón que debe someterse á experiencia.
A Crítica Escéptica á Causalidade
Segundo Hume, a causalidade foi concibida tradicionalmente como unha CONEXIÓN NECESARIA entre a causa e o efecto. Deste xeito, unha vez coñecida a causa, a razón podería deducir o efecto que seguirá e, viceversa, unha vez coñecido o efecto, a razón estaría en condicións de saber a causa que o produce.
Por exemplo, no caso da bola de billar, asumimos que hai unha "conexión necesaria" entre causa e efecto. Segundo Hume, non é así. Debemos concluír que a idea de que existe unha "conexión necesaria" entre causa e efecto é falsa. De onde vén a convicción da conexión? Hume afirma que provén da experiencia e que se debe ao noso COSTUME OU HÁBITO. Como sempre vimos que sucedía así, temos a EXPECTATIVA de que vai suceder sempre así, pero realmente non temos ningunha seguridade de que non vaia haber unha excepción.
O Rexeitamento da Idea de Substancia
Hume aplica o seu criterio de verdade á idea de substancia, que afirma que unha idea só é verdadeira se corresponde a unha impresión. Distingue entre impresións de sensación, provenientes dos sentidos, e impresións de reflexión, asociadas ás paixóns ou emocións. Pregúntase se a idea de substancia é copia dalgunha destas impresións, concluíndo que non.
A substancia non é algo que se poida ver, tocar ou escoitar, xa que só percibimos os seus accidentes, como cor ou textura, pero non a substancia mesma. Tampouco é unha impresión de reflexión, pois non é unha paixón ou emoción.
Se non hai impresión que corresponda á substancia, segundo o criterio de Hume, esta idea é falsa. Explica que a idea de substancia é un produto da imaxinación, que unifica coleccións de ideas simples —como cor ou peso— baixo un termo común, usando relacións de contigüidade e causalidade. Así, a substancia non é unha realidade, senón unha construción mental para organizar as percepcións. Esta crítica desmantela a concepción tradicional da substancia como base real da realidade.
A Revolución Científica e o Método Hipotético-Deductivo
A revolución científica comeza no Renacemento, especialmente no século XVI, coas principais contribucións na astronomía e física, e tamén noutras ciencias como as matemáticas. A modernización da ciencia vén dada polo método hipotético-deductivo, introducido por Galileo, que consiste en:
- Descompoñer o fenómeno en partes matemáticas simples.
- Formular unha hipótese matemática e deducir consecuencias.
- Comprobar a hipótese mediante experimentos, forzando á natureza a dar respostas precisas.
Este método e a matematización da física considéranse clave, xa que se cre que a realidade está definida por relacións matemáticas. Galileo destacou: "O libro da natureza está escrito en linguaxe matemática".
Descartes e o Fundamento Racional do Coñecemento
Descartes é o primeiro filósofo moderno racionalista, preocupado pola orixe e a lexitimidade do coñecemento. O seu enfoque defende que o coñecemento lexítimo provén da razón.
O Método Cartesiano: Regras para a Certeza
Descartes propón un método baseado en combinar vantaxes da lóxica, aritmética e xeometría. A súa intención é atopar a verdade como certeza, algo indubidable, e o seu método baséase en catro regras:
- Regra da certeza: Só se admitirá como verdadeiro o que sexa claro e distinto. Este acto de alcanzar a evidencia chámase intuición.
- Regra de análise: Dividir os problemas en partes sinxelas.
- Regra de síntese: Reconstruír as partes do simple ao complexo, a través da dedución.
- Regra de enumeración e revisión: Facer revisións rigorosas para garantir que non se deixaron pasos importantes sen considerar.
A Dúbida Metódica e as Súas Etapas
Descartes busca atopar un principio indubidable que sirva para fundamentar todo o coñecemento, para iso, dubida metódicamente de todo:
- Dúbida dos sentidos: Sabemos que os sentidos poden enganar, logo non podemos confiar neles.
- Dúbida sobre a realidade: A realidade pode ser un soño.
- Dúbida sobre o entendemento: Un xenio maligno pode enganar o entendemento, facendo que as verdades do entendemento sexan erróneas.
O Cogito, a Proba de Deus e as Tres Substancias
Unha vez establecido o cogito ("Penso, logo son") como a primeira certeza indubidable, Descartes busca demostrar a existencia de Deus partindo da idea de perfección. Afirma que a idea dun ser perfecto, infinito e omnipotente non pode proceder nin del mesmo, xa que é un ser finito e imperfecto, nin do mundo sensible, tamén caracterizado pola imperfección. Segundo o principio de causalidade, unha causa debe conter polo menos tanta realidade como o seu efecto. Dado que a idea de perfección é maior ca el, só un ser perfecto pode ser a súa causa.
Descartes argumenta ademais que a perfección inclúe necesariamente a existencia, xa que un ser que non existe sería menos perfecto ca un que existe. Por tanto, conclúe que Deus, como ser perfecto, debe existir. Esta demostración ten unha implicación central no seu sistema filosófico: a existencia de Deus serve como garantía de que as ideas claras e distintas percibidas pola mente non son erróneas. Sendo Deus un ser bondadoso e non enganador, asegura a fiabilidade do entendemento humano e, con iso, o fundamento de todo coñecemento racional.
Despois deste proceso dedutivo, Descartes demostrou as tres substancias que compoñen a realidade. Distingue tres substancias:
- Substancia infinita (Deus): Causa última das outras substancias.
- Substancia pensante (res cogitans, o Eu): A consciencia individual, caracterizada polo pensamento.
- Substancia extensa (res extensa, o mundo): A realidade material percibida polos sentidos. Descartes cre que existe un determinismo absoluto nesta substancia, gobernado por leis físicas mecánicas. O atributo principal desta substancia é a extensión, ou a ocupación de espazo.