A Era das Vangardas Artísticas: Movementos e Impacto no Século XX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,07 KB

As Vangardas Artísticas: Orixe e Evolución no Século XX

A principios do século XX, en cidades como París, Berlín, Nova York, Zúric e Moscova, grupos de mozos artistas –case todos eles nados despois do Impresionismo– afanáronse en crear unha arte nova, unha arte que puidese satisfacer, realmente, ao ser humano moderno, ao nacido da civilización industrial. Á marxe de calquera dogma ou principio universal, a arte do período disgregouse nunha infinidade de tendencias estética e ideoloxicamente dispares que, ademais, se sucederon a un ritmo frenético, solapándose ou enfrontándose entre elas. Compartiron, iso si, un carácter radicalmente innovador, adiantándose ao gusto predominante. Eran as vangardas da arte no seu eterno proceso de renovación.

A celeridade con que se sucederon estes novos movementos artísticos foi un fenómeno paralelo á rapidez con que evolucionaron a industria e a economía, a sociedade e os hábitos de consumo e costumes da poboación dentro do contexto do mundo occidental.

Contexto Histórico e Intelectual das Vangardas

A arte europea anterior á Primeira Guerra Mundial desenvolveuse nun continente no que as tensións políticas ían en aumento e acabarían estoupando en 1914 na Gran Guerra. Paralelamente, os problemas sociais manifestáronse no auxe do sindicalismo e do socialismo.

No campo do pensamento, as ideas de Einstein (teoría da relatividade, 1905) fixeron ver a realidade desde un ángulo novo. O espazo e o tempo non eran fenómenos independentes, a xeometría de Euclides non revelaba a estrutura inmutable do mundo e só tiña un certo “valor operativo”. Por outra parte, en 1900 Sigmund Freud publicou A interpretación dos soños. A partir deste momento, a lóxica consciente podería ser unha pantalla que ocultaba outras motivacións máis fondas. Abriuse así a posibilidade de considerar como reais outras realidades, a dos soños, fobias, obsesións... estudadas pola psicanálise.

O desenvolvemento da fotografía, cuxa técnica permitía unha captación cada vez máis rápida da realidade, liberou a arte desta obriga. As artes plásticas enfrontáronse entón ao reto de redefinir a súa función e buscar novos medios de expresión. Neste camiño, a que podemos chamar “arte primitiva” (africana, de Oceanía, e incluso ibérica antiga) gañou adeptos; os artistas viron nestas figuras inxenuas a veracidade ou forza expresiva que podían ter unhas formas sinxelas reducidas ao esencial. A difusión da arte negra nos círculos europeos foi consecuencia da expansión colonial, do comercio internacional e da mellora do transporte que facilitou as viaxes de longa distancia.

A nivel artístico, os pintores partiron dos experimentos feitos polos postimpresionistas (Van Gogh, Gauguin, Toulouse-Lautrec, Cézanne) que influíron considerablemente nos movementos artísticos destes anos. O centro artístico por excelencia continuou sendo París.

Primeiros Movementos Vangardistas

Os dous primeiros movementos, o Fauvismo e o Expresionismo (Die Brücke), apareceron case simultaneamente en 1905, e constituíron unha reacción fronte ao Impresionismo, aínda que é innegable que sen el nunca terían xurdido. O Fauvismo quixo devolver á forma a súa estabilidade e o Expresionismo pretendeu reaccionar fronte á suposta superficialidade do Impresionismo.

Tamén se asistiu ao nacemento das vangardas artísticas, movementos cun marcado afán de ruptura co anterior, que propugnaron unha actitude libre no home e no artista, defenderon unha arte nova e xeralmente expresaron a súa confianza no progreso. Neste sentido, destacaron o Cubismo e o Futurismo.

O Período de Entreguerras (1919-1939)

O período de Entreguerras (1919-1939) trouxo como consecuencia da Primeira Guerra Mundial unha sensación de amargura e fatiga, tamén de pesimismo, e expuxo unha reacción contra a sociedade e a clase dirixente que embarcara á poboación en semellante desastre. Hai que pensar ademais que trastocou os grupos artísticos que xa existían, e que houbo mobilizacións e exilio de pintores para intentar fuxir da guerra. Tras a contenda, apreciouse un certo afán por cambiar a arte e as formas de vida.

En 1917, a Revolución Bolxevique impuxo un cambio político e social radical e totalmente novo en Rusia, e abriu a esperanza dunha nova orde en todos os aspectos da vida, tamén na arte.

Os anos 20 supuxeron primeiro a recuperación económica de Europa, tras os cales viría unha terrible crise (o crac de 1929). Tamén convén citar a difícil situación económica de Alemaña pola enorme débeda de guerra, o que contribuíu ao desenvolvemento do nazismo, que en 1933 levou a Hitler ao poder.

Tendencias Dominantes no Período de Entreguerras

Durante estes anos, asistiuse a dúas tendencias dominantes:

  1. A valoración do imaxinativo e do azar: Esta tendencia estivo encabezada polo Dadaísmo e seguida posteriormente polo Surrealismo.
  2. A tendencia á Abstracción xeométrica: Baseada na simplicidade de formas e cores, e na busca de valores esenciais na arte, de xeito que se puidesen aplicar a outros campos da vida, como o deseño industrial ou arquitectónico. Os seus defensores consideraron que a arte non debía imitar á natureza, senón ser obxectiva. Esta tendencia manifestouse en tres movementos: Neoplasticismo, Construtivismo e Funcionalismo.

Obras e Artistas Representativos das Vangardas

  • A alegría de vivir: Henri Matisse, Fauvismo, 1905-1910
  • O Grito: Edvard Munch, Expresionismo, 1905-1933
  • Fonte: Marcel Duchamp, Dadaísmo, 1916-1922
  • Táboa número 1: Piet Mondrian, Neoplasticismo, 1917-1944
  • A columna rota: Frida Kahlo, Surrealismo, 1924-1950
  • Natureza morta con cadeira de reixa: Picasso, Cubismo Sintético, 1912-1921
  • A persistencia da memoria: Dalí, Surrealismo, 1924-1950
  • Antroido de Arlequín: Miró, Surrealismo
  • Verbena: Maruja Mallo, Surrealismo
  • Pavillón Alemán: Mies van der Rohe, Funcionalismo, 1ª metade s. XX
  • Museo Guggenheim de Nova York: Wright, Organicismo, 1ª metade s. XX
  • A rúa: Kirchner, Expresionismo, 1905-1933
  • As señoritas de Avignon: Picasso, Cubismo, 1907-1914
  • L.H.O.O.Q.: Marcel Duchamp, Dadaísmo, 1916-1922
  • Primeira acuarela abstracta: Kandinsky, Abstracción, 1916-1922
  • A chave dos campos: René Magritte, Surrealismo
  • Retrato de Ambroise Vollard: Picasso, Cubismo Analítico, 1907-1912
  • O Guernica: Picasso, Cubismo Sintético, Expresionismo, Surrealismo, 1937
  • Vila Savoia: Le Corbusier, Funcionalismo, 1ª metade s. XX
  • Casa da Fervenza: Wright, Organicismo, 1ª metade s. XX

Entradas relacionadas: