Cronoloxía da Guerra Civil Española: Etapas Clave e Desenvolvemento Militar
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en español con un tamaño de 3,88 KB
O Desenvolvemento da Guerra Civil Española: Un Percorrido Cronolóxico
O Alzamento e o Avance Inicial sobre Madrid
Despois de cruzar o estreito, as tropas sublevadas procedentes de África avanzaron ata Madrid para tomar a capital, símbolo do poder republicano. En agosto, coa toma de Badaxoz, lograron establecer un corredor coa zona do norte, e ao mes seguinte Franco tomou Toledo; co que en outubro xa estaba ás portas de Madrid. Ante tal situación, o goberno republicano trasladouse a Valencia, pero os sublevados non lograron conquistar Madrid debido á acción das milicias, que crearon consignas como o célebre “Non pasarán”. Fracasado o intento de entrar na capital, os sublevados decidiron realizar varias manobras envolventes para illar a capital, pero as derrotas nas batallas do Xarama e de Guadalaxara impediron que acadaran o seu obxectivo.
A Campaña do Norte: Un Obxectivo Estratéxico
Ante as dificultades para tomar Madrid, Franco decidiu centrar os seus esforzos na zona norte, posto que Asturias, Cantabria e País Vasco quedaran en mans republicanas, e estas eran zonas de gran importancia económica. Esta invasión comezou co ataque do xeneral Mola a Biscaia, e tivo gran importancia o bombardeo de Gernika por parte da aviación nazi, no que foi un dos primeiros bombardeos aéreos masivos da historia. En xullo caeu Bilbao e, a pesar dos intentos da República, que realizou ataques na zona de Madrid para aliviar a presión, a finais de outubro a zona norte xa estaba en mans dos sublevados.
A Ofensiva Republicana e a Batalla do Ebro
A finais de 1937, os republicanos aínda confiaban na vitoria, e para iso realizaron unha reforma do exército e diversas ofensivas, destacando a que lles permitiu controlar Teruel. Porén, o exército sublevado, encabezado por Franco, levou a cabo a Campaña de Aragón, reconquistando Teruel e avanzando ata o Mediterráneo. Deste xeito, a zona republicana quedara dividida en dúas partes. Para contrarrestar isto, aproveitando que Franco continuara cara ao sur en vez de conquistar Cataluña, os republicanos reorganizaron as súas forzas e realizaron un gran ataque sobre o río Ebro, buscando volver a unir a zona republicana; e deste xeito deu comezo a Batalla do Ebro. Os sublevados responderon a este ataque con gran forza, e conseguiron deter o avance das tropas republicanas. A continuación reconquistaron todo o terreo, tomando prazas tan importantes como Gandesa, ata que a comezos de 1938 entraron na cidade de Barcelona, provocando unha gran marea de exiliados cara a Francia.
O Colapso Final e o Fin da Guerra
A comezos de 1939 á República só lle quedaba a zona centro, e a comezos de marzo produciuse en Madrid unha sublevación a mans do coronel Segismundo Casado, responsable da defensa da cidade. Tras controlar a cidade, buscou a negociación con Franco, pero este só admitiu unha rendición incondicional; e o 28 de marzo de 1939 Franco entrou na capital. Os días seguintes as tropas sublevadas conquistaron o resto do territorio republicano, e o 1 de abril Franco deu por rematada a guerra.