A Crítica da Razón Pura de Kant: Análise e Condicións do Coñecemento

Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,36 KB

A Crítica da Razón Pura: Unha Análise Detallada

Esta pregunta vai quedar resolta nas tres partes da obra máis coñecida de Kant, A Crítica da Razón Pura, que se divide en: estética transcendental, analítica transcendental e dialéctica transcendental. Estas tres partes corresponden ás tres facultades que Kant distingue no home: a sensibilidade, o entendemento e a razón.

Estética Transcendental: A Sensibilidade

Na estética transcendental, a explicación que ofrece Kant sobre as condicións de posibilidade do coñecemento sensíbel están relacionadas directamente con dúas condicións a priori das que falabamos no exemplo da vista. Para poder ver son necesarias, aparte da agudeza visual e a iluminación adecuada do obxecto, dúas condicións absolutamente xerais e necesarias: o espazo e o tempo. Estas son condicións non soamente da visión senón da propia sensibilidade. Kant denomínaas «formas a priori da sensibilidade» ou tamén «intuicións puras». A priori por ser independentes da experiencia, formas porque son a maneira como percibimos calquera impresión particular, intuicións porque son anteriores a calquera construción do entendemento, puras porque están baleiras de contido empírico, son simples coordenadas que ordenan, e da sensibilidade porque pertencen ao mundo dos sentidos físicos.

Pois ben, as matemáticas ao falar do espazo (xeometría) e do tempo (aritmética) non fan outra cousa que formular xuízos sintéticos a priori, xuízos que son universais e necesarios como as propias condicións de posibilidade da sensibilidade, pero tamén son sintéticos xa que melloran a nosa comprensión da realidade.

Analítica Transcendental: O Entendemento

Agora ben, percibir, sentir múltiples fenómenos físicos non é comprendelos. Esta é unha función propia do entendemento. E isto é o que investiga na analítica transcendental: como son posibles os xuízos sintéticos a priori da física. Cales son as condicións de posibilidade do entendemento. Imaxinemos que observamos unha casa. As impresións sensíbeis que proceden dela (cores, tamaño, forma, etc.) no aquí e agora, non serían nada sen o concepto clave para interpretalas: casa. E se o que estiveramos a percibir non o viramos nunca non poderiamos contestar á pregunta de que é. Comprender fenómenos é referilos a un concepto, pero estes sempre se expresan a través de xuízos: isto é unha casa, o can é un mamífero, etc. O entendemento pode ser considerado, pois, como a facultade dos conceptos ou ben, a facultade de xulgar.

Conceptos e Categorías: A Experiencia e o A Priori

Hai conceptos empíricos, aqueles que proceden da experiencia (son a posteriori), tales como «casa», «can», «home», extraídos a partir de observar os trazos comúns entre os individuos ou obxectos percibidos. Pero aparte destes, existen certos conceptos que non proceden da experiencia, que son a priori. O entendemento, diciamos, caracterízase por producir espontaneamente certos conceptos sen derivalos da experiencia. Son os conceptos puros ou categorías do entendemento como, por exemplo, substancia, causalidade ou necesidade. En realidade, son doce, en consonancia coas doce formas lóxicas descubertas por Aristóteles.

Entradas relacionadas: