A Crítica de Nietzsche á Filosofía Occidental: Moral, Coñecemento e Deus

Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,9 KB

A Crítica de Nietzsche á Filosofía Occidental

O Enfrentamento coa Tradición

A filosofía de Nietzsche supón un enfrontamento radical con boa parte da tradición filosófica occidental, opoñéndose ao seu dogmatismo, cuxa raíz sitúa en Sócrates, Platón e a filosofía cristiá. A distinción e oposición, realizada nas súas primeiras obras, entre o apolíneo e o dionisíaco, levarao a desenvolver unha orixinal interpretación da historia da filosofía.

Segundo Nietzsche, o pensamento, a partir da reflexión socrática, afástase da vida e oponse a ela, negándoa mediante a invención platónica dunha realidade transcendente dotada de estabilidade e inmutabilidade, características opostas ás da única realidade que coñecemos: contraditoria e cambiante.

Crítica da Metafísica

Nietzsche oponse ao dualismo ontolóxico platónico: "este mundo, sensíbel e imperfecto", e o "outro mundo, suprasensíbel e perfecto", fundamento daquel. A realidade queda escindida en dous ámbitos: unha realidade suprasensíbel, estática e imperecedoira, fronte a unha realidade cambiante, sensíbel e perecedoira, considerada un produto residual e "desprezábel" da anterior.

Nietzsche presenta tres obxeccións:

  1. A infravaloración da realidade sensíbel débese á súa mutabilidade, mentres que a razón humana opera con categorías inmutábeis (conceptos). Pero isto non demostra a "imperfección" nin a "dependencia" do mundo sensíbel, senón a inadecuación da razón para coñecelo. É posíbel acceder de forma non racional ao coñecemento do mundo? É a razón a nosa única posibilidade cognoscitiva?
  2. O mundo suprasensíbel é unha ilusión, unha ficción, unha fantasía construída como negación do mundo sensíbel, a única realidade para nós.
  3. O recurso a un mundo suprasensíbel é unha reacción antivital, unha negación da vida (marcada polo sufrimento e a alegría), unha vinganza contra a natureza propia de espíritos ruíns que odian a vida, un produto do resentimento.

Crítica da Moral

Nietzsche acusa a moral platónico-cristiá de antinatural por ir en contra dos instintos vitais. O seu centro de gravidade non está neste mundo, senón no máis alá. Trátase dunha moral transcendente que non xira en torno ao home, senón en torno a Deus, e que impón ao home un rexeitamento da súa natureza, unha loita constante contra os seus impulsos vitais. Significa un rexeitamento xeral da vida, da verdadeira realidade do home, en favor dunha ilusión xerada polo resentimento. Esta moral é síntoma e expresión da decadencia da cultura occidental.

Crítica do Coñecemento

A metafísica de tradición platónico-cristiá fai corresponder a unha realidade inmutábel un coñecemento e unha verdade igualmente inmutábeis: o coñecemento conceptual. Pero o concepto, segundo Nietzsche, non serve para coñecer a realidade tal e como é. O concepto ten un valor representativo, pero sendo o real un devir, unha mudanza, non pode ser representado polo concepto, que representa a esencia, o inmutábel. O concepto é un modo impropio de referirse á realidade, un modo xeral e abstracto que nos afasta do singular e concreto, ocultando a realidade.

Nietzsche afirma que o concepto é unha metáfora da realidade, unha representación xeral que prescinde da diferenza individual. A filosofía tradicional esqueceu este carácter metafórico e pretendeu atopar nel a "esencia", unha suposta realidade suprasensíbel.

Nietzsche tamén se centra no papel da linguaxe na reflexión filosófica. A medida que o valor dos conceptos é falsificado pola metafísica tradicional, queda tamén falsificado o valor das palabras. A linguaxe contribúe a afianzar o engano metafísico. Recuperar o sentido do real esixe recuperar o valor da palabra. De aí o estilo aforístico da súa obra.

A Morte de Deus e o Nihilismo

A análise da cultura occidental leva a Nietzsche a constatar a morte de Deus. Deus fora o compás do home occidental, pero o home foi matándoo sen decatarse. Ao descubrir a morte de Deus, o home queda desorientado e a súa vida perde o sentido.

A morte de Deus é a morte do monoteísmo cristián e da metafísica dogmática. O home substitúe ese Deus e esa verdade única por múltiples deuses e verdades. Coa caída de Deus e da metafísica, os valores asociados non poden subsistir e son negados. O ateísmo conduce ao nihilismo, o proceso da conciencia do home occidental:

  1. Negación de todos os valores vixentes (dúbida e desorientación).
  2. Autoafirmación da negación inicial (reflexión da razón).
  3. Punto de partida dunha nova valoración (intuición expresada na vontade de poder).

Esta é a base da nova filosofía segundo Nietzsche. O home provoca a morte de Deus, toma conciencia dela e descóbrese a si mesmo como responsábel, descubrindo o poder da vontade e intuíndoa como valor máximo.

Entradas relacionadas: