As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812: Liberalismo e Transformación en España
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 21,5 KB
As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
Convocatoria das Cortes
As Cortes de Cádiz xorden no contexto da crise da monarquía española provocada pola presión de Napoleón, o Tratado de Fontainebleau (1807), o Motín de Aranjuez (1808) e as abdicacións de Carlos IV e Fernando VII en Bayona, que permitiron a entronización de Xosé I. A ocupación francesa deu lugar á Guerra da Independencia e á creación de xuntas locais e provinciais que asumiron a soberanía nacional. Tras a disolución da Xunta Suprema Central, moi desacreditada polas derrotas militares, creouse un Consello de Rexencia que convocou Cortes. Estas reuníronse en setembro de 1810 en Cádiz, cidade non ocupada polos franceses, dando lugar a unhas Cortes xerais e extraordinarias que iniciaron un proceso revolucionario liberal.
Composición social e ideolóxica
Nas Cortes distinguíronse tres tendencias: os absolutistas, defensores do absolutismo e das Cortes estamentais; os ilustrados moderados, partidarios dun réxime intermedio; e os liberais, que defendían a soberanía nacional e unha constitución. A imposibilidade de acudir de moitos deputados das zonas ocupadas fixo que predominase o sector liberal. As Cortes reuníronse nunha soa cámara, representando á nación, con igualdade de voto entre os deputados. A composición social incluía eclesiásticos, avogados, militares, comerciantes, funcionarios e intelectuais, sen presenza do pobo llano. Foron elixidas mediante sufraxio indirecto case universal e asumiron tamén a representación dos territorios americanos.
O labor das Cortes: Decretos e Constitución de 1812
O labor das Cortes tivo dous grandes obxectivos: crear un novo réxime político liberal mediante a Constitución e transformar a economía e a sociedade a través de decretos. A Constitución de 1812, aprobada o 19 de marzo, recoñeceu a soberanía nacional, estableceu a división de poderes, a igualdade xurídica e diversas liberdades individuais e políticas.
Suprimiuse o réxime señorial, os gremios, a Inquisición e os privilexios estamentais, proclamouse a liberdade económica e de imprenta, e instaurouse un sistema político liberal cunha monarquía constitucional limitada.
Porén, a Constitución presentaba contradicións: mantíñase a relixión católica como única oficial, conservábanse certos foros especiais e o rei conservaba amplos poderes, incluído o dereito de veto. A situación bélica impediu a súa plena aplicación. Tras o regreso de Fernando VII en 1814, o liberalismo foi abolido, e a Constitución só estivo vixente durante o Trienio Liberal e brevemente en 1836, aínda que se converteu nun referente fundamental do liberalismo español e europeo do século XIX.
Etapas do Reinado de Fernando VII
1) Sexenio absolutista (1814-1820)
Fernando VII anulou todo o feito na etapa anterior, restaurando o absolutismo. Volveron as antigas institucións, o réxime señorial, a Inquisición, os gremios e o antigo sistema fiscal. Pecháronse universidades, teatros e periódicos, devolvéronse os bens desamortizados e o Estado continuou en bancarrota. España regresou aos vellos problemas, agravados pola guerra: crise agrícola, bandoleirismo, malas comunicacións e perda das colonias americanas.
Produciuse unha forte represión contra os liberais, con detencións, procesos sen garantías, linchamentos, exilio (especialmente a Inglaterra) e cárcere para unhas 15.000 persoas. Estes liberais conspiraron desde dentro e fóra do país en sociedades secretas, como a masonería, para restaurar a Constitución de 1812.
O foco da oposición foi o exército, composto por 200.000 soldados e 16.000 oficiais, no que convivían xenerais absolutistas con antigos guerrilleiros de orixe campesiña e burgués liberal. Estes últimos protagonizaron ata oito pronunciamentos militares fracasados (Espoz y Mina, Porlier, Lacy), ata que en xaneiro de 1820 triunfou o pronunciamento de Riego e Quiroga en Cabezas de San Juan, obrigando ao rei a xurar a Constitución de 1812.
2) Trienio Liberal (1820-1823)
O regreso ao liberalismo debeuse máis á debilidade do absolutismo ca á forza propia dos liberais. Restaurouse a Constitución de Cádiz, detivéronse os absolutistas (“persas”) e concedéuselles amnistía aos afrancesados.
As principais reformas foron: reforma fiscal coa contribución única, división do Estado en provincias, creación da Milicia Nacional, fomento do comercio e da agricultura, supresión das aduanas interiores e dos gremios, abolición dos privilexios estamentais, señoríos e morgados. A Igrexa foi obrigada a tributar, reduciuse o diezmo, reformouse o clero regular e retomáronse as desamortizacións, o que permitiu reducir a débeda pública.
Estas reformas atoparon forte oposición do rei (que usaba o veto), da nobreza, da Igrexa e do campesiñado, que pagaba máis impostos e non se beneficiou das desamortizacións. Os liberais dividíronse entre moderados ou doceañistas (Martínez de la Rosa) e exaltados ou vinteañistas (Romero Alpuente). Cando estes últimos chegaron ao poder en 1823, produciuse a intervención estranxeira: a Santa Alianza encargou a Francia restaurar o absolutismo. Os Cen Mil Fillos de San Luís, dirixidos polo duque de Angulema, entraron en España e devolveron o poder absoluto a Fernando VII.
3) Década Ominosa (1823-1833)
Fernando VII anulou novamente toda a lexislación liberal e iniciou unha dura represión contra os liberais, a pesar da amnistía prometida (Riego foi aforcado). A partir de 1826 intentáronse tímidas reformas para saír da crise económica, agravada pola perda definitiva das colonias americanas.
A oposición foi dobre: por unha banda, os realistas puros ou apostólicos, partidarios dun absolutismo máis radical e apoiantes de Carlos María Isidro, que protagonizaron a rebelión dos “agraviados” en Cataluña (1827). Por outra banda, os liberais, que realizaron numerosos pronunciamentos e conspiracións sen éxito. A execución de Mariana Pineda en 1831 converteuse nun símbolo da loita pola liberdade.
A Constitución do Estado Liberal
Durante o reinado de Isabel II asentouse definitivamente o sistema político liberal en España, aínda que con máis dificultades ca noutros países de Europa occidental. Tras a morte de Fernando VII en 1833, e durante a minoría de idade de Isabel II, María Cristina asumiu a rexencia, tendo que apoiar aos liberais para facer fronte ao carlismo, o que favoreceu a configuración de distintas correntes do liberalismo que xa se manifestaran no Trienio Liberal.
Neste contexto consolidáronse tres grandes familias políticas: liberal moderada, progresista e democrática/republicana, diferenciadas polos seus principios ideolóxicos.
Liberalismo Moderado
O liberalismo moderado, representado polo Partido Moderado, baseábase no liberalismo doutrinario, que combinaba elementos do Antigo Réxime co liberalismo. Defendía a soberanía compartida entre as Cortes e a Coroa, cunha monarquía forte. O rei conservaba amplos poderes: dereito de veto, capacidade para disolver as Cortes e para nomear e cesar gobernos. As Cortes eran bicamerais, cun Senado elitista, vitalicio e de nomeamento real, e un Congreso elixido mediante un sufraxio moi restrinxido. Os dereitos e liberdades individuais, como a liberdade de prensa ou de asociación, estaban moi limitados. O Estado era confesional católico, recoñecendo a oficialidade da relixión católica. Apostaban por un forte centralismo político e administrativo, reducindo a autonomía municipal. As súas bases sociais eran a aristocracia latifundista, a burguesía enriquecida polas desamortizacións e a burguesía industrial, comercial e financeira. Esta corrente foi hexemónica durante gran parte do século XIX, o que fixo que o dereito ao voto quedase limitado a unha minoría moi reducida da poboación.
Liberalismo Progresista
O liberalismo progresista, representado polo Partido Progresista, baseábase nun liberalismo popular que pretendía romper definitivamente co Antigo Réxime. Defendía a soberanía nacional e un maior recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, especialmente a liberdade de imprenta e de asociación, así como unha maior tolerancia relixiosa. Apostaba por unhas Cortes bicamerais nas que ambas as cámaras fosen electivas mediante un sufraxio censatario máis amplo que o moderado. Os poderes do rei debían estar máis limitados, aínda que conservaba o dereito de veto. Defendían a Milicia Nacional e impulsaron reformas como a supresión dos señoríos xurisdicionais e as desamortizacións.
As súas bases sociais eran os pequenos comerciantes urbanos, artesáns, militares de baixa gradación e empregados. Durante o período isabelino non contaron co apoio estable da Coroa e só chegaron ao poder grazas a pronunciamentos militares, como no Bienio Progresista e no Sexenio Democrático.
Demócratas e Republicanos
Do sector máis radical do progresismo xurdiron os demócratas e republicanos, que defendían un liberalismo democrático. Os seus principios ideolóxicos baseábanse na soberanía popular, no sufraxio universal masculino e nun recoñecemento pleno dos dereitos e liberdades individuais. Defendían unha redución máxima do papel da monarquía, e no caso dos republicanos, a súa supresión. Estes grupos estiveron excluídos do poder durante o reinado de Isabel II, pero tiveron un papel fundamental na oposición política e nas conspiracións que desembocaron na Revolución de 1868.
A dificultade para integrar estas correntes nun sistema estable, xunto coa corrupción, a intervención constante do exército, as crises económicas, a exclusión política da maioría da poboación e a oposición carlista, provocaron unha continua inestabilidade política que rematou coa caída de Isabel II tras o triunfo da Revolución “A Gloriosa”.
A Reforma Agraria Liberal e as Desamortizacións
En España, a transición cara ao capitalismo realizouse mediante unha reforma agraria liberal, baseada na abolición do réxime señorial e na aplicación das desamortizacións, que supuxeron un cambio fundamental no sistema de propiedade e tenencia da terra e constituíron o primeiro paso da revolución burguesa.
A Desamortización
A desamortización consistiu en actos xurídicos polos que o Estado expropiaba de xeito forzoso os bens de mans mortas —morgados da nobreza, bens da Igrexa e dos concellos—, que non se podían vender nin transmitir, converténdoos en bens nacionais que posteriormente se sacaban a poxa pública para volver a mans privadas. Estes procesos tiveron precedentes desde a Idade Media e intentos previos no século XVIII, pero o impulso definitivo produciuse durante a rexencia de María Cristina e o reinado de Isabel II, da man de Mendizábal e Madoz.
Desamortización de Mendizábal
A desamortización de Mendizábal levouse a cabo entre 1836 e 1841, en plena Primeira Guerra Carlista. O Estado necesitaba recursos económicos para gañar a guerra, amortizar a débeda pública e consolidar o réxime liberal, así como o apoio social da burguesía. Mediante o Decreto de 1836 e a Lei de 1837 confiscáronse os bens do clero regular, e en 1841, xa con Espartero, tamén os do clero secular. Estes bens —terras, casas rústicas e urbanas, conventos e enseres— foron vendidos en poxa a prezos baixos.
A desamortización completouse coa desaparición dos señoríos xurisdicionais, dos morgados e coa supresión da Mesta, e ampliouse coa venda dos bens das ordes relixiosas femininas ata a súa paralización polos moderados en 1844.
Os obxectivos desta desamortización foron económicos e financeiros, ao sanear a Facenda e mellorar a solvencia do Estado; políticos, ao crear un sector de propietarios vinculado ao liberalismo isabelino e castigar á Igrexa polo seu apoio ao carlismo; e sociais, ao converter os bens inmobles en propiedade privada plena e crear unha ampla familia de propietarios. Porén, os ingresos obtidos foron menores do esperado, xa que se aceptaron títulos da débeda pública polo seu valor nominal e non real, o que beneficiou aos compradores e prexudicou á Facenda.
Desamortización de Madoz
A desamortización de Madoz, iniciada en 1855 durante o Bienio Progresista mediante a Lei de Desamortización Xeral, tivo un alcance maior e prolongouse ata 1924. Afectou aos bens rústicos e urbanos do Estado, dos municipios (bens comunais e de propios), das Ordes Militares e aos restos de bens da Igrexa. O procedemento baseouse na taxación, poxa pública e venda ao mellor ofertante, esixindo pago en metálico. Parte dos ingresos destinouse á amortización da débeda pública e o resto obrigou aos concellos a investir en débeda do Estado.
Entre 1855 e 1867 púxose en venda unha enorme cantidade de terras, cunha recadación superior á da desamortización de Mendizábal. Estes recursos permitiron financiar infraestruturas, especialmente o ferrocarril, pagar as guerras carlistas e a de Cuba, e mellorar a posición social da burguesía, que se converteu en terratenente. Os obxectivos económicos e políticos foron similares aos da desamortización anterior: sanear a Facenda e ampliar a base social do liberalismo.
Consecuencias da Desamortización
Porén, o proceso desamortizador non foi unha verdadeira reforma agraria, senón un medio para obter recursos económicos, polo que os resultados foron limitados e as consecuencias negativas numerosas. Produciuse un cambio de propiedade, xa que arredor do 40% da terra cambiou de mans, sendo os principais compradores aristócratas terratenentes, comerciantes e industriais. Non houbo unha redistribución equilibrada da terra: no sur aumentou a concentración latifundista e no norte incrementouse a fragmentación.
As consecuencias sociais foron especialmente graves para o campesiñado, que non puido acceder á propiedade e perdeu os dereitos de uso e aproveitamento dos bens comunais, fundamentais para a súa economía de subsistencia. A privatización destas terras provocou a expulsión de campesiños das propiedades que traballaran durante xeracións, converténdoos en xornaleiros ou arrendatarios con rendas crecentes. No sur da Península produciuse unha forte proletarización do campesiñado, xerando unha situación social moi conflitiva e favorecendo o auxe do anarquismo e do carlismo.
No plano produtivo, as melloras agrarias limitáronse á ampliación da superficie cultivada, coa roturación de bosques e pastizais, o que contribuíu á deforestación. Incrementouse o cultivo de cereais, oliveira, vide e froiteiras, pero a introdución de avances técnicos foi moi lenta, sen xerarse excedentes suficientes para impulsar a industrialización. Isto obrigou a moitos campesiños a emigrar, atopando escasas oportunidades nas cidades.
Ademais, as desamortizacións provocaron unha grave perda de patrimonio cultural, coa ruína de mosteiros e a venda a baixo prezo de bens artísticos e bibliográficos, moitos dos cales saíron ao estranxeiro. Tamén supuxeron unha ruptura das relacións diplomáticas co Vaticano e un forte distanciamento entre o réxime liberal e o clero, que perdeu propiedades e o cobro do dezmo.
Como balance final, a actividade agraria seguiu sendo maioritaria, ocupando a máis de 5,2 millóns de persoas en 1875. O crecemento demográfico explicouse pola mellora da alimentación e polos avances dunha medicina preventiva incipiente.
Os Principais Sectores Industriais e o Papel do Ferrocarril
1. Industria Téxtil
Características
A industria téxtil algodoeira foi o sector industrial máis dinámico da España do século XIX e desenvolveuse fundamentalmente en Cataluña. Baseouse na introdución da tecnoloxía inglesa, na concentración da produción en fábricas e na existencia dunha burguesía industrial activa. O capital procede dos aforros dos grandes produtores agrícolas, propietarios das masías, e dos comerciantes do Mediterráneo e de América, moitos deles enriquecidos co comercio colonial. Predominaban as empresas familiares de pequenas dimensións. Ademais, foi un sector relativamente fácil e barato de mecanizar, xa que aproveitou as instalacións preexistentes do sector laneiro, que fora maioritario ata finais do século XVIII.
Proceso de Desenvolvemento
Nun primeiro momento, as fábricas utilizaron a forza hidráulica, mais posteriormente incorporaron as máquinas de vapor, o que condicionou a súa localización preto dos portos polos que se importaba o carbón. A produción orientouse inicialmente cara ás colonias, pero coa súa perda pasou a dirixirse ao mercado interior. Esta orientación obrigou a adoptar unha política proteccionista, que limitaba a entrada de tecidos estranxeiros. Cara a 1850, a industria téxtil catalá xa dominaba o mercado nacional, chegando a abastecer arredor do 90 % do consumo interior.
Efectos
O desenvolvemento do sector téxtil permitiu a consolidación dun núcleo industrial moderno en Cataluña, especialmente na contorna de Barcelona. A pesar da ausencia de materias primas básicas como o algodón e o carbón, o sector logrou un notable crecemento grazas á mecanización e ao apoio estatal. Este crecemento fixo do téxtil o principal motor da industrialización española durante boa parte do século XIX.
Consecuencias
A partir de 1857-58 o sector entrou en crise debido á desviación de capitais cara á construción do ferrocarril, ás desamortizacións e á escaseza de algodón provocada pola Guerra de Secesión estadounidense.
Non obstante, durante a Restauración iniciou unha nova etapa de expansión, mantendo o seu papel central na economía industrial española.
2. Industria Mineira
Características
España contaba cunha gran riqueza mineira, pero a súa explotación estivo marcada pola dependencia do capital estranxeiro. A minería non estivo orientada a abastecer a industria nacional, senón á exportación de materias primas, o que limitou a súa capacidade para impulsar a industrialización do país.
Proceso de Desenvolvemento
A actividade mineira iniciou o seu desenvolvemento entre 1830 e 1865, especialmente en Andalucía. O impulso decisivo chegou coa Lei de Minas de 1868, que permitiu a concesión das explotacións a compañías privadas. A maioría destas compañías eran estranxeiras: os británicos explotaron as minas de cobre e xofre de Tharsis, mentres que o mercurio de Almadén foi controlado pola familia Rothschild. En 1873, o goberno da Primeira República desamortizou as minas de Riotinto, que pasaron a mans dun consorcio internacional.
Efectos
A minería experimentou un forte crecemento na produción e exportación de minerais, converténdose nun sector relevante da economía española. Permitíu tamén a entrada de capital estranxeiro e a modernización dalgunhas explotacións.
Consecuencias
Os beneficios obtidos pola explotación mineira non reverteron na economía española, xa que quedaron en mans de compañías estranxeiras. Como consecuencia, a minería non serviu como base para o desenvolvemento dunha industria nacional sólida nin para impulsar unha verdadeira industrialización.
3. Ferrocarril
Características
O ferrocarril foi un elemento fundamental para a modernización das comunicacións e a integración do mercado interior, aínda que presentou importantes limitacións. Caracterizouse pola dependencia do capital estranxeiro, polo seu ancho de vía distinto ao europeo e por unha estrutura radial con centro en Madrid, establecida por razóns políticas e económicas.
Proceso de Desenvolvemento
A súa expansión foi posible grazas á Lei de Estradas de 1851 e á Lei de Ferrocarrís de 1855, que favoreceron a construción e explotación das liñas por compañías privadas mediante subvencións e facilidades fiscais. Entre 1856 e 1866 construíronse case 5.000 quilómetros de vía, e creáronse numerosas compañías ferroviarias. Porén, moitas das liñas foron construídas de maneira precipitada, con deficiencias técnicas e escasa coordinación.
Efectos
O ferrocarril permitiu o desprazamento rápido de persoas e mercadorías, puxo en contacto a produción cos mercados e impulsou diversas actividades económicas. Ademais, contribuíu á difusión de ideas, técnicas e á integración dos distintos grupos sociais, e facilitou ao Estado un maior control do territorio.
Consecuencias
A maioría das liñas resultaron deficitarias, xa que cando se construíu a rede apenas existía unha produción industrial suficiente que transportar. A concentración do capital no ferrocarril restou investimentos á industria, e a estrutura radial e o ancho de vía diferente acentuaron os desequilibrios territoriais e o illamento de España respecto a Europa. A pesar destas limitacións, o ferrocarril supuxo unha profunda transformación económica e social.