Contaminación Ambiental: Tipos, Causas e Impacto
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geología
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,16 KB
Impacto Ambiental e Contaminación
Na actualidade, moitas actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas, especialmente sobre o medio ambiente: a contaminación e o cambio climático quizais sexan dúas das máis preocupantes. Por esta razón, ás veces, é necesario realizar avaliacións de impacto ambiental.
Que é a Contaminación Ambiental?
A contaminación é unha das maiores e máis negativas consecuencias ambientais e sociais que teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha substancia en cantidade suficiente como para xerar algún dano ou desequilibrio, irreversible ou non, e que pode ser prexudicial para a saúde, para a seguridade ou para o benestar da poboación, ou para a vida vexetal ou animal.
Tipos de Contaminación segundo o Medio Afectado
A contaminación clasifícase segundo os medios aos que afecta:
- Contaminación atmosférica: os principais contaminantes (en especial o dióxido de carbono) proceden de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias, xeración de enerxía eléctrica e calefacción doméstica, así como da evaporación de disolventes orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.
- Contaminación da auga: Xeralmente, a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de vertidos e refugallos industriais (con presenza de metais e de augas con elevada temperatura), así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de vilas e cidades.
- Contaminación do solo: Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de canalizacións de augas residuais e produtos industriais.
Tipos de Contaminación segundo o Método Contaminante
A contaminación tamén se pode clasificar en función do método contaminante ambiental. Así, podemos distinguir entre:
- Contaminación química: significa a introdución de substancias potencialmente perigosas para a saúde e para o medio terrestre, nos alimentos, no aire ou na auga.
- Contaminación radioactiva: derivada da dispersión de materiais radioactivos, como o uranio enriquecido, usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais enerxéticas, en probas atómicas.
- Contaminación acústica: é a contaminación debida ao ruído, ao son excesivo ou molesto causado polas fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer.
- Contaminación térmica: ten lugar no momento en que un proceso modifica a temperatura do medio de forma prexudicial, por exemplo, debido ao vertido de auga quente nun río: o incremento da temperatura diminúe a solubilidade do osíxeno na auga, polo que pode xerar unha gran mortaldade de peixes.
- Contaminación electromagnética: é a producida a partir das radiacións xeradas por equipos electrónicos e por instalacións eléctricas.